Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Enki continúa o seu camiño no metal con Red Oak
Xénero:
| 28 / 9 / 2016Apenas un ano e medio despois do seu debut discográfico, os pontevedreses Enki atacan de novo. O cuarteto mantén nos dez temas de Red Oak a súa aposta por un son contundente con ritmos acelerados en coordenadas que transitan entre o groove metal e o death metal melódico. O álbum, autoeditado, gravouse no estudio vigués Planta Sónica e saiu á venda o pasado 15 de setembro. A sala Transylvania de Vigo acollerá o vindeiro oito de outubro un concerto da xira de presentación do traballo, co grupo acompañado por Salavelatoria.
Canedo Rock lanza o II Rockopilatorio Ourensán
Xénero:
| 27 / 9 / 2016Seis anos despois do primeiro volume, a organización do Canedo Rock lanzaba este verán o II Rockopilatorio Ourensán. Este álbum recolle cadanseu tema de vinte bandas da provincia na súa edición física e de vinte e unha na dixital, e está dispoñible para libre descarga. Segundo explican os responsables do proxecto, a intención é dar a coñecer o traballo que fan os conxuntos en activo no panorama rockeiro ourensán. No álbum pódese escoitar desde o "rock de Cabo da Vila ao Death Metal de Upcoming Devastation a pasar polo Punk de Bergallazo, o Heavy Metal de Pacho Brea ou o Southern Rock de Fresno" segundo explican na presentación. Logo de o lanzar nas redes, o álbum terá a súa presentación ao vivo o vindeiro 1 de outubro cun concerto no Café Cultural Auriense a cargo de Cabo da Vila, Mitocondrias e Poseídos a partir das oito e media da tarde.
Agoraphobia anuncia unha intensa xira para este outono
Xénero:
| 8 / 9 / 2016Un total de 17 concertos por todo o estado durante tres meses. Esta é a proposta que fai Agoraphobia no seu Brave Faneca Tour, unha intensa xira que arrincará o seis de outubro en Tenerife e rematará en Córdoba o 10 de decembro. Entremedias, a viaxe inclúe paradas en terras galegas, con recitais en Ferrol (21 de outubro), Culleredo (28 de outubro), A Coruña (5 de novembre) e Compostela (26 de novembro). Logo de rematar esta intensa rolda de concertos, Susana, Paula, Lu, Aislinn e Sabela fecharanse no estudio para gravar o que será o seu primeiro LP, logo do éxito acadado cos seus dous EPs Dirty litlle things e Ready to play, publicado o pasado ano. A xira conta co apoio do programa Artistas en Ruta de AIE, da Agadic e da axencia de management Dotbeat, que representa o grupo.
Heredeiros da Crus reeditan os seus catro primeiros discos
Xénero:
| 28 / 6 / 2016A banda de rock nacida no Barbanza en 1992 vive a súa segunda xuventude e exhibe músculo reeditando catro dos seus primeiros discos, todos do século pasado, que estaban esgotados e descatalogados ata agora. Un digipack reúne estas catro gravacións baixo a denominación 1992-1999 (Fol Música). Xunto cun póster da banda poderemos encontrar neste paquete o seu primeiro disco A cuadrilla de Pepa a Loba (1994) ; ¡¡Está que te cajas!! (1995); Des Minutos (1997) e Erecsiones munisipales (1999).
O sol dos Resentidos volve saír
Xénero:
| 20 / 6 / 2016A banda comandada por Antón Reixa comezou a súa volta de honra aos escenarios en 2012 para conmemorar os trinta anos da súa creación, froito daquilo foi o disco e posterior xira A tribo toda baila. A cousa non quedou aí e cando este ano se cumprían trinta anos da saída do seu disco máis celebrado “Fai un sol de carallo” a banda volveu xuntarse nun concerto o 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense. Acompañados por A Lira Big Band de Ribadavia, Antón Reixa e os seus reinventaron o seu disco creando “Fai un sol de carallo-Suite”. Warner Music saca agora o disco gravado nesa ocasión en formato CD + DVD con todo o espectáculo. A través dos 26 temas deste disco redescóbrese a vixencia musical d’Os Resentidos no seu disco máis recordado por grandes éxitos como Sector Naval, Galicia Sitio Distinto, Sexo Macumba e Galicia Caníbal entre outros. Ademais do acompañamento da máis que centenaria banda A Lira o concerto contou coa colaboración de outros músicos como Ses, Sito Sedes ou Roberto Sobrado. A gravación preséntase como una homenaxe d’Os resentidos a todos os músicos populares de Galicia.
