Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Berlai retrata o país con 'Estampas Galegas'
Xénero:
| 7 / 6 / 2023'Estampas Galegas' é o último traballo de Berlai, o terceiro asinado polo exintegrante e compositor de Fía na Roca tras Desconhecido (Axóuxere Editora, 2016) e 'Cas Berlai' (Seispes, 2020). Neste caso Xiao berlai ofrécenos en formato libro-disco unha mestura de música, contos e ilustracións que falan da Galicia actual, homenaxeando a 'Cousas' de Castelao a través de dez cancións e outras tantas estampas baseadas en experiencias vitais ou reflexións do músico. A música e os contos foron compostos por Xiao Berlai e as ilustracións son do artista Leandro Lamas. O diálogo entre as tres artes que habitan as 'Estampas Galegas', convida a xogar entre si e gozar da súa conexión sen orde xerárquica. Podemos comezar pola música ou a ilustración e rematar coa historia, ou viceversa, deixando a elección en mans de quen le, mira e escoita. O novo traballo, na súa parte sonora xa está disponible nas plataformas dixitaise públicase a través de ARegueifa Plataformas 2.0, no formato físico está publicado por Através Editora e pode adquirirse a través da súa tenda en liña.
O novo álbum de Boyanka Kostova amosa a versatilidade rap do dúo
Xénero:
| 2 / 6 / 2023O dúo compostelán Boyanka Kostova non quere deixar a ninguén indiferente e co seu estilo trap recoñecible e inimitable veñen de presentar o que é o seu novo traballo longo, o primeiro publicado baixo o selo Ernie Records co que xa traballaba un dos seus compoñentes, Chicho, co seu proxecto en solitario Ortiga. 'Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados', unha estrofa do tema 'Magic English', é o vistoso título deste traballo que supón o seu quinto disco nos sete anos de actividade. O álbum está composto por dez pistas; unha intro e nove cancións que tratan de tocar todas as puntas do RAP. Dende G-funk, ata Bum Bap, pasando por rap de baile, temas de (e con) artistas contemporáneos e mesmo un beef cara á formación pontevedresa SondaRúa (Infelicce)… sen saírse nunca do son que lles caracteriza. Bases á antiga, que xorden de sampleos de outras cancións, simples e eficaces, que conseguen que o loop de 3 minutos sexa ata efémero.
Maneiro volve en solitario co álbum "Un Bonito Despertar"
Xénero:
| 30 / 5 / 2023Javi Maneiro presenta este vindeiro domingo na Sala Capitol de Santiago o seu novo traballo discográfico en solitario. "Un bonito despertar" (Sorte Discos, 2023) é o seu cuarto disco asinado co seu nome propio e chega nun momento moi especial da súa carreira e da súa vida. Tras dun accidente cerebrovascular que obrigouno a afastarse de todas as actividades e frear en seco a xira que estaba a facer coa súa banda Heredeiros da Crus, Maneiro pode agora volver ´actividade con datas xa confirmadas coa súa banda para este verán e subirá ao escenario por vez primeira este domingo para presentarse con este disco, que xa estaba preparado antes do incidente pero cuxa saída tamén tivo que ser adiada ata agora. En "Un bonito despertar" Javi Maneiro ofrécenos 10 temas da súa autoría e por vez primeira en todos eles usa o galego. O ton de pop rock domina o álbum, indo dese as baladas intimistas como "Non quero bicos sen lingua" ata os himnos máis electrizantes como "A morte non me enjaña". Con un son de estudio profesional elegantemente producido por Fran Gude, e que conta co músico ribeirense Rubén Cores, como director musical e encargado dos arranxos. As letras de Maneiro, son sempre profundas, vitalistas, románticas e íntimistas, sentidas sen renunciar a unha linguaxe achegada e sinxela, unha marca do autor no que ten que ver coa súa música asinada en solitario e que reivindica no sinxelo de lanzamento "Son un romántico". O disco xa está en todas as plataformas e este domingo na Sala Capitol da capital galega o artista do "corazón de carballo" subirá ao escenario por vez primeira en todos estes meses para recoller o calor dos seus seguidores e transmitirlles a súa vitalidade.
