Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Fernando Barroso debuta en solitario con Intropía
Xénero:
| 19 / 5 / 2016Logo das súas colaboracións con Luís Peixoto, Riobó, Coanhadeira, Os Cempés ou Assembly Point, Fernando Barroso lanza o seu primeiro álbum en solitario. O ferrolán dálle ás guitarras todo o protagonismo en Intropía, dezasete temas acústicos e instrumentais nos que contou con colaboracións como as de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xose Manuel Budiño, Begoña Riobó, Manuel Paino e Oscar Fernández, entre outros. Bouzouki, mandolinas, cavaquinhos ou violas portuguesas danse cita nunha exploración constante das posibilidades das cordas nun álbum que nace da "necesidade de voltar ás orixes. Reflexionar, crear e controlar o caos, para asignarlle un certo valor de beleza".
Caxade presenta E isto é o amor
Xénero:
| 16 / 5 / 2016Santiago de Compostela acollía onte apresentación de E isto é o amor, novo disco de Caxade logo do recente Premio Martín Códax da Música que obtivo o conxunto. A seguir coa fórmula de A dança dos moscas, o cuarteto mantén a aposta por acordeóns e metais como base para temas poéticos e reflexivos, aos que engade sons electrónicos coa incorporación de sintetizadores e acordeóns MIDI e un maior peso das percusións nalgúns temas. O álbum sae á luz baixo a etiqueta de Discos da Máquina e foi gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos. A xira de presentación ten datas previstas en Compostela (21 de maio), Ponteceso (22), Pontevedra (28), Lugo (4 de xuño) ou Bueu (11) entre outras.
Rosa Cedrón presenta ao vivo Nada que perder
Xénero:
| 12 / 5 / 2016Case dez anos despois do seu último traballo en solitario, Rosa Cedrón presenta novo disco. Nada que perder afástase dos aires máis tradicionais e aposta por tons líricos a recuperar o labor como violonchelista da cantante e compositora nunha serie de temas persoais. Español, galego, francés e inglés mestúranse nun traballo que a antiga vocalista de Luar na Lubre vai presentar este trece de maio, día no que sae á venda o álbum, no FNAC da Coruña. O sábado 21 de maio será El Corte de Inglés de Santiago o que acolla outro recital de presentación. Está xa dispoñible na rede o seu primeiro single No seré yo.
Sonia Lebedynski debuta en solitario con Deserto de centos
Xénero:
| 29 / 4 / 2016Logo de pór voz en Fía na Roca e de colaborar en numerosos proxectos musicais, Sonia Lebedynski inicia carreira en solitario. O vindeiro tres de maio sae á venda Deserto de centos, un álbum no que a cantora revélase tamén como autora a mesturar tradición, folk, funk, pop ou música brasileira. O proxecto, desenvolvido con Sérgio Tannus, conta con colaboracións como as de Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada. A festa de presentación celebrarase o vindeiro 8 de maio no Miramar de Boiro, mentres a estrea ao vivo está prevista para o vindeiro 26 de maio en Compostela. Para as actuacións ao vivo Lebedynski estará acompañada de Sérgio Tannus, Carlos Freire, Roberto Comesaña, Martiño Domínguez, José Manuel Díaz, Manu Paino e Jose Luis Miranda, nunha formación que combina metais, percusión, cordas e acordeón entre outros instrumentos.
Unha ópera-rock en galego narrará o Alzamento de Pascua en Irlanda
Xénero:
| 28 / 4 / 2016Pai e fillo, Miguel e Iván Caride, asinan The Rebel (O rebelde, unha ópera folk-rock na que se recrea o alzamento de Pascua en Irlanda, que se considera o punto de partida da independencia do país. Con Patrick Henry Pearse, líder dos rebeldes como eixe, o proxecto quere amosar a parte máis humana deste proceso, e faino cunha mestura de música, teatro, cine e artes gráficas. A obra, que se estrea o vindeiro 12 de maio no Auditorio Municipal de Ourense conta con Ledicia Piñeiro, Javier Octavio, José Manuel Mao e Mela Casal, baixo a dirección de Óscar Doviso. O espectáculo conta tamén cun número de danza irlandesa. Para alén da posta en escena, o proxecto inclúe dúas curtametraxes sobre o alzamento e un libro-disco no que se recollen dez temas en inglés e gaélico e no que os autores contan con colaboracións como a de Daniel Minimalia, Miguel Caride, Xabier Vaz ou Sebastián Mato entre outros.
Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom
Xénero:
| 26 / 4 / 2016Cunha formación ampliada e anovada, Rebeliom no Inframundo publica o seu segundo álbum de estudio. O Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC) e Ichi Som (DJ) son agora os membros fixos do grupo, que conta tamén con contribucións a cargo de Movementss, Frank, 2Pas0s, Dj Rapu e J.CNNR. O novo disco Lume e rebeliom sae á luz da man de Língua Nativa e achega catorce temas nos cales o rock, o folk, o reggae ou a música electrónica se deixan sentir sobre a base de hip-hop que caracteriza o grupo. A denuncia socal mestúrase co lirismo íntimo nun proxecto que inclúe coas colaboracións da viguesa Íria Medranho e o cantante irlandés Brian Brody. A Farándula, en Vigo, acollerá o vindeiro 30 de abril a presentación do título.
NAO presenta o duplo EP Soñar-Crear
Xénero:
| 20 / 4 / 2016Santiago de Compostela acollía onte, 19 de abril, a presentación do novo proxecto discográfico de NAO. Trátase dun duplo EP que, co título Soñar-Crear sae en dúas partes e achega un total de nove composicións novas. En concreto, onde saía á luz a primeira parte, Soñar, que xa está dispoñible para libre descarga no web da banda. O disco, producido e gravado por Iago Pico, produtor dos seus últimos traballos, amosa "probablemente o son máis potente gravado" polo grupo nos seus catro temas. A edición física do mesmo incluirá ademais as versións que fixeron de Venceremos Nós e Porque este soño é necesario para un soño.
Gelria debuta por todo o alto con Cantos de poeta
Xénero:
| 19 / 4 / 2016Naceu hai só dous anos, pero a banda Gelria debuta xa no mercado discográfico cun ambicioso proxecto. O vindeiro 23 de abril sae á venda Cantos de poeta, un álbum de debut no que o grupo percorre mediante catorce temas a historia da poesía galega desde o século XIX. Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra, Chus Pato ou, como non, o homenaxeado no Día das Letras, Manuel María, aparecen nas versións do trío composto por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano). O álbum, autoeditado, preséntase en formato libro-CD con fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal, ademais de textos en varias linguas e unha introdución de Xosé Lois Romero, que tamén colaborou nalgún dos temas. Por se fose pouco, o propio Manuel Rivas achega no libro unha serie de textos orixinais que serven de conexión entre os diferentes poemas recollidos no proxecto.
Viento de plata recupera as composicións de Bal y Gay e García Ascot
Xénero:
| 7 / 4 / 2016O pouco coñecido traballo que realizaron para piano e para canto e piano a parella de compositores Jesús Bal y Gay e Rosa María Ascot acaba de ver a luz en Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot. O álbum, que edita Columna Música, achega un total de trece pezas, das cales dez non foran gravadas nunca. Entre estas están as seis que García Ascot compuxo sobre poemas de Amado Carballo. A pianista Paula Ríos e a soprano Eva Juárez interpretan os temas neste álbum que saiu á luz co apoio da Xunta de Galicia, da Diputación de Lugo e do Concello de Santiago de Compostela
Oviravai súmase aos grupos galegos para crianzas
Xénero:
| 5 / 4 / 2016Un novo grupo incorpórase a xa longa lista de propostas musicais para os máis cativos da casa. Oviravai debuta na colección Sonárbore de Galaxia co libro-CD As andanzas de Paio. As peripecias dun teixugo aventureiro e dos seus amigos serven de base para dez temas nos que se mesturan diferentes estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki son os membros da banda, autores dos temas e tamén responsables das ilustracións. O Auditorio Municipal de Ourense acolle o vindeiro sábado 9 o concerto de presentación deste proxecto.