Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Conectad@s coa música
Conectad@s coa música
maio 2, 2007
“Crear unha empresa dedicada á produción de discos, en plena reconversión do sector, é un suicidio total. Por iso é un milagre que hoxe exista Falcatruada”. Así define Sergio Lago Varela a existencia de Falcatruada, empresa da que é socio e cofundador xunto a Lucía Rolle Boado e Óscar Donsión Martínez. Falcatruada constitúe hoxe unha sólida estrutura empresarial de apoio á música en Galicia. E máis ca no milagre, as claves do éxito radican na constante diversificación e readaptación a un mercado cambiante e, sobre todo, no eficaz aproveitamento das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
Os inicios de Falcatruada datan de 2003. Foi entón cando Sergio Lago, disposto a botarlles unha man a varios colegas músicos que querían gravar unha maqueta, constatou a escaseza de empresas capaces de ofrecer un servizo integral e unha cobertura total das necesidades das/os artistas, evitando así o traumático e encarecido proceso de ter que acudir a distintos provedores carentes, por riba, de especialización no eido musical.
Malia a reconversión que sufría o sector da música naquel entón, coa revolución do dixital, os socios de Falcatruada souberon ver a existencia dun mercado musical en Galicia que a maioría dos selos discográficos non estaba a identificar nin explotar, ao limitarse en moitos casos a cubrir os custos de produción do disco con subvencións públicas e cun número limitado de vendas a distintas entidades. “Decatámonos de que había un mercado galego da música. Cando o comparamos co que acontecía no mercado independente fóra de aquí, vimos que a relación entre poboación/venda de discos/ingresos por concertos era moi alta”, apunta Sergio.
Comezaron a pór en práctica a súa intención inicial de crear unha plataforma de servizos para grupos musicais que fose á vez estrutura de apoio aos músicos emerxentes en Galicia. Sabían que a cada vez maior democratización no acceso aos contidos musicais mudara as canles de distribución, algo que, lonxe de ser unha ameaza, supuña toda unha oportunidade para eliminar as noutrora dificultades loxísticas de posicionamento da música nas tendas. Porén, para asegurar o éxito seguían sendo esenciais os procesos de promoción, e aí foi onde Falcatruada se mostrou disposta a traballar marcando a diferenza. Para iso, optaron por centrar a promoción de todo o que facían os seus grupos na súa web, ata o punto de que o sitio acabou por converterse nun referente das últimas tendencias musicais en Galicia e nunha fiable axenda de concertos e convocatorias.
Consonte a empresa foi medrando e internet foi evolucionando, Falcatruada ampliou o seu campo de traballo ás producións discográficas de grupos máis consolidados, e de xeito simultáneo incrementáronse os recursos aos que o público podía ter acceso a través da páxina. Entre eles, a sección de novas para seguir a actualidade do sector, kits de prensa de cada grupo, fotografías, discografías, ligazóns ás webs oficiais, descargas dixitais de vídeos e temas promocionais, radiologs, ou vídeos de YouTube: “desde o verán, cando hai un concerto dos nosos grupos imos gravalo, logo editámolo, colgámolo en YouTube e incluímos ese vídeo nos mailings e notas de prensa que enviamos”, conta Sergio. Esta estratexia goza dunha dinámica propia de expansión, ao permitir que a xente copie o código do vídeo e o colgue nos seus blogs, o envíe a outras persoas, o sindique ou o comparta en diferentes comunidades virtuais”. Éxito asegurado.
Xa que logo, os falcatrueiros maximizan a proxección do que fan integrando de xeito natural cada nova ferramenta que xorde na rede. internet convértese así nunha poderosa ferramenta coa que dar a coñecer os seus servizos a artistas e empresas, coa que facer promoción dos seus grupos, e coa que facer todo un importante labor de distribución da música galega no mundo. E todo isto cun mínimo investimento.
Retos
Desde o convencemento de que o dixital é o modelo de negocio para venda de música que perdurará, entenden que o reto fica no posicionamento en todas as canles posibles. “O dixital é un modelo que ten varias posibilidades e que non se sabe moi ben cal vai establecerse, entón hai que estar en todas elas para que, no momento en que unha se normalice, xa a teñamos aberta e poidamos asegurar o éxito”, explica Sergio. Posicionar a música en todas estas canles implica que os seus temas se poidan mercar por descarga directa en i-Tunes ou MySpace, por subscrición en Rhapsody ou Napster, ou por streaming. Pero tamén, que se poidan descargar e comprar para TDT, videoconsolas ou teléfonos móbiles, pois para Sergio o futuro das empresas baseadas na venda de música está xustamente nestes sistemas pechados e controlables: “non creo nos modelos relacionados co ordenador e baseados na estrutura actual de internet. E si creo que os móbiles, por exemplo, son a grande esperanza de calquera destas empresas, porque funcionan como un circuíto pechado e controlado polas operadoras, mediante o que se pode descargar música para consumo propio e compartila cun número reducido de colegas mediante bluetooth ou MMS, pero non de xeito masivo nin gratuíto”. De feito, o ano pasado en Xapón facturáronse máis cartos por descarga de música en móbiles que por compra de discos.
Con todo, en Falcatruada entenden que para os selos discográficos o modelo de negocio do futuro non estará ligado á venda de música dun xeito tan predominante como na actualidade. E nese sentido asumen como retos a difusión da música, coa conseguinte xestión correcta dos dereitos dela derivados, a especialización e, sobre todo, a explotación na rede de proxectos globais e de carreiras musicais que vaian máis aló da venda de discos e que inclúen tamén directos, gravados, merchandising, etc. Isto conduce ao grande obxectivo: a internacionalización dos seus produtos. “A medio prazo identificamos un teito no mercado galego. Para podermos superalo e medrar é necesario ampliar o espectro no que traballamos. Para isto volve ser fundamental internet, unha rede que permitirá non só vender, senón tamén xestionar concertos dos nosos artistas en calquera parte do mundo sen intermediarios (por exemplo mediante o correo electrónico) e cuns custos loxísticos mínimos”, conclúe.
Non hai apócema máxica. A clave de Falcatruada é ser dabondo versátiles, para adaptarse a un sector en constante reconfiguración, e dabondo visionarios, para saber aproveitar ao máximo as posibilidades da rede nun presente a piques xa de ser futuro.
As outras marcas
A evolución constante do sector esixiu un toque de improvisación e unha adaptación constante ás novas necesidades. Así, arredor da empresa matriz Falcatruada, marca que usan para as súas producións como selo discográfico, foron xurdindo outros proxectos innovadores e independentes, malia que co nexo común da música. Viu a luz o proxecto Autoedita [www.autoedita.com], unha das primeiras iniciativas empresariais en todo o estado en ofrecer a artistas servizos de duplicación de discos en calquera formato e que, co tempo, abarcou tamén o audiovisual e o deseño gráfico, ata chegar a ofrecer solucións integrais a artistas. Tamén como proxecto independente, a tenda web Trastenda [www.trastenda.com] naceu co obxectivo de facerlle fronte a un problema de distribución da música que Falcatruada producía. Porén, pouco tardaron en constatar a necesidade dun sitio web que reunise todos os estilos de música galega e a puxese á disposición do público dentro e fóra de Galicia, e así foi como Trastenda sufriu unha viraxe na que radica o seu éxito: hoxe é unha relevante fonte de ingresos e as súas visitas superan as 31 000 ao mes.