Galician Army sae ao asalto das pistas de baile
Xénero:
| 24 / 5 / 2023Xosé Lois Romero e Aliboria, Fillas de Cassandra, Eladio y Los Seres Queridos, Xoel López, Iván Ferreiro, Luar Na Lubre, The Rapants e Grande Amore ou Mariagrep son os artistas orixinais dos que o dúo Galician Army colle os temas sobre os que os Dj's fan a súa labor de produción electrónica e mestura no seu novo traballo NÓS (Esmerarte Industrias Creativas) que xa está dispoñible en varias plataformas desde o pasado Día das Letras Galegas. Galician Army son Alberto Prada e Sergio Vallejo dous picadiscos especialistas en música electrónica de baile, moi influenciados polos sons dos anos 80, nomeadamente por Vangelis, Daft Punk, Pet Shop Boys ou Hans Zimmer como referencias recoñecidas. O dúo leva seis anos de traxectoria e recentemente foron os primeiros e facer un 'remix' da canción 'Terra' de Tanxugueiras que tivo entrada inmediata nas pistas de baile do país. Agora seleccionan un feixe de oito temas que van desde o pop ao tradicional, de outros artistas galegos e varios deles en lingua galega, achegándolles o seu traballo de produción e mestura para conseguir o efecto de introducir as cancións no circuíto dos clubs. O repertorio é variado, incluíndo pezas moi coñecidas como Turnedo, de Iván Ferreiro, 'Tu gitana' de Luar na Lubre ou 'Non quero perderte' de Eladio y Los Seres Queirdos. O primeiro lanzamento foi a remestura de "La espina de la flor en tu costado - III", de Xoel López. Galician Army ofrecerá xa estas novas producións en directo nos seus espectáculos, respaldadas por un novo concepto de posta en escena co que xa estiveron presentes no festival O Son do Camiño 2022. O dúo xa ten confirmadas varias datas, a primeira o vindeiro 26 deste mes, maio, dentro do Ourensound Fest; tras diso repetirán en O Son do Camiño o 16 de xuño e teñen previsto pasar polo Portamérica, Nachiños Fest de Ferrol e Caudal Fest de Lugo.
O disco 'Ferro e Pedra: Homenaxe aos precursores' reivindica os legados do rock galego
Xénero:
| 23 / 5 / 2023Saíu o mesmo Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, en principio só dispoñible para a súa escoita en formatos dixitais a través de YouTube e algunha outra plataforma, pero xa está prepararse a dispoñibilidade no resto das plataformas dixitais e unha edición física con algunhas outras sorpresas engadidas. "Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores" é unha recompilación na que 10 bandas galegas actuais de rock renden tributo a outras tantas formacións históricas, a maioría de rock duro, metal e hardcore (aínda que hai excepcións) xa extintas pero que consideran que foron clave na escena musical das nosas cidades e vilas. As formacións que asinan as versións son Aquelarre, Amenaza de Muerte, Barbarian Prophecies, Dioivo, Mileth, Pneura, Schwarzenegger, Somos Nos, Xerión e Xhamain. Mentres os grupos cuxas cancións son obxecto de versións son Desvirgheitors, Mutant Squad, Épsilon, Nordés, Consumatum Est, Mol, Detestor, Nowhere, unha versión do famosos "Esta vida me va a matar" de Los Suaves e inclúese ademais unha revisión do clásico "Años 80" de Los Piratas. A maioría dos temas está en galego e, no reparto, as bandas foron escollendo para homenaxear a algunha formación da súa propia zona. A portada do mesmo foi realizada por Trönner Graphics.
Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient
Xénero:
| 23 / 5 / 2023A 52ª edición do Festival Interceltique de Lorient, unha cita de referencia no mundo da música folk dos países celtas e punto de encontro das culturas, contará un ano máis coa presenza das sonoridades galegas en distintas formas. Nesta ocasión a cita está dedicada á música irlandesa, pero desde Galicia se desprazarán á localidade bretoa sete propostas da nosa música para levar a cabo varios espectáculos dentro da programación que se desenvolverá entre o 4 e o 13 de agosto.
Tanxugueiras volven triunfar nos Premios MIN
Xénero:
| 22 / 5 / 2023A gala do XV Aniversario dos Premios MIN en Palma de Mallorca, que reuniu e premiou aos artistas máis destacados da escena independente de España no último ano trouxo un recoñecemento ao traballo realizado o pasado ano polo trío Tanxugueiras. As cantareiras, finalistas en sete categorías, conseguiron gañar dous importantes premios: "Mellor álbum de música de raíz" e "Mellor álbum en galego" por "Diluvio", o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records. Este dobre recoñecemento para Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio "Artista Revelación Alternativa 2023" dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema "Aire", producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras. Non é primeira vez que o trío sae galardoado destes premios, xa co seu primeiro disco, "Tanxugueiras" (2018) acadaron o de Mellor Álbum en lingua galega e o pasado 2022 recibiron o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España.
O segundo álbum de Caldo xurde da intimidade do fogar
Xénero:
| 12 / 5 / 2023'Lugar A Ponte' é o nome do segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita). O novo traballo discográfico do grupo, que sae hoxe en plataformas, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. O proxecto de Caldo foi premiado co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e resultou gañador do concurso Fran Pérez 'Narf' da Deputación da Coruña (2020).
Pakolas presenta o seu terceiro traballo en solitario
Xénero:
| 9 / 5 / 2023Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, antiguo componente da formación Mamá Cabra e parte de A Gramola Gominola, agora está a presentar en xira o espectáculo baseado no seu máis recente traballo en solitario, o libro-QR "A Ramona Pequena vai á lúa" (Ed. Galaxia). Este é o terceiro traballo que Pakolas saca en solitario e supón unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona, que xa protagonizara o anterior "Ramona Órbita a dona do tempo" en 2020. Pakolas, que se auto define como rockeiro e guitarreiro, ofrece neste novo traballo e espectáculo dez novas cancións de composición propia e tamén un conto ilustrado por Laura Romero Nos seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, cunha montaxe escénica e musical baseada no novo álbum, contando cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada no libro. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén de divertimento.
Budiño navega libre e ben acompañado en "Branca Vela"
Xénero:
| 5 / 5 / 2023Houbo que agardar ao oitavo disco de Xosé Manuel Budiño, "Fulgor" (2019) para escoitalo cantar coa súa voz ademais de escoitar a súa gaita, e o de Moaña xa non está disposto calar, ao contrario querer cantar máis. Budiño ven de lanzar o pasado día 28 de abril o seu novo traballo longo, "Branca vela" (Arredor edicións, 2023) un disco con dez cancións incluíndo a que lle dá nome que xa foi presentada como un dos adiantos e mostra do que se ía atopar no álbum, unha sorte de importantes colaboracións chea de cores sonoras sen complexos, incluíndo bases electrónicas, recursos de produción e, como sempre, a raíz tradicional e a gaita. Todos os temas son de composición do de Moaña, que abre o traballo cun dedicado á súa orixe local, Donón. O músico contou para este disco coas achegas de Leilía (no tema Branca Vela) pero tamén están aí Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas, Antía Otero ou o coro Aires da Terra. Con eses vimbios Budiño xa ten o disco en todas as plataformas dixitais e está a presentalo en concertos, os seguintes en Tomiño (13 de maio),Redondela (14 de maio) e Sanxenxo (24 de xullo).
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca