Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Aprendendo do público
Xénero: | 4 / 7 / 2011
É habitual nas artes escénicas pero non tanto na música. O mércores 22 de xuño, a cantante Uxía compartiu co seu público o ensaio xeral do seu espectáculo Meu Canto no Salón Teatro de Compostela. Unha sesión para afinar o espectáculo antes dunha xira na que percorrerá Galicia, o norte de Portugal e Madrid, e da que se extraen valiosas ideas para mellorar o espectáculo antes da súa estrea pública. Falamos con Uxía para coñecer máis sobre a experiencia.
O galego campa achegará a música en galego aos campamentos de verán
Xénero: | 28 / 6 / 2011
Achegar o galego aos campamentos de verán que organiza a Xunta este verán. Esta é a proposta de O galego campa, a iniciativa que a Dirección Xeral de Política Lingüística presentaba esta mañá. A proposta, destinada a rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos artéllase a partir do disco Desaparafusador de gominola, no que participan artistas como Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Ramón Bermejo, Germán Díaz ou Quim Farinha interpretando temas de diferentes estilos. A partir do CD a campaña propón unha serie de actividades lúdicas que pretenden favorecer a expresión oral e escrita na nosa lingua dentro de dinámicas colectivas. O disco está dispoñible integramente e coas súas letras no web de Política Lingüística.
Unha semaniña de catro discos
Xénero: | 23 / 6 / 2011
O último álbum de Treixadura fecha un ciclo que coincide con vinte anos dos grupo e cunha tetraloxía discográfica, un proxecto pouco común no noso país. A seguir a liña de recuperación de cantos tradicionais e de taberna, o grupo combina agora o seu son co das bandas de música e outras corais nunha ambiciosa aposta que estará de xira polo país esta verán.
Roger de Flor canta á loucura cotiá no seu novo disco
Xénero: | 22 / 6 / 2011
O cantautor fenés Roger de Flor presenta estes días o seu novo traballo discográfico El mundo esta loco, loco, loco… (PAI Música), un traballo con doce novas cancións en galego ou castelán, a maioría de composición propia. O disco foi gravado nos estudios “Anca” en Neda e mesturado nos estudios de “Casa de Tolos” (Gondomar), coa produción de Segundo Grandío. O seus temas -cargados de melancolía, amor, esperanza e vitalidade- están impregnados co estilo irónico-emotivo do artista fenés, que comezou a súa andaina en 2007 con Canciones de amor y retranca, traballo ao que seguiu en 2009 Naturalidad Silvestre. Unha das novidades deste disco está na incorporación da sección de metais o que lle dá certo carácter soul a algunhas das cancións. En “El mundo esta loco…” volven participar moitos dos seus colaboradores habituais, músicos como Cabe García, Fran Rey, Víctor Gacio e Sergei Izmailov, entre outros.
Talabarte presenta o seu primeiro disco de música tradicional contemporánea
Xénero: | 16 / 6 / 2011
Música acústica que parte da tradición contemporánea, esta é a aposta de Talabarte, unha formación que presenta agora o seu primeiro disco. Tangos, folk, jazz ou a música popular galega e europea mestúranse nun proxecto que conta con tres pesos pesados do actual panorama folk no país: O violín de Quim Farinha (Berrogüetto) , o acordeón diatónico de Pedro Pascual (Marful) e o contrabaixo de Kin García (Susana Seivane). O disco, que achega catorce temas, estará dispoñible tanto en formato físico como de xeito electrónico, a partir do vindeiro 20 de xuño.
Manu Clavijo publica o seu disco sobre poemas de Lois Pereiro
Xénero: | 10 / 6 / 2011 + AUDIO
Dezaseis textos de Poesía última de amor e enfermidade musicados. Esta é a proposta que Manu Clavijo está a levar nos últimos meses por escenarios de todo o país e que agora ve a luz no disco Lois Pereiro. Canción Última.... Temas adaptados a formato acústico que abordan a parte máis intimista das creacións do poeta homenaxeado no Día das Letras. O disco sae da man de Edicións do Cumio e sae en formato digipack con 20 páxinas de textos.
Liorna presenta Sarahyba
Xénero: | 9 / 6 / 2011
Unha reescritura outorgándolle novos sons ás estruturas e temas dos seus comezos. Esta é a proposta que fai o grupo Liorna en Sarahyba, o disco que acaba de lanzar da man de Edicións do Cumio. O proxecto, que segue na liña folk habitual do grupo, presenta dez cancións nas que unha coidada instrumentación deixa espazo a xogos vocais, sempre partindo da tradición. Entre os temas inclúense dous que fixeron parte de Gallaecia, musical da Orquestra Sinfónica de Melide. Un concerto na Festa da Xuventude, o vindeiro 25 de xuño en Ardán é a primeira cita da xira de presentación, segundo anuncia o grupo no seu MySpace.
Uxía fai 25 anos na música con Meu canto
Xénero: | 7 / 6 / 2011
Quince temas que percorren o repertorio de Uxía en directo, dos cales só un fora gravado previamente. Esta é a proposta que fai esta intérprete en Meu canto, o disco co que conmemora os seus 25 anos no mundo da música. Da man do selo Fol, o proxecto achega temas xa clásicos como O verdegaio, A rianxeira, O ramo verde ou o Alalá das mariñas. O disco foi gravado en Rio de Janeiro con produción de Jaime Além e conta con colaboracións de Sérgio Tannus e a voz de Lenine en Os teus ollos.
Ugía Pedreira e Fred Martins funden os seus repertorios en Acrobata
Xénero: | 3 / 6 / 2011
Desde que se coñeceron en 2008 en Río de Janeiro, Ugía Pedreira e Fred Martins iniciaron unha frutífera colaboración que se acaba de concretar en Acrobata. Trátase do primeiro traballo discográfico común que revisa a conexión galego-portuguesa-brasileira, e para o que contaron coa achega de numerosos colaboradores como Pedro Pascual. O disco chámase Acrobata, en homenaxe á ave do litoral de Baía que está en perigo de extinción. O Centro de Interpretación Ambiental do Parque de Belvís en Santiago acolleu onte o primeiro dos concertos de presentación e que repiten esta tarde. “Acrobata” foi gravado nos Estudios Beograd, o Auditorio de Galicia e o Conservatorio de Ourense. As gravacións adicionais foron feitas por Quim Farinha, Luis Peixoto, Germán Díaz, Marcelo Martins e Marcos Suzano. Este traballo está producido e dirixido musicalmente por Pedro Pascual, misturado e masterizado en Savik Sound (Caritel-Ponte Caldelas).
Riobó presenta o seu primeiro disco
Xénero: | 13 / 5 / 2011 + VIDEO + IMAXES
O apelido de Begoña Riobó, recoñecida violinista do panorama folk galego, sérvelle de nome á formación que lidera e mais ao primeiro disco da mesma. Riobó chega ás tendas da man de Zouma Records, e recupera melodías tradicionais con arranxos actuais dentro do estilo presentando 10 temas neste traballo. Para alén de Begoña, o grupo conta con Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e flautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (flautas e requinta). Begoña Riobó ten acompañado cos seus violíns de xeito habitual músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane ou Anxo Lorenzo entre outros.


