Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xosé Constenla fai unha Virada por avante

Xénero: Cantautor | 22 / 2 / 2016

imaxe non dispoñible

A Casa das Crechas, en Santiago, acolle este venres 26 o concerto de presentación do novo disco de Xosé Constenla. O cantautor compostelán lanza Virada por avante, unha colección de once novas cancións nas que o artista asegura fai un xiro cara ao son folk-rock americano. O álbum, autoeditado baixo o selo Setestrelo, foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador. A xira continuará o 27 de febreiro por Ourense e o 12 de marzo cun grande recital no Salón Teatro de Compostela

Libremente é o disco debut de Labregos do tempo dos Sputniks

Xénero: Fusión | 16 / 2 / 2016

libremente_labregos_tempo_sputniks.jpg

Da man de Ouvirmos saía onte á luz Libremente. O novo álbum supón a presentación discográfica de Labregos do tempo dos Sputniks, un proxecto que integra o traballo de O Leo i Arremecághona, García de Dios Ke Te Crew e Lydia Botana de Lydia Bolboreta. Doce temas dun grupo "rapeiro, punkeiro, enxebre e irmandiño", no que o hip hop se mestura con rock e música de raíz para achegar mensaxes comprometidos. O proxecto gravouse en Rapapoulo Estudio agás Un vento vén que se rexistrou nos estudios A Ponte Estudio.

Sinestesia pregunta ¿Quien va a poder con esto? no seu novo álbum

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2016

quien_va_poder_esto_sinestesia.jpg

O segundo álbum de Sinestesia preséntase cunha cuestión clara: ¿Quien va a poder con esto?. O grupo Compostelano chega con nove temas do trinque nos que continúa a súa aposta por un blues-rock no que incorpora toques pop, especialmente nas voces. Guitarras suaves e letras coidadas intégranse no álbum, autoproducido e gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos. O pub Sónar en Compostela acollerá o vindeiro venres 26 de febreiro o concerto de presentación do novo traballo da banda, que continuará xira, por Betanzos (19 de Marzo), Madrid e Vigo (9 de abril).

Chega Tiberevi con Mentres as baleas dormen

Xénero: Fusión | 10 / 2 / 2016

baleas_dormen_tiverevi.jpg

Como nados neste mesmo ano que acaba de comezar preséntase Tiberevi. Xabier e Beatriz Blanco exploran as posibilidades do acordeón diatónico con este dúo, que acaba de presentar Mentres as baleas dormen, o seu primeiro traballo. Sete temas como O blues da lus, Olas de alas, Mar de plástico ou Nómada amosan o seu dominio deste instrumento e presentan melodías envolventes e contemporáneas con base popular.

Xeografías do Deserto explora os límites entre música e poesía

Xénero: Fusión | 9 / 2 / 2016

xeografias_do_deserto_ramon nunhez_sito_suarez.jpg

"Un produto da interfase, da interferencia entre creadores libres de distintos campos que son quen de ir ao límite das súas capacidades e mesmo alén das súas competencias". Así se presenta Xeografías do deserto o libro-CD que acaban de presentar os cantautores Moncho Nuñez e Sito Suárez e no que exploran a relación entre música e poesía sobre textos de Ramón Caride Ogando. O proxecto conta coa produción de Iago Lorenzo, e con fotografía de Sara Caride entre outras colaboracións. "XDD non é poesía musicada, nin música poetizada", advirten. O volume, que inclúe os textos orixinais de Caride, toma estes poemas como puntos de partida para desenvolver cancións envolventes de liña indie-rock. O proxecto prevé unha segunda entrega para o vindeiro ano, As Flores Salgadas na actualidade en pre-produción. O dúo ten fechadas presentacións o vindeiro 9 de abril en Betanzos, e o 6 de maio en Cambados.

Bea a de Estrella debuta en Mar de fóra

Xénero: Cantautor | 4 / 2 / 2016

mardefora_bea_a_d_estrella.jpg

Once cancións en galego e en castelán sérvenlle de presentación a Bea a de Estrella. A cantautora de Culleredo autoedita Mar de fóra un proxecto no que integra sons cubanos, toques de blues e de jazz e achegamentos ao pop con letras líricas e persoais. A artista achégase tamén á experimentación sonora con toques folk no recitado de O Mar, e o volume achega parte das súas vendas á Asociación Galega de Afectad@s e Familiares de Acondroplasia, á que tamén está dedicado o tema Mi punto de vista. A xira de presentación, que comezou o pasado mes de decembro, non ten aínda datas confirmadas para os vindeiros meses.

En Casa del Herrero volta cun álbum duplo

Xénero: Rock | 26 / 1 / 2016

tradiccion_en_casa_del_herrero.jpg

Un ambicioso álbum duplo fai o número tres da discografía de En Casa del Herrero. O grupo acaba de publicar Tradicción, un proxecto que combina os once temas orixinais de Adicción, que é o primeiro volume desta obra, coas versións acústicas de clásicos en Tradición, título da segunda entrega. Para alén de temas en castelán e inglés, o grupo canta por vez primeira en galego con Mirade para o meu pequeno. O conxunto que lidera Eduardo Herrero segue a súa aposta polos sons dos folk-rock americano e mantén a formación con Carlos Clérins, Pepe Lamas (baixo), Jorge Quesada (órgano e piano) e Óscar Quintáns (batería). Ademais, o álbum contou con colaboracións como a de Javier Cedrón, Xavier Facal, Mar Blanco ou Daniel López. A gravación realizouse no estudios Son Natural de Rois e Mandeo Records.

Efraím Díaz reivindica o pito pastoral galego cun disco

Xénero: Folk | 22 / 1 / 2016

pito_galego_efraim_diaz.jpg

O pisto pastoril galego, un tipo de frauta que se toca cunha dixitación similar á da gaita, está en pleno proceso de recuperación. Para afortalalo, acaban de ver a luz dous novos lanzamentos que teñen este esquecido instrumento como protagonista. Por unha banda, Efraím Díaz lanzou recentemente en Inquedanzas Sonoras o disco Pito galego, no que explora as súas posibilidades a interpretar 19 pezas, xa en solitario, xa acompañado doutros sons como os de gaitas, zanfonas, violíns ou guitarras. En paralelo a este traballo, Ouvirmos acaba de lanzar o libro Pito galego. Método práctico. Este traballo de Moisés Quintas fai un percorrido pola historia e variedades deste instrumento, a achegar técnicas para o dominar, melodías axeitadas ao mesmo e mesmo indicacións sobre como construír un.

María do Ceo presenta De Portugal a Galicia Fado

Xénero: Melódica | 20 / 1 / 2016

de_pt_a_gz_maria_do_ceo.jpg

Un duplo CD marca o álbum número doce da carreira de María do Ceo. De Portugal a Galicia fado achega nun dos seus discos unha selección de clásicos da música portuguesa, mentres o segundo se dedica integramente a coñecidos temas desta banda da raia como Negra Sombra, Quen poidera namorala ou Lela entre outros. Gravado no estudio Edisco da Estrada, a cantante conta con colaboracións musicais como as de José Manuel Neto, Miguel Gonçalves, Filipe Pereira, Ricardo Morente ou Hector Martínez. O álbum preséntase en formato libro-disco a incluír as letras das cancións e unha introdución de Xesús Alonso Montero. O proxecto está autoeditado, e foi financiado mediante crowdfunding. A presentación oficial será o vindeiro 22 de xaneiro no compostelan Hotel Araguaney.

Dakidarría celebra 13 anos con De cuncas e de mar

Xénero: Rock | 19 / 1 / 2016

de_cuncas_de_mar_dakidarria.jpg

Logo de catro LPs e un recompilatorio, Dakidarría presenta un novo proxecto discográfico que conmemora os seus 13 anos de traballo. De cuncas e de mar é un CD-DVD que recolle un concerto íntegro do grupo e que inclúe, no seu apartado audiovisual, unha serie de reportaxes sobre o día a día dos músicos. A banda achega quince temas nos que mantén a súa aposta pola fusión de ska, reggae e punk-rock sen concesións e cun son potente e conta con colaboracións de Boikot, Obrint pas, La Raíz, ZOO, García MC, Itaca band, SKA-P ou SOAK. Gravado por Santa Cruz Recording, o novo traballo sae á venda o vindeiro 29 de xaneiro nunha edición limitada da man de Maldito Récords. Dentro da xira de presentación, a primeira data confirmada no noso país é un recital o vindeiro 9 de abril na sala Super 8 de Ferrol.

<< Inicio / Anterior . 541 a 550 de 1395 . Seguinte \ Fin >>