Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Miguel Costas segue ao pé do cañón con No me cuentes tu vida
Xénero:
| 5 / 2 / 2016Inasequible ao desalento Miguel Costas, antigo membro de Siniestro Total, continúa a súa andaina e presenta o seu cuarto álbum en solitario . No me cuentes tu vida, dispoñible a partir de hoxe, segue a liña de rock clásico que caracteriza o músico vigués, con letras cheas de ironía e crítica. Doce temas con títulos como Leonor, Carne de cañón ou Botellón e De palisandro, que foron os singles de presentación. O álbum está editado por Warner Music Spain e polo momento non hai datas para a súa presentación en Galicia.
I'm Home presenta a Cora Sayers
Xénero:
| 27 / 1 / 2016Unha voz melódica que se achega aos rexistros do rock acompañada por potentes guitarras de aire grunge. Cora Seyers, alter ego da actriz pontevedresa Cora Velasco, preséntase ao público co seu primeiro LP I'm Home. Gravado nos estudios Montealto da Coruña, o álbum achega doce temas en inglés nos que a cantante e guitarrista está acompañada por Nico Lysergic á batería, G. Isanda e Laura Solla ás guitarras e Pedro García ao baixo. A xira de presentación deste traballo, que inclúe concertos eléctricos e en acústico, levará a banda a Lugo (Pub Clavicémbaldo, 3 de febreiro), Oviedo (La Salvaje, 19 de febreiro) e Cangas (Salason, 26 de marzo).
En Casa del Herrero volta cun álbum duplo
Xénero:
| 26 / 1 / 2016Un ambicioso álbum duplo fai o número tres da discografía de En Casa del Herrero. O grupo acaba de publicar Tradicción, un proxecto que combina os once temas orixinais de Adicción, que é o primeiro volume desta obra, coas versións acústicas de clásicos en Tradición, título da segunda entrega. Para alén de temas en castelán e inglés, o grupo canta por vez primeira en galego con Mirade para o meu pequeno. O conxunto que lidera Eduardo Herrero segue a súa aposta polos sons dos folk-rock americano e mantén a formación con Carlos Clérins, Pepe Lamas (baixo), Jorge Quesada (órgano e piano) e Óscar Quintáns (batería). Ademais, o álbum contou con colaboracións como a de Javier Cedrón, Xavier Facal, Mar Blanco ou Daniel López. A gravación realizouse no estudios Son Natural de Rois e Mandeo Records.
Dakidarría celebra 13 anos con De cuncas e de mar
Xénero:
| 19 / 1 / 2016Logo de catro LPs e un recompilatorio, Dakidarría presenta un novo proxecto discográfico que conmemora os seus 13 anos de traballo. De cuncas e de mar é un CD-DVD que recolle un concerto íntegro do grupo e que inclúe, no seu apartado audiovisual, unha serie de reportaxes sobre o día a día dos músicos. A banda achega quince temas nos que mantén a súa aposta pola fusión de ska, reggae e punk-rock sen concesións e cun son potente e conta con colaboracións de Boikot, Obrint pas, La Raíz, ZOO, García MC, Itaca band, SKA-P ou SOAK. Gravado por Santa Cruz Recording, o novo traballo sae á venda o vindeiro 29 de xaneiro nunha edición limitada da man de Maldito Récords. Dentro da xira de presentación, a primeira data confirmada no noso país é un recital o vindeiro 9 de abril na sala Super 8 de Ferrol.
Óscar Avendaño presenta Burro
Xénero:
| 18 / 12 / 2015Co nome de Óscar Avendaño & Reposado, o músico vigués volta e presenta o seu terceiro traballo. Burro é un álbum autoeditado que sae á venda dunha dupla edición en digipack e en vinilo e alta gramaxe. Avendaño acompáñase nesta ocasión de Mauro Comesaña, de The Soul Jacket, a se encargar de percusión e coros, e Andrés Cunha de Los High Sierras a ocuparse do baixo. O álbum, na liña de Avendaño, aposta por un rock nidiamente americano, con tintes de blues e de folk e foi gravado en GuitarTown Recordings.
