Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Migallas busca o público mozo con Zaragallada

Xénero: Pop | 18 / 1 / 2016

zaragallada_migallas.jpg

O grupo Migallas, transmutado en banda, muda de terzo no seu novo traballo e aposta por un público mozo e adulto. Logo de dous discos centrados nas crianzas, Zaragallada achega unha selección de temas nos que se mesturan pop, rock, ska, pasodobre, tango, rumba ou vals cun acompañamento que inclúe guitarras, acordeón, saxo, trombón, teclados ou baixo. Ademais da banda, participan no álbum nomes como Leandro Deltell (batería), Paulo Nogueira e Magoia Bodega (percusión tradicional), Maurizzio Polsinelli (piano) e Carmen Gallego (violín). O proxecto, que inclúe temas reivindicativos como O que hai que facer canda a cancións máis líricas, está editado por Inquedanzas Sonoras, e gravouse no estudio Casa de Tolos de Segundo Grandío.

Ouvirmos rescata o legado musical dos Carricoba

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 1 / 2016

Banda_Guntin_Carricoba_ouvirmos.jpg

A música dos Carricoba é o título do novo libro-CD que acaba de presentar a editorial Ouvirmos. O volume, resultados das investigacións de Federico Vázquez de la Fuente recupera o legado de Emilio Carricoba e dos seus fillos Virgilio e Aníbal Carricoba Gay, músicos orixinarios de Ferreira de Pallares, Guntín. A través da biografía dos tres persoeiros percórrese a evolución sonora do século XX, desde as bandas de músicas ás concertinas e as orquestras sinfónicas. O volume incorpora un CD no que se poden escoitar nove das composicións destes tres músicos, interpretadas pola banda de música de Sarria.

Músicas para a Semente achega a tradición aos máis novos

Xénero: Infantil | 11 / 1 / 2016

imaxe non dispoñible

Con vistas a conseguir fondos para creación do seu espazo educativo en galego, Semente Trasancos presentaba este pasado mes de decembro Músicas para a Semente. Cinco cantareiras da comarca e catro músicos, con Alberte Maceiras na dirección musical participan nun álbum que achega unha selección de temas da tradición de Galicia e de Portugal para os máis novos. En total son dez cancións entre arrolos, cancións de Nadal e cantigas nas que predomina o acompañamento tradicional, aínda que non faltan instrumentos como o saxo tenor ou o ukelele. O álbum está a venda en distintos establecementos de Ferrol, Narón, Lugo, Compostela ou Vigo.

Sofía Espiñeira debuta con Alá onde agroman as herbas

Xénero: Cantautor | 4 / 1 / 2016

ala_onde_agroman_sofia_espinheira.jpg

Meses despois de se facer cos premios do público e do xurado no II Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo, Sofía Espiñeira acaba de lanzar o seu primeiro álbum. Alá onde agroman as herbas achega nove temas nos que a autora integra influencias da música tardicional e transcende a perspectiva máis canónica da música de cantautor. A Arca da Noe, en Vilar de Santos, acollerá o vindeiro 12 de febreiro a próxima cita da artista.

Emilio Rúa lanza Querida alegría

Xénero: Cantautor | 29 / 12 / 2015

querida_alegria_emilio_rua.jpg

O sexto disco de Emilio Rúa xestouse moi rapidamente. Mentres está a preparar un álbum de duetos para o que conta con destacadas figuras da canción estatal, o cantautor ourensán artellou Querida alegría, un disco financiado vía crowdfunding que presenta este trinta de decembro no Liceo de Ourense. O traballo mestura versións e temas orixinais con colaboracións como as de Daniel Minimalia, Kepa Junquera, Carlos Blanco, Xestreu ou Queixumes dos Pinos.

