Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra
Xénero:
| 13 / 8 / 2021O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.
Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz
Xénero:
| 30 / 4 / 2021Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.
Sumrrá presenta hoxe '7 visións' o seu disco máis existencial
Xénero:
| 16 / 4 / 2021O Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a presentación oficial en concerto do novo álbum do trío de jazz Sumrrá. SUMRRÁ 7 VISIÓNS (Clermont MUsic) é o sétimo disco desta formación que leva xa 21 anos sendo a punta de lanza do jazz en Galicia e unha das formacións máis coñecidas do xénero fóra da comunidade. O pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo. O disco estará dispoñible en todas as plataformas a partires do 30 de abril.Marcado polo confinamento, unha das diferenzas con respecto aos anteriores traballos é ser o primeiro traballo da formación que se levou a gravar sen ter tocado os temas previamente ente público.
Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum
Xénero:
| 22 / 1 / 2021Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".
Turnes e Casquero apostan polo son ao vivo en Fidelio 85
Xénero:
| 15 / 1 / 2021Javier Turnes, voz e guitarra da Bakin Blues Band e Alejandro Casquero, piano da mesma formación, estréanse como dúo con Fidelio 85. A partir dos seus instrumentos, Turnes e Casquero amplían repertorio e integran, a partir do blues versións de temas de soul, gospel e baladas, nunha aposta que gravaron ao vivo no pub compostelám Borriquita de Belém en decembro de 2019 logo de cinco anos de recitais por salas de todo o país. Unha aposta que xorde "da nudez e da intimidade dun pequeno formato" mais que "propón a potencia do directo dunha banda" para "pór sobre a mesa, sen adornos, aquilo que consideran máis verdadeiro e excitante do blues". O dúo anuncia a súa intención de continuar percorrido a desenvolver un novo álbum de temas propios.
Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
Xénero:
| 12 / 1 / 2021Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.
O festival de jazz e blues de Ribadeo comeza esta semana a súa sexta edición
Xénero:
| 1 / 12 / 2020Cunha exposición fotográfica de Cris Andina, profesional ribadense moi coñecida no mundo da música en vivo e os festivais, dará comezo este 4 de decembro o VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo que aínda que se fixo agardar finalmente terá lugar. A oficina de turismo da localidade lucense acolle esta exposición ata o día 19 de decembro. No auditorio municipal Hernán Naval terán lugar tres concertos os día 6, 8 e 12 de decembro. A banda bilbaína Travellin’ Brothers abre este ano o apartado musical ás 20 horas do domingo coa súa música americana de raíz. A presenza da escena musical galega correrá a cargo dos Sumrrá, o trío compostelán de jazz estará o martes 8 no auditorio de Ribadeo. O peche desta edición será o sábado 12 coa actuación de Zenet, que traerá o seu latin-jazz ao festival do norte galego.
Comeza hoxe en Lugo o XXXº Festival de Jazz cun amplo cartel internacional
Xénero:
| 5 / 11 / 2020O festival de Jazz de Lugo chega ao trixésimo aniversario mantendo a súa cita e coas adaptacións que marca o actual contexto sanitario, que a día hoxe restrinxen a 30 persoas a capacidade dos espazos. Debido a isto algúns dos artistas duplicarán as súas actuacións para darlle cumprimento ás restricións e facilitar que os concertos cheguen ao maior número de persoas posible. A casa do Saber e o Círculo das Artes acollerán a maior parte do programa. O festival abre hoxe con dous concertos, Daniel García Trío na Casa do Saber ás 20,30 h., con entrada gratuíta previa reserva de localidades e ás 21,30 h. actuará The Old Project no Club Clavicémbalo, epicentro da actividade de jazz da cidade. Como é xa habitual a cita fai unha oferta selecta de artistas internacionais, o que posibilitará o paso polos escenarios de Lugo de artistas e formacións coma Salvador Sobral; o quinteto tributo a Charlie Parker, Jazz at The Massey Hall; Yamandú Costa; Jean Toussaint Quartet; Jezz Trío + Arnaud Desprez; a cantante albanesa suíza Elina Duni, acompañada de Rob Luft e Fred Thomas; Clarence Bekker Band ou Miryam Latrece Quartet, que pechará esta XXXª edición con dous concertos o día 15.
Nace a Orquestra Galega de Liberación
Xénero:
| 10 / 9 / 2020Dezaseis músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación conforman a Orquestra Galega de Liberación. A formación constituída por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance preséntase este sábado no Auditorio de Galicia en Santiago cunha actuación de balde con reserva previa baixo as restricións de capacidade actuais. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Faia Díaz (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).
O blues volve a Fisterra a contra reloxo
Xénero:
| 8 / 9 / 2020A cita coa música blues na Costa da norte, o Fisterra Blues Experience, ven de confirmar celebración e pechar cartel con tan só unha semana de antelación ao seu comezo. Así funciona agora mesmo a capacidade realista de previsión no sector cultural, que a falta de cinco días para a súa celebración os vindeiros días 11, 12 e 13 de setembro, puidemos coñecer os nomes dos artistas e as bandas que estarán presentes. A cita presentouse oficialmente o venres pasado e desde onte a oferta artística, que ofrece a presenza de nomes coñecidos da escena galega pero non renuncia tampouco a incluír referencias de corte internacional. Cun pé en cada unha desas polas está a Marcos Coll Band que actuará no evento xunto con Julian Vaughn e Mayka Edjole. The Limboos, Aló Django feat. David Regueiro, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers representarán a música feita no país propiamente e tamén haberá espazo para artistas estatais e estranxeiros coma Greg Izor & Emilio Arsuaga ou El Barullo Tango. A Fisterra House Band, banda residente do festival, volverá a estar presente no evento actuando desde un barco no Blues A Bordo. Ademais, o programa inclúe pasarrúas con Brassica Rapa e unha actividade infantil a cargo de Pakolas. A Praza da Constitución e o Farod e Fisterra serán os lugares que acollerán as actuacións este ano, ademais do propio paseo en barco. Os residentes no Concello poden acceder a un cupo propio de entradas de balde para segurar que poden gozar tamén desta actividade. O evento preséntase este ano coma unha experiencia sanadora nun entorno hostil: "Agora máis que nunca, precisamos do benestar e da búsqueda dunha renovación que nos libere e nos faga presente a fraternidade, os vínculos coa comunidade, a terra e o mar, para alonxar por un tempo as hostilidades do mundo", expresa aorganización na páxina web do festival.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical