Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Novedades Carminha decláranse Campeones del mundo
Xénero:
| 4 / 4 / 2016Da man de Ernie Récords, Novedades Carminha daba a coñecer o pasado 1 de abril o seu cuarto disco. Campeones del mundo amosa un xiro na carreira do grupo, cunha aposta polos ritmos máis bailables que non deixan fóra as letras irónicas e os tons punks dos seus comezos. Mesturas de rock e de electrónica coinciden en temas como Que Dios reparta fuerte, Lento ou Chispas relax que se poden escoitar tanto en formato CD como en plataformas dixitais. O álbum gravouse nos estudios sevillanos de La Mina con Hevi, de Malandrómeda como produtor.
Fanfarria Taquikardia convida ao Café Bar Sovia
Xénero:
| 31 / 3 / 2016Logo de se facer coñecidos nas redes sociais polo vídeo no que se lle vía acompañar unha procesión cun himno anarquista, a Fanfarria Taquikardia presenta o seu segundo traballo discográfico. O conxunto de Candeán amosa en Café Bar Sovia que continúa a súa preferencia polos ritmos balcánicos e os sons festeiros que teñen levado por múltiples eventos dentro e fóra do noso país. A formación está composta por Isman Bass (baixo) Berto Cuchi (caixa pratos) Carlos Carlitos (bombo sen prato) Alejandro Chiru (Trombón) Petete (trompa) Garzón (trompa) Nico Ricón (saxo tenor) Lucas (saxo tenor) Rubén Chino (saxo alto) Candi (trompeta) Chus Potro da Madroa (Clarinete) e Harrinho (violín), e acaba de regresar dunha xira de presentación deste seu último traballo que os levou por Madrid, Barcelona, Valencia e o Bierzo.
Zoar debuta con No vento
Xénero:
| 16 / 3 / 2016Logo de seis anos de actividade ao vivo e de proxectos conxuntos con diferentes compositores e artistas do país, como Elementa! ou Windbox, o quinteto de vento Zoar acaba de presentar o seu primeiro disco. Ouvirmos edita No vento, un álbum no que a formación se centra en compositores galegos, desde Martín Codax a Milladoiro, pasados polos arranxos de Xoán Durán "a través da sonoridade do quinteto de vento clásico, tan cheo de suxestións tímbricas coma de percepcións sinestésicas", segundo explican. Un total de dezasete pezas abranguen desde a música popular aos compositores do Rexurdimento e cobran vida da man e dos pulmóns de Álex Salgueiro, Antonio Suárez, David Villa, Benxa Iglesias e Joan Ibáñez, que continúan co seu proxecto de fusión e de encontros musicais.
Pirilampo achega a Manuel María ás crianzas no seu novo disco
Xénero:
| 15 / 3 / 2016Teatro de guiñol é o título co que Pirilampo presenta, na colección Sonárbore de Galaxia, o seu segundo traballo. Once poemas tirados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, de Manuel María, serven de base para unhas cancións pensadas para os máis novos da casa. A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol son algúns dos textos que se adaptan neste proxecto, que sae á luz en formato libro-CD con ilustracións de Iván R. O proxecto mestura ritmos tradicionais con toques de rock e pop, e preséntase ao público cun concerto no Auditorio Municipal de Ourense este sábado, 19 Marzo.
Retrouso volta con DOUs
Xénero:
| 9 / 3 / 2016"Un disco maduro, limpo, fresco e caleidoscópico". Así definen os membros de Retrouso o seu segundo disco. DOUs acaba de saír á luz cando o grupo fai dez anos do seu nacemento. Dez son tamén os membros actuais da formación, saída das clases de música da asociación A Fervenza de Ouzande. Gaitas, acordeóns e percusións atópanse nun traballo que, como o anterior, convida ao baile, pero no que explorarn tamén outros rexistros. En total son dez temas, dos que sete xorden da tradición e tres son composicións de diferentes músicos do país. Gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos, o traballo preséntase este 11 de marzo no Teatro Principal da Estrada.
O acordeón de Andrés Penabad volta con Bipolar
Xénero:
| 4 / 3 / 2016É o único acordeonista folk galego que apostou por unha carreira en solitario. A apontoar esa traxectoria, Andrés Penabad acaba de presentar Bipolar, o seu segundo traballo. O disco recolle dez cortes nos que se mesturan composicións do propio Penabad, temas feitos por Fernando Barroso e dúas pezas tradicionais. O proxecto contou con colaboracións das cantareiras Lilaina e de Pablo Vergara, Ramón Dopico e Álvaro Trillo nas percusións. Un concerto este sábado ás 21 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi marcará o comezo da xira de presentación, que o levará este mesmo domingo á Arzúa, onde o acordeonista actuará na Festa do Queixo contra as seis das tarde..
Donicelas presenta en xira o seu segundo traballo
Xénero:
| 3 / 3 / 2016Nado a partir dunha actividade escolar, o grupo Donicelas está a presentar o seu segundo traballo, homónimo, cunha xira por todo o país. O sexteto de Salceda de Caselas achega en Donicelas nove temas que gravaron nos Estudios Ancestral e para os que contaron con colaboracións como as de Uxía Senlle, Paulo Nogueira, Isaac Millán ou Miriam Lorenzo, así como as de antigos membros do grupo. Nos cortes mestúranse versións de temas populares con composicións propias que manteñen a liña de folk tradicional do grupo. O Porriño acolle este sábado 5 a vindeira parada da xira de presentación do proxecto.
Familia Caamagno presenta en Compostela o seu novo traballo
Xénero:
| 1 / 3 / 2016Un mini-LP con seis temas que gravaron nos estudios Circo Perroti de Xixón. Esta é a proposta de de Familia Caamagno con Para unha vez que saímos. O álbum que edita Lixo Urbano, inclúe temas como Lausanne (on my mind) e O Tempo do Lobo, e preséntase ao público o vindeiro 4 de marzo cun Guateque Extremo na Sala Capitol no cal o grupo estará acompañado de Cool Funeral. Rock and roll acelerado, toques lisérxicos e esencia garaxe manteñen o espírito irreverente do grupo.
Punk-rock, ská e reggae conflúen en Millo
Xénero:
| 29 / 2 / 2016Cando están a facer catro anos de existencia, os gondomareños Millo presentan o seu primeiro álbum. Millo achega dez temas, todos orixinais agás unha versión dunha muiñeira. Punk-rock, reggae, ská e acompañamentos de gaita e frauta atópanse nun traballo no que o humor acedo e o ritmo son constantes. Temas como Galiza Ceibe, Curriculum ou Grande e poderoso amosan o incisivo ollar do quinteto. O álbum, autoeditado, gravouse entre Breaker Studios e Xílgaro Estudios. A xira de presentación levará o grupo a Allariz (4 de marzo), O Porriño (5 de marzo), Barrantes (12 de marzo) e Pontevedra (19).
A Mesa homenaxea a Manuel María cun Libro-CD
Xénero:
| 25 / 2 / 2016A se sumar ás celebracións do Día das Letras dedicado a Manuel María, A Mesa pola Normalización Lingüística presentaba onte A voz do ventro. Este libro-CD reúne poemas do autor chairego con versións musicadas por Fran Amil e a tribo incomprensíbel e mais ilustracións de Jano. O proxecto recolle once composicións dos poemarios Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas, e conta cunha banda composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Canda a eles, no disco colaboraron as voces de Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.