Os da Ría voltan co seu Disco Póstumo

Xénero: Pop | 28 / 12 / 2015

disco_postumo_os_da_ria.jpg

Da man do crowdfunding e baixo o selo Pistacatro producións, o dúo músico-humorístico Os da Ría acaban de dar á luz o seu Disco Póstumo. Carlos Meixide e Tomás Lijó, tamén coñecidos como Arturito e Fabián presentan no seu segundo álbum sete nove temas nos que reinterpretan a música popular, do rock ás rancheiras, con títulos como Parrillada de amor, Unha nova Galicia ou Toma Cachondexo nos que a ironía é omnipresente. O álbum presentouse ao vivo no último Culturgal, e o dúo non aclarou se se trata realmente o seu traballo de despedida.

O dúo BellónMaceiras presenta Ten 10

Xénero: Folk | 22 / 12 / 2015

ten_10_bellon_maceiras.jpg

Dez temas para conmemorar os seus dez anos de traballo na música. Esta é a proposta que fan Daniel Bellón e Diego Maceiras en Ten 10, o seu terceiro traballo discográfico. O dúo BellónMaceiras aposta por afondar na fusión da nosa tradición con músicas do mundo, e mesturan temas galegos con cancións doutras latitudes e algún tema propio. No proxecto, contan con colaboracións como as de Juan Cabe, María Moiséeva, María López , Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson. O álbum, autoeditado, pódese adquirir a través do web do dúo e presentouse o pasado 5 de decembro cun concerto en Fene, concello natal dos músicos.

Chegan Os Modernos con Dissimulem

Xénero: Miscelánea | 21 / 12 / 2015

dissimulem_os_modernos.jpg

Logo de percorrer durante varios anos a nosa xeografía a amosar o seu son de verbena dos anos vinte, a Orquestra Os Modernos presentou no pasado Culturgal o seu primeiro traballo discográfico. Dissimulem. A banda está composta por Xosé Tunhas na bateria, Joám Casas ao clarinete e gaita, Alonso Caxade co trombón, Martín Nogueira á trompeta, Paco Nogueiras a cargo do acordeón, Alberto Rodríguez como Contrabaixo e Íria Pinheiro no rol de cantante e diva. No seu repertorio, fox-trot, baião, bolero, habanera, corrido, rumba ou mazurca, a propor temas populares e versións de temas populares galegos. O álbum, gravado nos estudios A Ponte de Tomás Adeitos, foi autoeditado pola banda.

Javier Prado aposta polo blues en galego con O cadelo lunático

Xénero: Jazz/Blues | 17 / 12 / 2015

O-Cadelo-Lunatico-Malos-Tempos.jpg

Javier Prado é coñecido polo seu traballo como voz e guitarra de Moondogs Blues Party. Agora, inicia un proxecto paralelo, O Cadelo Lunático, no que aposta polo blues en galego. Malos Tempos é o seu primeiro álbum, no que Prado conta con Belén Tajes para voz e teclado, Olalla Ferga na batería e María Gómez no baixo. No novo proxecto, que edita Inquedanzas Sonoras, o conxunto aposta por un son máis crú para o seu traballo en comparación co que Prado viña facendo na súa banda. En total son once temas nos que as composicións propias combínanse con poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Cristina Corral.

Anxo Moure e Servando Barreiro unen forzas en A música das árbores

Xénero: Infantil | 16 / 12 / 2015

A musica das arbores_servando barreiro_Anxo Moure.jpg

Narración, música e poesía intégranse en A música das árbores. Servando Barreiro e Anxo Moure unen forzas nun traballo que aborda "a posibilidade dun mundo onde os seus habitantes vivan en harmonía coa natureza e onde os problemas se amañen facendo falar os corazóns". Chus Láuzara achega as ilustracións a este traballo, que edita Galaxia e que se gravou nos estudios Son Feixon de Beade, Vigo. O álbum preséntase ao vivo en espectáculos de contacontos que inclúen música.

<< Inicio / Anterior . 551 a 560 de 1395 . Seguinte \ Fin >>