Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Cé Orquestra Pantasma achégase aos cativos con Fíos do querer

Xénero: Infantil | 15 / 12 / 2015

fios_do_querer_ce_orquestra2.jpg

O primeiro disco de Cé Orquestra Pantasma é un libro-CD orientado para cativas e cativos de ata tres anos. Fíos do querer presentouse no último Culturgal da man da Cooperativa Miudiño con nada menos que 24 temas. Arrolos, ritmos simples e rimas sinxelas animan a achegar os máis novos ao música desde o primeiro momento. Segundo sinala a presentación do álbum, trátase dunha "primeira de musica para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxetos sonoros feitos a partir de materiais naturais". Logo da presentación do cultural, o proxecto ten previstos novos concertos o día 19 (Salceda de caselas e Vigo), o 22 (Ourense), o 23 (A Coruña) e o 26 (Moaña).

Caxade representa a Galicia no Suns Europe

Xénero: Fusión | 10 / 12 / 2015

danza_moscas_vivo_caxade.jpg

Son datas intensas para Caxade. A formación musical está de camiño a Udini, na rexión italiana de Friuli, para participar no Suns Europe, Festival Internacional da Canción en Linguas Minorizadas que celebra a súa primeira edición. Alí, o grupo representará a Galicia cunha actuación o venres 11 en competencia con sete formacións de lugares como Euskadi, Finlandia, Rusia, Bretaña ou Karelia. Por se fose pouco, na pasada fin de semana, a banda presentaba no Culturgal o CD/DVD A Dança dos Moscas ao Vivo. Nese volume, gravado hai un ano na anterior Feira das Industrias Culturais, os músicos de Caxade reintrepretan o seu primeiro disco acompañados pola Banda de Música de Bandeira. O novo álbum está distribuído por Discos da Máquina e tamén se pode escoitar en liña.

Tatán Cunha pasa da escena á canción con Chapeu

Xénero: Cantautor | 9 / 12 / 2015

chapeu_tatan.jpg

É máis coñecido polo seu traballo de anos en Títeres Tanxarina, pero Tatán R. Cunha atrévese a ampliar horizontes e acaba de presentar a súa primeira incursión no mundo da música. Chapeu é o nome do seu primeiro disco, que acaba de presentar no Culturgal e que, segundo explica achega "unha ducia de cancións escritas para contar historias. Fotografías teatrais, o mundo que máis coñezo e co que camiño a miña vida. Un mundo carregado de amizades que me invitan a cantar e a os que admiro e cos que compartín a loucura de crear este proxecto". Tatán non se lanza só nesta aventura, xa que contou con Pablo Vidal e Uxia para a composición e arranxos e con colaboracións como as de Carlos Blanco, Isaac Palacín, Sergio Tannus, Magín Blanco ou Manu Paino entre outros.

Mamá Cabra versiona a Carmen Gil en A bruxa Discordia

Xénero: Infantil | 3 / 12 / 2015

A_bruxa_Discordia_mamacabra.jpg

Doce poemas de Carmen Gil musicados compoñen a nova proposta de Mamá Cabra. Galaxia presenta, na súa colección Sonárbore, A bruxa Discordia, un libro-CD no que participa como ilustradora Iria Fafián. O novo álbum, que ten como tema principal a paz, preséntase ao público no Culturgal cun concerto o vindeiro domingo 6 de decembro ás 17:30 horas.

Luar na Lubre celebra tres décadas con Extramundi

Xénero: Folk | 1 / 12 / 2015

extra_mundi_luar_na_lubre.jpg

Catorce novos temas compoñen Extramundi, o disco co que Luar na Lubre celebra os seus trinta anos de traballo. O grupo que lidera Bieito Romero aposta nesta ocasión por "un traballo que transcende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal". Así, o conxunto interpreta temas en seis idiomas, entre eles cancións en catalán, vasco ou o clásico da tradición castelá La Molinera. O álbum, editado por Warner Music, inclúe tamén pezas orixinais e adaptacións de temas galegos e sae á venda este catro de decembro. A xira de presentación comeza o vindeiro día 11 no Teatro Principal de Ourense e continuará o 8 de xaneiro en Vigo e o 9 na Coruña.

Chotokoeu presenta Saír a voar

Xénero: Fusión | 30 / 11 / 2015

sair_a_voar_chotokoeu_2.jpg

Unha xira por seis país está a servirlle a Chotokoeu para presentar o seu novo traballo. Saír a voar chega sete anos despois do seu primeiro disco a achegar nove temas que saíron dun encerro creativo con toda a banda dedicada exclusivamente á música. O disco gravouse en Pau, Francia, e amosa que o grupo mantén toda a súa enerxía e continúa a aposta pola fusión balcánica co rock o swing ou o ska. Para alén da extensa xira internacional, a banda celebrará un concerto de presentación o vindeiro 26 de decembro na Coruña. O disco está dispoñible de xeito íntegro para escoita e descarga no web do grupo.

Cristian Silva achega a tradición ao indie con Ego

Xénero: Fusión | 25 / 11 / 2015

Cristian silva_ego.jpg

Gaita e percusión tradicional con sonoridade indie-pop son os ingredientes de Ego, o disco de debut de Cristian Silva. O multiinstrumentista e docente dos conservatorios de Ferrol e Vilagarcía presenta dez temas no seu primeiro traballo, editado por Inquedanzas Sonoras e producido polo propio músico. O volume achega temas maioritariamenete compostos por Silva, que tamén toca todos os instrumentos e conta con colaboracións como as de Davide Salvado, Pedro Pascual ou o grupo Pandeiromus. O álbum presentarse cun concerto o 5 de decembro na vindeira edición de Culturgal e chegará ás tendas a finais do mes.

Uxía e Magín Blanco presentan o Manuel María máis pequeno

Xénero: Infantil | 23 / 11 / 2015

canta-o-cuco_uxia_magin.jpeg

Manuel María, poeta protagonista do vindeiro Día das Letras, é tamén o eixe da última proposta da colección de libros-CD Sonárbore da editorial Galaxia. Canta o cuco reúne a Uxía e a Magín Blanco para adaptar unha selección de poemas infantís do autor chairego que inclúe textos xa clásicos como O carro, A vaca ou O cuco. O dúo incorpora ademais o tema Todo me fala de ti na que dialogan co propio poeta. Os arranxos musicais correron a cargo de Santi Cribeiro e de Guillerme Fernández, e o dúo contou coa colaboración de Isaac Palacín, Pablo Vidal, Raquel Domínguez, Pablo Ces ou Andrés Giráldez. As ilustracións do álbum ilustrado corren a cargo de Leandro Lamas. A presentación do álbum realizarase o vindeiro 24 de novembro, a partir das 11.00 horas na escola A Galiña Azul de Santiago de Compostela. O proxecto inclúe tamén un espectáculo homónimo no que se mestura música e teatro e que presentaron na feira Galicia Escena Pro.

Terbutalina lanza Al otomano se le va la mano

Xénero: Rock | 17 / 11 / 2015

al_otomano_terbutalina.jpg

A Sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 28 de novembro a presentación do novo disco de Terbutalina. Al otomano se le va la mano é o sétimo traballo da banda e mantén a aposta por un punk rock sen concesións, con temas breves e acelerados, no que cobran protagonismo os teclados de apoio. O disco é o primeiro do grupo con edición física, un vinilo que chega ás tendas da man de Folc Records e Grabaciones de Impacto. A grabación realizouse nos estudios A Ponte e a masterización realizouse por Jim Diamond en Ghetto Records (Detroit).

Dreams Of Dolly Sheep continúa carreira co seu cuarto traballo

Xénero: Rock | 13 / 11 / 2015

imaxe non dispoñible

O Iguana Club de Vigo acolle esta noite a presentación de Amok, cariño y saliva. O grupo Dreams of Dolly Sheep dá a coñecer na súa cidade natal os temas do seu cuarto traballo, un álbum no que manteñen as súas influencias de rock dos noventa, grunge e toques de psicodelia. A xira de presentación continuará por Compostela (Sala Moon, 28 de novembro), A Coruña (Mardi Gras, 4 de decembro) e Lugo (Clavicémbalo, 5 de decembro).

<< Inicio / Anterior . 561 a 570 de 1395 . Seguinte \ Fin >>