Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Indie
Música Indie
Grampoder dá a coñecer o seu Amuleto
Xénero:
| 29 / 4 / 2024Once anos despois da súa presentación, o dúo Grampoder, composto polos antigos membros de The Homens LeRoi e MartinWu, presenta neste 2024 o seu cuarto álbum. Os dez temas de Amuleto afondan na vaga de rock escuro con influencias indies do seu anterior traballo.
Berlai retrata o país con 'Estampas Galegas'
Xénero:
| 7 / 6 / 2023'Estampas Galegas' é o último traballo de Berlai, o terceiro asinado polo exintegrante e compositor de Fía na Roca tras Desconhecido (Axóuxere Editora, 2016) e 'Cas Berlai' (Seispes, 2020). Neste caso Xiao berlai ofrécenos en formato libro-disco unha mestura de música, contos e ilustracións que falan da Galicia actual, homenaxeando a 'Cousas' de Castelao a través de dez cancións e outras tantas estampas baseadas en experiencias vitais ou reflexións do músico. A música e os contos foron compostos por Xiao Berlai e as ilustracións son do artista Leandro Lamas. O diálogo entre as tres artes que habitan as 'Estampas Galegas', convida a xogar entre si e gozar da súa conexión sen orde xerárquica. Podemos comezar pola música ou a ilustración e rematar coa historia, ou viceversa, deixando a elección en mans de quen le, mira e escoita. O novo traballo, na súa parte sonora xa está disponible nas plataformas dixitaise públicase a través de ARegueifa Plataformas 2.0, no formato físico está publicado por Através Editora e pode adquirirse a través da súa tenda en liña.
O FIV renace en setembro
Xénero:
| 22 / 7 / 2021En marzo o FIV de Vilalba asumía a imposibilidade de celebrarse nas súas tradicionais datas de primavera, como xa pasara no anterior ano, e desde o concello declaraban a súa determinación de buscar outras datas para que se levase a cabo unha edición este ano. Esa nova edición xa está confirmada tanto en datas coma en cartel, co cal xa é oficial que o FIV está de volta. Será no vindeiro mes de setembro, entre os días 17 e 19 cando terá lugar no concello lugués a 14ª edición deste pequeno gran festival da música independente. O FIV, organizado este ano desde a empresa I-radia Crea, busca " renacer, pero sen perder a esencia", de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.
O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
Xénero:
| 11 / 5 / 2021A reconversión chega aos festivais ante as limitadas posibilidades pandémicas e mentres os máis multitudinarios deixan pasar outro ano máis sen mover ficha algúns buscan formatos que lles axuden a sacar adiante a súa proposta de marca. É o caso do Atlantic Fest, que o pasado ano ía comezar unha nova andadura en Vilagarcía de Arousa tras catro anos a celebrarse na Illa de Arousa , pero viu imposible a súa celebración coas circunstancias. Dende entón a promotora New Live estivo a facer un esforzo de loxística para facer posible este ano a realización do evento e agora presenta unha proposta de 12 días de concertos cun cartel baseado en nomes da escena "indie" estatal, que abrirá e pecharán dúas propostas galegas, Ortiga e Verto.
Triángulo de Amor Bizarro obtén o seu segundo Premio Ruído
Xénero:
| 19 / 1 / 2021O quinto álbum de Triángulo de Amor Bizarro, que o grupo galego lanzou durante o confinamento da pasada primavera, acaba de ser recoñecido como un dos mellores discos do ano. O traballo, que ten o mesmo nome que a banda, alzouse como vencedor do Premio Ruído, que outorga o colectivo Periodistas Asociados Musicales (PAM). É a segunda vez que os de Boiro obteñen este galardón, co que xa foran recoñecidos en 2016 por Salve Discordia. O fallo destaca que o traballo "é unha declaración de principios na que dan renda solta aos sons noise e ritmos post-punk" e no que destacan temas como Vigilantes del Espejo, ASMR para ti ou Fukushima. O álbum competía con outros quince proxectos finalistas de todo o Estado.
Esposa comparten dor e ilusión lanzando dous EP ao tempo
Xénero:
| 5 / 5 / 2020O grupo Esposa ven de deixar nas plataformas dixitais dous traballo ao tempo, os EP É o que hai e Belo Horizonte, cos que xuntan oito temas , algúns deles xa presentes en discos colectivos e outras que son versións adaptadas de outros autores do seu universo referencial. Estes son os primeiros lanzamentos da banda despois daquel LP de debut Xardín interior (2017). En Belo horizonte agrúpanse os catro temas de composición propia, o que dá nome ao disco é un tema composto e interpretado coa banda Pantis e os outros tres apareceron anteriormente en recopilatorios colectivos como Galician Bizarre 3 (Autoeditado, 2018), no libro disco conmemorativo editado pola sala ourensá Torgal en 2018 ou, coma no caso de Belo Horizonte en Nada(l). 13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais (Xonix Records, 2017). No caso de É o que hai o cuarteto ofrécenos a súa revisión de catro temas de artistas de referencia como Yo La Tengo ( Ohm), Modern Lovers, cun Pablo Picasso cuxa versión lírica inclúe autorreferencias dos porpio Esposa; os Feelies (É o que hai) e tamén de Billy Bragg coa coñecida New England trocada aquí en Pra que serve esta canción? nunha adaptación libre. Todas elas, dos dous Ep, en galego.
"O noso sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais"
Xénero:
| 24 / 3 / 2020O pasado 5 de marzo presentábase en Madrid o novo disco dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, Academia. Este sexto traballo da banda chegaba apadriñado pola bodega Ponte da Boga que dá a un dos seus viños de autor o nome deste álbum, igual que xa fixeran anteriormente co Fulgor de Budiño. Academia (autoeditado) é un disco que segue a liña da etapa marcada tras Cantares (2016) polo grupo: gravación artesanal semi caseira, autoprodución, e un tratamento coidadoso, sofisticado e elegante de cada canción ata lograr que as catorce pezas que o conforman sexan un todo coherente. Cheo, iso si, de riqueza sonora e variedade e cos fraseos particulares da composición de Eladio Santos, a quen se debe a meirande parte do disco a excepción de dous temas alleos e outros dos compostos a medias con Ovidio Lopez e Jorge Ojea. Tanto nas melodías coma nas súas letras o disco navega nun mar de nostalxias felices, favorecido polo cantar murmúreo de Eladio. O disco xa está dispoñible para a venda e nas plataformas dixitais.
Oito concertos en Ourense presentan a primeira xeira do MUSGO
Xénero:
| 23 / 9 / 2019Os Xardíns Calpurnia Abana e a Praza Saco e Arce de Ourense acollerán o vindeiro 14 de outubro os oito concertos da primeira edición do MUSGO. O festival bota a andar baixo o paraugas do programa de axudas O Teu Xacobeo coa intención de vincular a Cidade das Burgas coas peregrinación a Santiago a través da cultura. Segundo explican Adrián Fragueiro e David Pedrouzo, organizadores do evento, este pretende se transformar en "prescriptor de novas bandas, ofrecendo propostas emerxentes e destacadas non só de Galicia, se non tamén a nivel estatal e internacional".
O Atlantic Fest concentra os seus concertos de venres e sábado na Praia do Bao
Xénero:
| 9 / 7 / 2019O festival Atlantic Fest xa ten todo preparado para a súa cuarta edición, que se celebra na Illa de Arousa do 26 ao 28 e xullo. Os organizadores do festival xunto a representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras presentaron oficialmente a edición nun acto celebrado no Faro de Punta Cabalo na Illa. O cartel deste ano comprende vintecinco propostas musicais en cinco escenarios, catro deles situados directamente no recinto do festival e outro, a matinal do domingo, na Praza de Abastos da vila. Esta é unha das principais novidades desta edición, que fai un maior aproveitamento do excepcional recinto na Praia do Bao levando alí os concertos do venres na vez de facelos en locais ou prazas da vila, como nas edicións anteriores. Os cabezas de cartel, malia todo, reúnense o sábado actuando no escenario FEST Galicia-Xacobeo 21, onde tocarán Love of Lesbian, Los Planetas, Dorian, Nacho Vegas, Marlon Williams, La Bien Querida e Betacam. O cartel, como xa é marca da casa está conformado arredor da escena indie estatal na súa maioría e desde unha perspectiva moi aberta e ecléctica en canto a xéneros. Este ano a presenza da escena musical galega é practicamente testemuñal e grazas aos monfortinos Los Jinetes del Trópico, que entran no cartel como gañadores do concurso Sonidos Mans da Fundación Paideia.
Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso
Xénero:
| 28 / 5 / 2018O Festival V de Valarés de Ponteceso desaparece antes de celebrar a súa duodécima edición. A noticia xa era de agardar ante o feito de que a falta de case dous meses e medio das súas datas habituais non se tivese noticia del, pero agora José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal impulsora do evento, confirmou a este medio que este ano non se celebrará o festival e que non hai previsión de retomalo nun futuro próximo ante unha "presión total e asfixiante" e unha situación que producía "un sen fin de problemas e de trabas continuamente". O evento, que reunía tres mil persoas no entorno natural da Praia de Balarés deixa de organizarse ante a presión que supón para a modesta organización afrontar as continuas denuncias e reclamacións que lles chegaban por diversas frontes, case todas focalizadas no uso do espazo que se estaba a facer e que viñan tanto de Medio Ambiente coma de Portos de Galicia polo uso do peirao. Colectivos como Salvemos Cabana presentaran xa hai anos unha queixa ante Medio Ambiente contra a celebración deste festival de música en plena zona protexida da Rede Natura. Anteriormente xa houbera outras queixas sobre este mesmo asunto que levaron a facer perigar algunhas das edicións do festival, pero en todos os casos a organización conseguiu os necesarios permisos para a celebración. A falta da profesionalización precisa para encargarse dun evento destas características tamén se sumou a todos eses inconvintes levando á Fundación Eduardo Pondal a deixar de lado o festival sen data de recuperación no horizonte.
REPORTAXE
Conectad@s coa música
Data.O selo discográfico galego Falcatruada avanza cara á súa internacionalización grazas ás novas posibilidades de internet