A incorporación de Iron Maiden marca o vindeiro Resurrection Fest
Xénero:
| 10 / 12 / 2015A XI edición do Resurrection Fest, que se celebrará en Viveiro entre o 7 e o 9 de xullo de 2016 promete bater marcas. A organización do evento acaba de confirmar a presenza de Iron Maiden como cabeza de cartel da vindeira xeira, nun dos tres únicos concertos que a banda vai realizar no Estado. Esta será a primeira vez que o celebérrimo grupo británico visita Galicia en máis de 13 anos. Canda a eles, están tamén confirmados nomes como The Offspring, Volbeat, Hatebreed, Bullets for my valentine ou Abbath entre as preto de 80 bandas de metal, punk e hardcore que estarán presentes no evento. Os bonos para os tres días do festival están xa a venda por 85 euros.
Terbutalina lanza Al otomano se le va la mano
Xénero:
| 17 / 11 / 2015A Sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 28 de novembro a presentación do novo disco de Terbutalina. Al otomano se le va la mano é o sétimo traballo da banda e mantén a aposta por un punk rock sen concesións, con temas breves e acelerados, no que cobran protagonismo os teclados de apoio. O disco é o primeiro do grupo con edición física, un vinilo que chega ás tendas da man de Folc Records e Grabaciones de Impacto. A grabación realizouse nos estudios A Ponte e a masterización realizouse por Jim Diamond en Ghetto Records (Detroit).
Dreams Of Dolly Sheep continúa carreira co seu cuarto traballo
Xénero:
| 13 / 11 / 2015O Iguana Club de Vigo acolle esta noite a presentación de Amok, cariño y saliva. O grupo Dreams of Dolly Sheep dá a coñecer na súa cidade natal os temas do seu cuarto traballo, un álbum no que manteñen as súas influencias de rock dos noventa, grunge e toques de psicodelia. A xira de presentación continuará por Compostela (Sala Moon, 28 de novembro), A Coruña (Mardi Gras, 4 de decembro) e Lugo (Clavicémbalo, 5 de decembro).
Brais Morán explora a súa transición persoal en Cruzando o eclipse
Xénero:
| 6 / 11 / 2015Logo da súa experiencia en Loretta Martin, Brais Morán asenta a súa carreira e lanza seu primeiro disco como solista. Cruzando o eclipse achega trece temas nos que o músico coruñés mantén o seu vencello cun rock de guitarras con aromas dos setenta e toques funk. Segundo explica Morán, o proxecto reflicte un momento vital "onde cae a miña mocidade transformándose noutra idade chea de enerxía que continúa a crecer". Gravado integramente en galego nos estudios Abrigueiro logo dunha campaña de crowdfunding, o álbum conta con Manu Seoane na guitarra eléctrica, Miguel Queixas á batería e Denís Morán no baixo, así como cunha colaboración de Fran Pérez Narf.
Liviao de Marrao presenta Que cada cão lamba a sua caralha
Xénero:
| 26 / 10 / 2015Dous anos despois do seu Matança Eta Filhoak!, Liviao de Marrao presentan o seu segundo álbum de estudio. Que cada cão lamba a sua caralha dábase a coñecer o pasado venres cun concerto na compostelá Sala Capitol. O grupo achega doce novos temas "nos que prima a mistura de punk, ska e rock com um sentimento de arroutada e de rebeldia que é a herança do bravú em galego" no que os habituais instrumentos de metal, guitarras e percusión súmanse outros menos comúns neste estilo como o violín e a gaita. O álbum, autoeditado e gravado nos estudios Pousada Son, inclúe curiosidades como a versión dunha cantiga de amigo de Johám de Requeixo, xograr do século XIII.
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Deleiba
III
Grande Amore
Trankimasín
Heredeiros da Crus
Xabral
Ruxe Ruxe
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música