Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Mamá Cabra lanza Xa me tardan estes Magos

Xénero: Infantil | 25 / 10 / 2011

not_19753.jpg

A seguir co formato de libro-disco que xa empregaran en Ola, ola, la!, Mamá Cabra recunca coa editorial Galaxia e presenta Xa me tardan estes magos. A obra, que conta con ilustración de Kristina Sabaite recolle composicións sobre textos de Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e Gloria M. Roel, vocalista do grupo. A ambientación de Nadal e as panxoliñas predominan na obra, pensada para o esas festas, con temas como Tres Reis en Bicicleta, que se pode escoitar de balde no web da editora.

Malvela presenta Raianas, o seu disco ao vivo

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2011

not_19732.jpg

O Museo do Pobo Galego acollía esta mañá a presentación de Raianas o disco que Malvela gravou o pasado 31 de maio no Auditorio de Mos. Na presentación, Uxía Senlle, impulsora deste proxecto, sinalou que a obra presenta un repertorio da música tradicional galega e portuguesa, recuperando temas habituais do grupo canda a cancnións populares do Alén Miño e temas de composición propia. Entre eles, lembrou unha canción de homenaxe ao falecido Xosé Méndez Morgan, membro dos Estalotes e do Orfeón Treixadura que foi lembrado repetidamente ao longo do acto.

Zurrumalla lanza O que había... e o que hai

Xénero: Folk | 20 / 10 / 2011

not_19722.jpg

A música tradicional e festeira que caracteriza o son de Zurrumalla pódese escoitar agora en O que había... e o que hai, o duplo disco que o grupo acaba de autoeditar. O álbum conta nada menos que con 25 temas, boa parte dos cales fan parte do xa tradicional repertorio do grupo, nado no ano 2000. Canda a estes, a formación achega unha selección de novos temas de composición propia, entre eles Presentación triolirada, unha curiosa regueifa que presenta o segundo CD e o proceso produción do álbum. A obra está dispoñible en tendas e tamén se pode escoita mediante Spotify

A Orixe Cero de Xan Campos Trío

Xénero: Jazz/Blues | 3 / 10 / 2011 + AUDIO

not_19591.jpg

Unha das voces máis orixinais do jazz galego estrea formación no estudio. O pianista Xan Campos gravou, canda a Horario García no contrabaixo e Iago Fernández na Batería Orixe Cero (Free Code Jazz Rercords), un disco no que os ritmos do jazz mestúranse con influencia de rock, o pop ou o folk. A obra está dispoñible para ouvir e descargar desde a rede, baixo licenza Creative Commons.

Terbutalina lanza Broncodilatador, o seu segundo disco

Xénero: Rock | 8 / 9 / 2011 + AUDIO

not_19453.jpg

Unha dose de vinte minutos de gastropunk, esta é a proposta que fai o grupo Terbutalina co seu novo LP Broncodilatador. Con temas como Helipuerto, Cartos, R.A.J.O.Y. ou Cheiras ao bravo, o grupo afonda na liña que abriran con Live en Catoira, o seu primeiro disco. O álbum está dispoñible de balde nas plataformas Bandcamp, O Toxo rabudo e Komunikando, e presentarase publicamente cun concerto na Sala Moon de Compostela o vindeiro 15 de setembro. Na cita estarán tamén presentes Desequilibrio Mental e Familia Caamagno.

Pablo Devigo repite como gañador do premio Constantino Bellón

Xénero: Folk | 1 / 9 / 2011

imaxe non dispoñible

Seis minutos foi o que precisou Pablo Devigo para encandilar ao xurado da XX edición do concurso de gaita solista Constantino Bellón. Devigo converteuse por terceira vez consecutiva, no gañador do premio de composición de gaita por excelencia. Os músicos Pedro Álvarez de Nigrán e Daniel Lumbreras tamén foron destacados polo xurado.

Un recital lembra a importancia de Pucho Boedo revisitando o repertorio dos Tamara

Xénero: Melódica | 23 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Unha lectura superficial diría que Pucho Boedo foi o cantante dos Tamara, a quen a Coruña lembra con dúas estatuas (unha praza de Azárraga e outra no Ventorillo). Outra moito máis profunda evidenciaría que foi a banda sonora do país, que cantou en galego e que liderou unha banda que chegou a ser formación residente no Olympia de París. Por iso hoxe, os cantantes Sito Sedes, Miguel Ladrón de Guevara e Paco Lodeiro, xunto coa Banda Municipal de Música e co escritor Xurxo Souto como presentador ofrecerán a súa particular homenaxe a Boedo. Esta noite (21:30 horas), a praza de María Pita soará ao ritmo de clásicos como Galicia terra nosa ou A Santiago voy .

O disco Meu Canto de Uxía entra no número 7 das listaxes europeas da World Music

Xénero: Folk | 12 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

É un disco composto por 15 cancións, gravadas no Brasil xunto con Jaime Alem e co que Uxía celebrou os 25 anos de carreira artística. Meu canto, título do traballo, acaba de entrar nas listaxes europeas de World Music. Os 44 xornalistas que compoñen o xurado votaron este proxecto que figura no número sete dese listado. Pero non é a única nova positiva para a cantante galega, xa que a revista británica SONGLINES incluirá o tema Os teus ollos na compilación que incluirá a revista no seu número de outubro.

Dios Ke Te Crew saca a rúa o seu agardado segundo disco Humanose

Xénero: Hip-Hop | 20 / 7 / 2011

not_19287.jpg

Desde hoxe está a venda o novo disco da formación ordense de hip-hop Dios Ke Te Crew. Humanose está editado por Boa Music, a discográfica máis importante do hip hop da península e que está dirixida polo galego Fernando Luaces. Este é o seu segundo traballo despois do autoeditado Xénese en 2006 do que chegaron a vender máis de 7000 copias. O colectivo, un dos máximos expoñentes do rap en galego desde os seus inicios en 2003, segue a manter en Humanose a súa actitude contestataria e crítica nas rimas, politicamente incorrecta e chea de aceda retranca. O grupo quere ofrecer no novo disco unha mellora na calidade da súa música: non só as bases e os textos dos 13 temas enganchan á primeira, ademais non aforraron en medios, sirva coma mostra a masterización en Masterdisk (NYC) por Tony Dawsey (Nas, Jay-Z, Redman, Gangstarr, Das EFX...). Tamén o formato físico do CD busca sorprender deseñado por dous recoñecidos artistas do street art: Liqen e Sekone, trátase dun dixipack de 3 corpos que inclúe un póster 36x36cm e un libreto con información.

Preséntase en concerto Admirando a condición, o primeiro disco de Sés

Xénero: Jazz/Blues | 19 / 7 / 2011

not_19283.jpg

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este xoves 21 o concerto de presentación do disco Admirando a condición, primeiro traballo discográfico do proxecto musical Sés liderado por María Xosé Silvar. Acompañada dunha banda de dez músicos profesionais Sés presenta neste traballo producido por Airapro, dez temas propios en galego gravados con toda a banda, metais e coros e ademais un corte extra no formato acústico co que actuaron Silvar e Tito José Calviño nos meses pasados en bares e locais de toda Galicia. Admirando a condición gravouse e mesturouse nos estudos Bruar da Coruña. Formada na música e no baile tradicional María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. No 2007 creou xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Co seu proxecto persoal Sés ofrece a súa enerxía musical a través de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego.

<< Inicio / Anterior . 931 a 940 de 1452 . Seguinte \ Fin >>