A Orixe Cero de Xan Campos Trío
outubro 3, 2011
Unha das voces máis orixinais do jazz galego estrea formación no estudio. O pianista Xan Campos gravou, canda a Horario García no contrabaixo e Iago Fernández na Batería Orixe Cero (Free Code Jazz Rercords), un disco no que os ritmos do jazz mestúranse con influencia de rock, o pop ou o folk. A obra está dispoñible para ouvir e descargar desde a rede, baixo licenza Creative Commons.
Malia a ser o seu disco de debut, a formación leva xa moitos anos a traballar xuntos. “Levábamos moito tempo a tocar, e a cousa funcionaba moi ben, a verdade é que eu tiña gana de gravar algo a trío, que é a formación que lle dá máis posibilidades a un pianista de jazz”. A integración entre os compoñentes do proxecto é tal que Campos recoñece que “aínda que as composicións son miñas, isto realmente é case un proxecto a tres”. Precisamente os temas amosan a orixinalidade deste proxecto, cruzado de influencias do máis variado . “Nunca pensamos en facer un disco con pegadas de estilos concretos, foi unha evolución natural do trío. Comezamos tocando versións doutros grupos de jazz e doutros estilos musicais cando estábamos a estudar os tres no País Vasco, mudábamos de repertorio cada semana”, explica o pianista. “Tocamos moitas cousas, escoitamos estilos diferentes e a nosa música evoluíu cara a aí”. Precisamente o título do disco “quere expresar un pouco isto, que é algo que xurde non está premeditado”.
Unha das cousas que chaman a atención deste disco é o feito de se ter gravado só en dous días e traballo. Segundo explica Campos, “Ao ser unha música que se grava en directo, tocando todos xuntos e non por pistas, non leva tanto tempo como un disco doutro tipo. Pero si que é certo que se nota que levamos anos tocando xuntos que había tempo que lle estábamos dando voltas ao repertorio, e iso fíxoo todo moito máis fácil”.
Polo momento, o propio Campos recoñece que está a levar unha sorpresa coa reacción ante o disco de persoas que non están habituadas ao jazz. “En xeral gusta bastante, hai quen prefire o primeiro tema (Acrofobia), máis enérxico e a quen lle gusta mási outros máis melódicos”. En canto á aposta pola licenza Creative Commons e a pór o disco íntegro na rede, o pianista apunta que “hoxe en día é o que ten máis sentido, tal e como está a cousa. Interésanos que o disco se escoita, e se se fan moitas copias mellor. Todos deberíamos ter sempre acceso á cultura, e máis tal e como está a cousa agora mesmo”, apunta. Recoñece ademais as posibilidades que a discográfica lle ofertou á banda á hora de abordar a distribución do traballo.
Unha curiosidade do disco é o último tema, Dulce Pepita. Trátase dunha composición do avó de Campos, Juan Rial Palleiro, un dos primeiros músicos de jazz de Galicia. “Tocaba na orquestra Los Chicos del Jazz nos anos 50, era case como unha orquestra das festas hoxe, cun toque de jazz. Eu se comecei con isto foi grazas a el, e para min tocar un tema seu, e ademais dedicado á miña avoa, foi o máximo”, recoñece.