Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Terbutalina volve coas pilas cargadas con 'Era cabra'
Xénero:
| 3 / 11 / 2023Regresa a formación de Esteiro, Terbutalina, cun novo álbum completo que desde hoxe está dispoñible en plataformas dixitais, "Era cabra" (Dotbeat, 2023). Fai agora 4 anos que a banda presentaba o seu último traballo "Espabila Gallego" (Folc records, 2019) e con este novo traballo presentado hoxe do que xa se foron presentando cancións en avance os Terbutalina culminan un proceso catártico para voltar "máis fortes ca nunca". Neste contexto 'Era cabra' revélase como o regreso á orixe "tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno", aseguran desde a banda. Este novo elepé está composto por oito temas nos que podemos atopar esa banda punk rock moi aberta a influenzas históricas como o psichobilly e con letras traballadas, retrousos que enganchan e contundencia sonora. O disco foi gravado e producido nos estudios 'A Ponte' por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Schmidt nos estudios '24-96' e terá O unha edición física en formato vinilo editado por Folc Records. A banda presentará este novo disco sobre o escenario da Sala Malatesta, en Santiago de Compostela, o vindeiro 8 de decembro.
O festival Castañazo de Chantada volve tras tres anos desaparecido
Xénero:
| 27 / 10 / 2023Disque foi en Chantada no 1994, na segunda edición do que entón era chamado o Castañazo Rock, onde naceu o termo 'Rock bravú'. Nunha cea coas bandas presentes na cantina de Viana. Dende entón esta é unha cita especial para a o rock en galego e só a pandemia conseguiu parala, ata agora. Tras dunha anterior edición, a 17, que se celebrou en 2019 o evento supera hoxe un parón de tres anos e volve coa súa XVIIIª edición cun lixeiro cambio de denominación quu non afecta á súa liña de programación, como Castañazo, a secas. Hoxe venres comeza e seguirá tamén mañá no mercado gandeiro de Chantada, reunindo unha ducia de artistas que representan a parte da actualidade da música en galego. Fillas de Casandra, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore enchen o cartel do venres. O sábado estarán en Chantada Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. A veterana cita ofrece tamén actividades como os cantos de Taberna e un festival paralelo de música infantil de balde no auditorio municipal.
Grupos en Loita denuncia o incumprimento de Caballero co festival Rock in Vigo
Xénero:
| 16 / 6 / 2023No marco do arrevesado conflito polo patrocinio público frustrado do concerto da banda californiana Guns N' Roses en Vigo engádese desde a escena musical viguesa outro motivo de controversia en dirección ao responsable do consistorio olívico. A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a súa promesa de organizar e celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas que o propio alcalde, Abel Caballero, anunciou para facerse na Porta do Sol os días 9, 10, 11 e 12 de xuño, coincidindo cos días previos ao concerto de Guns N' Roses en Balaídos. Porén desde a plataforma lembran que o evento non se celebrou, sen que se dese ningunha información ao respecto e sen que se tivese contactado con ningunha banda viguesa ou galega para participar en dito festival. Grupos de Vigo en Loita anuncia que levará a cabo accións nas próximas semanas para continuar a reivindicar a celebración do festival Rock in Vigo e en xeral a participación de bandas locais na programación musical do Concello. Anuncian que seguirán "esixindo ao Concello que celebre o evento tal e como o prometeu ante todas as viguesas e vigueses en Televigo", xa que "só mantendo a loita e a protesta de xeito continuado é como se conseguen as cousas con este Goberno municipal, como xa demostramos co tema das salas de ensaio".
Dioivo lanza o seu novo traballo 'Cara os Ceios Incrementes'
Xénero:
| 9 / 6 / 2023O dúo vigués de metal en galego Dioivo vén de lanzar o seu novo álbum 'Cara os Ceios Incrementes', editado polo selo discográfico grego Sleaszy Rider Records. Como é habitual no grupo, o traballo inclúe diversas adaptacións de coñecidas obras da literatura galega, de autores como Darío Xohán Cabana, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén inclúe cancións con letras orixinais, sempre escritas en galego. O álbum comeza precisamente coa súa adaptación de "Que importa que nos craven as cadeas", poema de Darío Xohán Cabana incluído no seu libro de 1970 'Verbas a un Irmao'. Os vigueses escolleron este reivindicativo poema escrito durante o franquismo para homenaxear ao autor lugués logo do seu falecemento a finais de 2021. O álbum propiamente dito ten unha duración de 48 minutos en 8 cancións, pero o lanzamento inclúe tamén 3 temas extra adicionais, cos que a duración elévase aos 67 minutos. O primeiro deles é precisamente outra adaptación dunha obra da literatura galega, 'Retorno a Tagen Ata' de Xosé Luís Méndez Ferrín, lanzado previamente polo grupo no 50 aniversario desta célebre e influínte novela de 1971. No tema, Dioivo contan coa colaboración do propio Méndez Ferrín, que narra varios pasaxes da obra sobre a música da banda.
Maneiro volve en solitario co álbum "Un Bonito Despertar"
Xénero:
| 30 / 5 / 2023Javi Maneiro presenta este vindeiro domingo na Sala Capitol de Santiago o seu novo traballo discográfico en solitario. "Un bonito despertar" (Sorte Discos, 2023) é o seu cuarto disco asinado co seu nome propio e chega nun momento moi especial da súa carreira e da súa vida. Tras dun accidente cerebrovascular que obrigouno a afastarse de todas as actividades e frear en seco a xira que estaba a facer coa súa banda Heredeiros da Crus, Maneiro pode agora volver ´actividade con datas xa confirmadas coa súa banda para este verán e subirá ao escenario por vez primeira este domingo para presentarse con este disco, que xa estaba preparado antes do incidente pero cuxa saída tamén tivo que ser adiada ata agora. En "Un bonito despertar" Javi Maneiro ofrécenos 10 temas da súa autoría e por vez primeira en todos eles usa o galego. O ton de pop rock domina o álbum, indo dese as baladas intimistas como "Non quero bicos sen lingua" ata os himnos máis electrizantes como "A morte non me enjaña". Con un son de estudio profesional elegantemente producido por Fran Gude, e que conta co músico ribeirense Rubén Cores, como director musical e encargado dos arranxos. As letras de Maneiro, son sempre profundas, vitalistas, románticas e íntimistas, sentidas sen renunciar a unha linguaxe achegada e sinxela, unha marca do autor no que ten que ver coa súa música asinada en solitario e que reivindica no sinxelo de lanzamento "Son un romántico". O disco xa está en todas as plataformas e este domingo na Sala Capitol da capital galega o artista do "corazón de carballo" subirá ao escenario por vez primeira en todos estes meses para recoller o calor dos seus seguidores e transmitirlles a súa vitalidade.
O disco 'Ferro e Pedra: Homenaxe aos precursores' reivindica os legados do rock galego
Xénero:
| 23 / 5 / 2023Saíu o mesmo Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, en principio só dispoñible para a súa escoita en formatos dixitais a través de YouTube e algunha outra plataforma, pero xa está prepararse a dispoñibilidade no resto das plataformas dixitais e unha edición física con algunhas outras sorpresas engadidas. "Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores" é unha recompilación na que 10 bandas galegas actuais de rock renden tributo a outras tantas formacións históricas, a maioría de rock duro, metal e hardcore (aínda que hai excepcións) xa extintas pero que consideran que foron clave na escena musical das nosas cidades e vilas. As formacións que asinan as versións son Aquelarre, Amenaza de Muerte, Barbarian Prophecies, Dioivo, Mileth, Pneura, Schwarzenegger, Somos Nos, Xerión e Xhamain. Mentres os grupos cuxas cancións son obxecto de versións son Desvirgheitors, Mutant Squad, Épsilon, Nordés, Consumatum Est, Mol, Detestor, Nowhere, unha versión do famosos "Esta vida me va a matar" de Los Suaves e inclúese ademais unha revisión do clásico "Años 80" de Los Piratas. A maioría dos temas está en galego e, no reparto, as bandas foron escollendo para homenaxear a algunha formación da súa propia zona. A portada do mesmo foi realizada por Trönner Graphics.
Astarot celebra o seu 40 aniversario rodeados de amigos en Cangas
Xénero:
| 5 / 5 / 2023Comezaron en 1983 a facer rock en Cangas de Morrazo, converténdose nun referente pioneiro do heavy metal en Galicia durante a efervescencia das grandes capitais da "movida". Uns anos despois, co seu terceiro disco "Apuesta y gana" (1996), a banda incorporou a lingua e a cultura galega con letras de autores da nosa literatura ás súas gravacións, dende entón sempre foron xa un referente do rock en galego, con temas novos ou incorporando cancións populares ás sonoridades do rock metal. Agora chegan ao seu 40 aniversario, unha cifra impoñente, e queren celebralo na súa localidade cun concerto moi especial que incluirá as achegas de 15 artistas invitados que, segundo comunican, "forman parte da do panorama musical galego de agora e de sempre". Así, este sábado, 6 de maio, no Auditorio Xose M. Pazos aso Astarot estarán dando un concerto moi especial de celebracións, no que subirán aos escenario amigos e amigas, como Rosa Cedrón, Xosé Luís Rivas "Mini", Lucia Pérez, Vituco Neira, Tonhito de Poi, Bieito Romero xunto a outros membros de Luar Na Lubre, dous dos membros de Los Suaves ou Josito Porto entre outros.
Furious Monkey House escurece o seu son con Oneiric
Xénero:
| 28 / 4 / 2023A banda pontevedresa Furious Monkey House está en plena xira de presentación do seu novo álbum Oneiric. Neste seu terceiro traballo, o grupo evolúe cun son no que combina o rock dos 90 con propostas que se achegan ao synth pop sen abandonar o peso das guitarras e achegando texturas máis densas e escuras ás súas propostas, a incorporar reverbs e sons atmosféricos.
O Buril reúne en Sarria aos 'punkis de aldea'
Xénero:
| 20 / 4 / 2023A A.C. O Buril de Sarria organiza este sábado 22 de abril o 'Encontro de Punkis de Aldea', un festival que reunirá ata 21 grupos musicais que teñen en común dúas cousas: unha posición musical e ideolóxica punk e un vencello claro co mundo rural. Nun horario continuo desde as 13.00 horas ata as 3 da madrugada non parará a música no local desta entidade. A banda residente de O Buril, Sudor do tractorista, abrirá a xornada como formación anfitrioa para despois seguir co resto das bandas, chegadas desde diversos puntos de toda Galicia e algunhas de fóra, desde Barcelona, Asturias, Murcia ou Valladolid.
Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
Xénero:
| 17 / 3 / 2023Hoxe ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, "Unha noite no interior dunha faísca" (Lobicán Records, 2023), que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. A banda de rock compostelá acada con este disco o número 17 de traballos publicados nos seus máis de 25 anos de traxectoria, desde "Ruxe-Ruxe" (1999) e despois "Non temos medo" (Clave Records, 2000) en clave Bravú, asegurando neste caso un xiro de guión e outras sorpresas nas que amosan que seguen sen ter medo a propios ou estraños. "Unha noite no interior dunha faísca" preséntase coma un álbum cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz. Tres anos separan o disco do anterior "O estraño falar dun monstro da aldea" (Lobicán records, 2020). A banda presentará en concerto este novo traballo o sábado 25 de marzo volvendo á Sala Capitol, lugar moi presente na súa traxectoria destes 25 anos.
novidades discográficas
Xabral
Ruxe Ruxe
O círculo das formigas
Os John Deeres
Malkeda
Malkeda
XX
Dakidarría
Rematou o simulacro
Loita Amada
REPORTAXE
![Imaxe da reportaxe: Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música](../imaxes/edicion/tem_4785.jpg)
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música