Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte
Xénero:
| 6 / 2 / 2018O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.
Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque
Xénero:
| 30 / 1 / 2018O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.
Cristian Silva presenta Manual ególatra básico
Xénero:
| 29 / 1 / 2018A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.
Samarúas bota a andar con Prólogo
Xénero:
| 22 / 1 / 2018Tardaron case seis anos, e moitos concertos, en entrar no estudio de gravación. Samarúas acaba de presentar este mes de xaneiro Prólogo, o seu primeiro álbum autoeditado. Sete temas compoñen este lanzamento que aposta polo instrumental, con só tres temas cantados que adaptan poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Iglesias e unha letra propia. A formación achega un son complexo que combina "temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia" mercé ao traballo dos seus sete membros. Miguel Vázquez (Gaita e saxo), Antonio Prado (Percusión), Tania Caamaño (Voz e percusión), Fran Barcia (Acordeón), María Blanco (Violín), Carlos Barcia (Guitarra) e Isaac Pérez (Batería). O álbum ten como capa unha obra de Manfred Gnädinger Man.
O Festival de Ortigueira cumpre 40 anos
Xénero:
| 22 / 1 / 2018A vila de Ortigueira acollerá entre os vindeiros 12 e 15 de xullo unha edición especial do Festival Internacional do Mundo Celta. O evento cumpre na súa xeira de 2018 corenta anos de existencia, que non corenta edicións, xa que houbo pausas na súa celebración. Para conmemorar a efeméride, o programa recupera dous nomes xa clásicos no evento, como son Milladoiro e Carlos Núñez. Canda a eles, os escoceses Imar e os canadenses Yves Lambert Project marcan un programa no que tamén estarán presentes Kila, Rubén Alba ou Os D’abaixo. A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acolleu esta fin de semana a presentación da nova xeira cun cartel deseñado polo ilustrador Fernando Ruibal, que se impuxo no certame para lle pór imaxe ao evento.
Manolo Bacalhau leva ao disco os cantos da taberna con Sondobar
Xénero:
| 19 / 1 / 2018Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o ferrolán Manolo Bacalhau debuta no mercado discográfico con Sondobar. A seguir a súa traxectoria de colaboracións no campo da música da raíz, este cantor aposta pola reivindicación dos cantos de taberna para o seu primeiro traballo. Temas populares galegos e portugueses, poemas musicados de Rosalía ou Curros ou unha versión de Zeca Afonso danse cita nos dez cortes que achega este traballo. Ademais do CD, o proxecto comprende un DVD cun documental sobre o músico e varios temas gravados ao vivo. O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado 13 de setembro o multitudinario recital de presentación.
Rafael Carracedo recupera a historia e os sons orixinais da requinta da Ulla
Xénero:
| 9 / 1 / 2018O libro-cd A requinta da ulla. Obradoiro Riobó de Rafael Carracedo Crespo, contén a historia dos inicios e o desenvolvemento deste tipo de frauta tradicional no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. O volume de 192 páxinas, que acaba de saír publicado pola editorial Embora e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, inclúe fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música e máis de oitenta partituras transcritas a partir do cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros. O CD que acompaña o texto contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións.
A Roda celebra 40 anos co seu primeiro disco ao vivo
Xénero:
| 19 / 12 / 2017Tiveron que pasar catro décadas de traballo para que o grupo vigués A Roda se decidise a publicar un álbum en directo. Agora, a conmemorar eses corenta anos de traballo, a formación acaba de presentar A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira, un álbum que recolle a actuación que realizou no Festival Internacional do Mundo Celta deste 2017. Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa, a actual formación co combo, achegan ao volume dezaseis temas clásicos da banda canda a catro inéditos, cos bonus tracks de estudio 40 anos máis e Os cabaleiros da roda, da man de Inquedanzas Sonoras.
O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare
Xénero:
| 19 / 10 / 2017O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.
Xabier Díaz e Luar na Lubre encabezan a numerosa presenza galega no festival de Lorient
Xénero:
| 3 / 8 / 2017O Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña francesa, leva 47 anos sendo o máis importante do mundo no que se refire á música folk bretoa e das denominadas nacións celtas das Illas Británicas (Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda) e o norte de España (Galicia e Asturias). Este ano, o festival contará con numerosa presenza desde Galicia, con arredor de 150 músicos ou bailadores, entre os que os máis coñecidos poden ser Xabier Díaz &Adufeiras de Salitere ou a veterá banda Luar Na Lubre. Nos dez días de festival, do 4 ao 13 de agosto, chegan á vila bretona máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenrrolan nos distintos espazos do festival, chegando a haber 100.000 espectadores de pago e 700.000 visitantes, o que o convirte no máis importante festival de Francia e do mundo. Nesta edición o primeiro grupo galego en tocar serán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, o domingo 6 no Grande Teathrè. Tamén chegarán ao Interceltique TRIM. Este trío instrumental formado por Fernando Barroso, Pedro Fariñas e Luís Peixoto fará unha das súas primeiras aparicións europeas, nun festival no que o seu gaiteiro, Pedro, é xa coñecido ao gañar o certame MacCrimmon no ano 2011. O Espace Marine é o recinto máis grande do festival, reservado para as producións con maior sona do mesmo. Nel tocarán a noite do mércores 9 os coruñeses Luar na Lubre. Coa súa renovada formación amosarán ao público bretón a súa proposta encadrada no 30º aniversario do grupo.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos