O FIV renace en setembro
xullo 22, 2021
En marzo o FIV de Vilalba asumía a imposibilidade de celebrarse nas súas tradicionais datas de primavera, como xa pasara no anterior ano, e desde o concello declaraban a súa determinación de buscar outras datas para que se levase a cabo unha edición este ano. Esa nova edición xa está confirmada tanto en datas coma en cartel, co cal xa é oficial que o FIV está de volta. Será no vindeiro mes de setembro, entre os días 17 e 19 cando terá lugar no concello lugués a 14ª edición deste pequeno gran festival da música independente. O FIV, organizado este ano desde a empresa I-radia Crea, busca " renacer, pero sen perder a esencia", de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.
Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Dj, son as confirmacións do cartel desta edición de reencontro do festival co seu público fiel. O FIV Vilalba contará ademais cun espazo para artistas emerxentes no que os e as asistentes terán a oportunidade de descubrir ás voces do futuro. Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves que acollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes. Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras. O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila.