Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / "O noso sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais"

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS PRESENTAN 'ACADEMIA', O SEU SEXTO DISCO

"O noso sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais"

INDIE | marzo 24, 2020

Portada_ACADEMIA_edited.jpg

O pasado 5 de marzo presentábase en Madrid o novo disco dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, Academia. Este sexto traballo da banda chegaba apadriñado pola bodega Ponte da Boga que dá a un dos seus viños de autor o nome deste álbum, igual que xa fixeran anteriormente co Fulgor de Budiño. Academia (autoeditado) é un disco que segue a liña da etapa marcada tras Cantares (2016) polo grupo: gravación artesanal semi caseira, autoprodución, e un tratamento coidadoso, sofisticado e elegante de cada canción ata lograr que as catorce pezas que o conforman sexan un todo coherente. Cheo, iso si, de riqueza sonora e variedade e cos fraseos particulares da composición de Eladio Santos, a quen se debe a meirande parte do disco a excepción de dous temas alleos e outros dos compostos a medias con Ovidio Lopez e Jorge Ojea. Tanto nas melodías coma nas súas letras o disco navega nun mar de nostalxias felices, favorecido polo cantar murmúreo de Eladio. O disco xa está dispoñible para a venda e nas plataformas dixitais.

As melodías deste novo traballo achegan pop clásico, rock indie, efluvio de jazz, folk de autor e poesía musicada pero con todo, amosa unha cohesión e unha coherencia do conxunto. Para Eladio iso ten que ocorrer no momento que pos as cancións todas xuntas e non pode estar preparado de antemán. "O concepto verdadeiro é o que deixas que chegue, non o que forzas", di el, explicando o proceso que se leva a cabo ao facer un disco da banda. "A nosa cousa sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais nunca. Porque ao final a forma de facer as cousas dálle unidade ao disco", asegura, "facer un disco concepto sempre é poñer cancelas á cousa. Eu fago canción por canción e se algunha non pega non a meto pero non penso en crear un concepto, o concepto para min sempre aparece só".

Xa desde a apertura do disco con Quemé una bandera por ti, o tema que primeiro se avanzou deste traballo, toma protagonismo un pinao que, por vez primeira Eladio grava cun instrumento acústico real, e non con teclado. Unha novidade nas súas artesanais e afinadas gravacións que tamén repite con outros instrumentos que antes incluía en sampleados. Para este disco Eladio multiplicou a súa labor produtora nese sentido. "Nesta ocasión incluímos bastantes máis instrumentos reais. Eu nunca gravara cun piano de verdade, tamén os violíns en Jerusalén son de verdade, que nunca os gravara", afirma e recoñece que unha vez que fai esas tomas dos instrumentos reais prodúcese un efecto que o leva a regravar por exemplo a súa voz, "é un pouco diferente ten dinámicas moito máis bonitas, me inspira e volvo a cantar todo".

Versións de carga nostálxica
O disco inclúe dúas versións que inciden nesas sensacións nostalxicas,, unha delas é o tema en galego do disco, Baixaron as fadiñas, do disco Fonte do Araño de Emilio Cao de1977 cuxa canción homónima xa ía revisada naquel Cantares de Eladio y Los Seres Queridos. Nesta ocasión a banda conta coa colaboración do propio Emilio Cao cantando con Eladio este tema, o máis longo do disco (4:20). A colaboración foi especialmente feliz para Eladio pola admiración que desde novo sentía polo músico. "Eu era moi fan de Emilio Cao cando tiña catorce anos, porque eu era gaiteiro e súper folqui cando adolescente", lembra Santos incidindo nese peso nostálxico, De entre os cinco ou seis temas que chegou a gravar con Cao escolleu este en concreto para a parte final do álbum polas súas características formais. "Eu necesitaba unha canción con desenrolo. Coma se fose unha jam, que non estivera nada encorsetada, que se notara que grupo está case improvisando. Que fose longa, que fose hippie e que fose progresiva", di, 2nun disco tan de cancións coma son os nosos sempre, de cancións de tres minutos, molaba meter unha canción así xusto antes do final. É a típica canción para escoitar no coche", afirma.

A segunda versión que inclúe este Academia tamén ten con ese recoñecido "ramallazo nostálxico" que vai directa a memoria persoal de Eladio. O tema Pasan días, do disco Pablo Milanés canta a los poetas cubanos (1983) do cantor da Nova Trova Cubana ten para Eladio un peso vital especial: "Se tivera que definir algún disco da miña vida - asegura Eladio Santo- pode que fora o de Pablo Milanés. Era o típico disco que escoitabas os sábados pola mañá e que me sabía de memoria. Un disco que cando estiven algunha vez para abaixo, no buraco, sacoume. Creo que é o mellor disco de poesía musicada que hai. Simplemente con que alguén o descubra por Academia xa é un logro e xa paga a pena todo" conclúe.

Agarda maxia nos concertos
Academia sae nun momento complicado, no medio dun confinamento pola crise sanitaria do COVID-19 do que Eladio elude queixarse consciente que hai xente "pasándoo mal verdadeiramente". A xira de directos que tiña como seguinte cita a Sala Riquela de Santiago o vindeiro 16 de abril está agora no aire. Na busca forzada de aspectos positivos da situación para o seu disco, Eladio contempla a posibilidade de que a xente teña máis tempo para escoitalo e familiarizarse coas cancións antes de que poidan subirse a un escenario a defendelas ao vivo, "para que a xente escoite o disco porque senón te piden as cancións de sempre", comenta. "É un disco que ten cancións moi 'quedonas' que poden ter percorrido", afirma. Ademais a volta aos escenarios tras esta etapa de illamento social forzoso, tamén entre os propios membros do grupo, preséntase para Eladio como un posible momento "máxico", sobre todo na etapa inmediatamente posterior á crise. "Os primeiros quince días vai ser a hostia escoitar unha batería ou un equipo de son dun bar vai ser incrible, a xente vai flipar e nese sentido nos concertos vai haber maxia. Vai ser como volver ter catorce anos", imaxina Eladio.

O feito que xa está a ocorrer con moitas cancións da discografía anterior da banda que a xente as volve traer estes días ás redes sociais interpretando as súas letras en función da situación actual, como pasa con temas do ano 2011 coma Están ustedes unidos , El mundo futuro ou España a las ocho e pode pasar agora tamén con algún dos temas deste i>Academia, "É normal que ocorra que fas unha canción e de repente a actualidade dálle outro sentido ás cousas que dicías nela", considera o música, que ve moitas posibilidades nese sentido que tamén ocorra con esa Quemé unha bandera por tí, porque segundo el "é unha canción profética total. Fala de que cousas que dabamos por feitas hai que reformalas. Hai unha sensación xeral de que o mundo estaba nunha road to nowhere, que non ía a ningunha parte entón é como que tiña que pararse todo e reflexionar".


datos do disco