O Cultura Quente colle forzas na súa nova xeira
Xénero:
| 26 / 4 / 2016O pasado verán resucitaba logo de tres anos en silencio, e agora amosa a súa intención de volver a ser un referente no circuíto de festivais. A organización do Cultura Quente de Caldas daba a coñecer estes días o cartel do evento para este 2016. Un programa de dous días (un máis do que en 2015) no que visitarán a carballeira da vila Los Enemigos, Supersuckers, Marky Ramone, Ilegales, El Drogas, Siniestro Total, The Soul Jacket, Havalina e Agoraphobia. Como novidade, a recadación das cotas por acampar irá integramente destinada aos refuxiados sirios.
NAO presenta o duplo EP Soñar-Crear
Xénero:
| 20 / 4 / 2016Santiago de Compostela acollía onte, 19 de abril, a presentación do novo proxecto discográfico de NAO. Trátase dun duplo EP que, co título Soñar-Crear sae en dúas partes e achega un total de nove composicións novas. En concreto, onde saía á luz a primeira parte, Soñar, que xa está dispoñible para libre descarga no web da banda. O disco, producido e gravado por Iago Pico, produtor dos seus últimos traballos, amosa "probablemente o son máis potente gravado" polo grupo nos seus catro temas. A edición física do mesmo incluirá ademais as versións que fixeron de Venceremos Nós e Porque este soño é necesario para un soño.
Malkeda volta con Cumulonimbo
Xénero:
| 13 / 4 / 2016O día oito de abril saía á luz Cumulonimbo, o terceiro traballo de longa duración dos pontevedreses Malkeda. A banda achega doce novos temas nos que continúa a súa exploración do NU Metal e que saen á luz grazas a unha exitosa campaña de crowdfunding. Nesta ocasión o grupo conta con colaboracións como as de Loko23 (Delahoja), o triatleta Javier Gómez Noya ou Alberto Cereijo de Los suaves entre outros. O álbum gravouse nos estudios Planta Sónica II, Villa Angelina e Zoilo Unreal Studios de Vigo. A Sala Aquilón de Laracha, o día 15, e a Malatesta Compostela o 21 son as primeiras paradas na xira de presentación.
Mutant reinvéntase con Pleiades
Xénero:
| 7 / 3 / 2016Logo do EP Social Misfits e de Titanomakhia, a banda anteriormente coñecida como Mutant Squad reinvéntase para o seu novo traballo. Mutant está en plena xira de presentación de Pleiades, un álbum de oito temas autoeditado e financiado mediante crowdfunding. Na súa evolución, a banda aposta por sons máis progresivos e elaborados sen abandonar a súas coordenadas de trash metal. O trío compostelán achega composicións longas e incorpora a Xalo a substituír a Campi no baixo e como acompañamento vocal. As vindeiras paradas do proxecto no noso país serán o vindeiro 18 de marzo no 981 United da Coruña e o 8 de abril en La Fábrica de Chocolate, en Vigo.
Familia Caamagno presenta en Compostela o seu novo traballo
Xénero:
| 1 / 3 / 2016Un mini-LP con seis temas que gravaron nos estudios Circo Perroti de Xixón. Esta é a proposta de de Familia Caamagno con Para unha vez que saímos. O álbum que edita Lixo Urbano, inclúe temas como Lausanne (on my mind) e O Tempo do Lobo, e preséntase ao público o vindeiro 4 de marzo cun Guateque Extremo na Sala Capitol no cal o grupo estará acompañado de Cool Funeral. Rock and roll acelerado, toques lisérxicos e esencia garaxe manteñen o espírito irreverente do grupo.
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Deleiba
III
Grande Amore
Trankimasín
Heredeiros da Crus
Xabral
Ruxe Ruxe
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música