Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Tres Pesos voltan con Cando os animais cantaban
Xénero:
| 14 / 12 / 2020Logo de tres anos de preparación, o trío Tres pesos presenta o seu segundo traballo discográfico. Felisa Segade, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) e Estevo Lamas autoeditan Cando os animais cantaban, unha colección de 11+1 temas orientados ao baile desde a ollada tradicional. Unha potente base rítmica que inclúe pandeiros, pandeiras, bombos, pandeiretas ou culleres acompaña as melodías de acordeón, clarinete e gaita nun proxecto que chama a recuperar o canto popular nas festas.
De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Un total de cen pezas de repertorio tradicional galego "e das comarcas da contorna" adaptadas e transcritas para ser interpretadas con acordeón diatónico. Esta é a proposta que achega De botóns, un cancioneiro para este instrumento realizado de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding. A obra incorpora a este acordeón tradicional pezas de repertorios que van "desde o vocal ata o de gaita, pasando polo das murgas e orquestinas, o propiamente acordeonístico ou o de outros instrumentos coma violinos e harmónicas", escritas en linguaxe musical convencional con cadansúa proposta harmónica e rítmica.
A Asociación de Gaiteiros Galegos analiza a tradición en feminino
Xénero:
| 19 / 11 / 2020O Concello de Rianxo acolle este 22 de novembro o encontro Tradición en feminino. A Asociación de Gaiteiros Galegos coordina esta iniciativa que pretende "reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural". No programa, que se poderá seguir en liña a través do Facebook do colectivo, Maruxa dos Rosales, percusionista de Rianxo, dará a coñecer a súa experiencia pioneira como parte un grupo de gaiteiros desde os anos 60.
O grupo TOR traslada no seu primeiro disco as investigacións recollidas da música tradicional
Xénero:
| 26 / 10 / 2020Un repertorio a base de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior é a tarxeta de presentación da banda ourensá TOR. A principal fonte destes temas é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro, compoñentes do grupo), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras. Os irmáns Castro están acompañados neste proxecto por Álvaro Iglesias no contrabaixo e o coñecido Xosé Liz nas cordas do bouzouqui, guitarra e mandolina. A formación ven de sacar o sue primeiro traballo gravado, de nome homónimo TOR (Inquedanzas Sonoras, 2020), ofrecendo once temas con orixes en moi diversos puntos da xeografía en forma de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras, piruxaldas, alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, como a que pecha o disco, Mazurca do Cachoupiño, que recibe o nome polo baile do cachoupiño que aparece na novela A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e foi composta para a publicación EBA 5.0, o universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga (Difusora, 2009). Esta mazurca está inspirada en antigas mazurcas tarareadas aos irmáns Castro polo gaiteiro Fernando Paradela de Sarreaus (Ourense). Tanto esta mazurca coma a peza Piruxalda de Argomoso e muiñeira de Vilaquinte foron gravadas ao vivo para o disco. O álbum conta coas colaboracións de Pancho Álvarez e Ángel Ruíz e xa está dispoñible en Spotify e YouTube ademais de á venda na páxina de Inquedanzas Sonoras, ou na web do grupo co seu libreto completo. O grupo gravou ademais este verán a banda sonora para a mediametraxe Luarada ( Óscar Doviso), sobre o lobishome de esgos Manuel Blanco Romasanta, que se estreou no OUFF en outubro.
O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo
Xénero:
| 20 / 10 / 2020En 1980 publicábase o disco A Galicia de Maeloc (Ruada), o primeiro da banda folk Milladoiro causando unha gran admiración pola súa proposta e sendo o primeiro disco galego en editarse en Francia. A celebración deste 40 aniversario farase a través dunha xira da actual formación de Milladoiro, que os levará por ata dez vilas e unha cidade galegas desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano. Estes concertos formarán parte das accións de promoción do Xacobeo 2021, polo cal a formación presentou onte a xira na Cidade da Cultura de Galicia acompañada do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. O conselleiro quixo poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes. O 14 de novembro a formación estará na propia Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Susana Seivane recupera nun disco os temas que interpretou durante o confinamento
Xénero:
| 15 / 10 / 2020Durante moitas das noites do período de confinamento Susana Seivane quixo contribuír desde a súa casa a facer máis pasables as circunstancias coa súa música. Saíndo ao seu balcón e a través das redes sociais a músico foi interpretando diferentes temas do seu repertorio. Vinte deles son os que agora recolle neste disco que sae mañá venres baixo o descritivo título Dende o meu balcón. O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, ou Suso Vaamonde, entre outros, forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades. Dende o meu balcón é o sexto disco de Seivane e supón o retorno ao substrato ancestral sobre o que Susana construíu a súa carreira. collendo coma fío condutor a riqueza do patrimonio musical galego e a posta en valor dos novos talentos que compoñen en base á tradición. Segundo a folla de promoción do traballo esta volta á orixe da gaiteira de Cambre xurde a partires dun proceso onde a identidade galega artellou unha catarse colectiva a través das redes para miles de persoas no mundo a través da interpretación de Susana dos temas recollidos no disco, durante cada noite do confinamento. Inconscientemente, a procura dos acervos serviu de catalizador da resistencia e precisamente o descubrimento desta condición foi o que levou a Susana a compilar os temas interpretados neste novo traballo discográfico. Mañá, venres 16, sairá en exclusiva en todas as redes dixitais, mentres que a edición física estará limitada a súa venda a través da páxina web da artista.
Un curso en Vigo facilitará o achegamento á improvisación oral tradicional
Xénero:
| 8 / 10 / 2020O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a través do Centro de Interpretación da Oralidade, acaba de convocar a edición 2020-2021 do Curso de Improvisación Oral en Verso. Esta proposta formativa desenvolverase ata mes de maio do vindeiro ano e pretende dar a coñecer a poesía oral improvisada en verso, espertar o interese pola técnica, facultar o alumnado para poder improvisar e mellorar as competencias persoais no fomento das actitudes para a improvisación, da actitude creativa ou do desenvolvemento da memoria, entre outros obxectivos. As aulas estarán a cargo de Josinho da Teixeira e a inscrición é de balde.
Entre Trastes álzase como triunfador nos XIX Premios Opinión da Música de Raíz
Xénero:
| 30 / 9 / 2020O grupo Entre Trastes conseguiu saír como triunfador da gala dos XIX Premios Opinión da Música de Raíz que se celebrou na noite deste 29 de setembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A desbancar a Germán Díaz e ás Tanxugueiras, que acumulaban o maior número de candidaturas, a formación conseguiu os galardóns nas dúas categorías ás que aspiraba. O seu Umami obtivo así o premio ao mellor álbum e a canción Candolla impúxose como mellor tema orixinal. Germán Díaz só conseguiu un dos catro galardóns aos que tiña opcións, ao recibir o de Mellor Artista, un premio no que recunca logo de o gañar tamén en 2015.
Dequenvessendo debuta co Canto das xacias
Xénero:
| 17 / 9 / 2020Logo de catro anos de actividade, o grupo folk Dequenvessendo presenta o seu debut discográfico.Canto das xacias achega once tema de composición propia no que o grupo explora, mediante a confluencia de "sonoridades celtas, atlánticas e de raíz" a "lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos". O disco, editado por Xingra e producido por Mirmidón, chega logo do éxito dunha campaña de micromecenado.
Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán
Xénero:
| 25 / 8 / 2020No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos