Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Fernando Vázquez Arias presenta Caderno para Sofía

Xénero: Clásica/Lírica | 11 / 11 / 2015

imaxe non dispoñible

Nove pezas para piano e orquestra compoñen a proposta que fai Fernando Vázquez Arias en Cadeno para Sofía. O compositor, profesor e director da Sinfónica de Melide deu a coñecer estas composicións a pasada primvarea e agora presenta o álbum correspondente. Inspirado en fitos da xeografía galega como as Fragas do Eume, o Ézaro ou as Burgas o músico dedica o álbum a súa filla Sofía e asegura partir da base do noso folclore para os seus temas. A interpretación das pezas correu a cargo do pianista Ricardo Blanco, que realizou o recital de estrea acompañado dun quinteto o pasado mes de maio no Consevatorio Profesional da Coruña.

Emilio José volta con Agricultura livre

Xénero: Indie | 10 / 11 / 2015

agricultura_livre_emilio_jose.jpg

Anos despois daquel Chorando apréndese que o situou na primeira liña do pop experimental a nivel estatal, Emilio José retorna. Desta volta, presenta nada menos que un triple CD, do cal xa está dispoñible na rede o primeiro volume, e que leva o título de Agricultura livre. Gravado en solitario na súa casa de Quins, Ourense, o novo álbum mantén a ecléctica mestura de estilos e o compromiso ideolóxico do autor, sempre cun envoltorio pop de grande orixinalidade. O álbum será oficialmente publicado o vindeiro 23 de novembro pola discográfica Foehn.

Brais Morán explora a súa transición persoal en Cruzando o eclipse

Xénero: Rock | 6 / 11 / 2015

cruzando_eclipse_brais_moran.jpg

Logo da súa experiencia en Loretta Martin, Brais Morán asenta a súa carreira e lanza seu primeiro disco como solista. Cruzando o eclipse achega trece temas nos que o músico coruñés mantén o seu vencello cun rock de guitarras con aromas dos setenta e toques funk. Segundo explica Morán, o proxecto reflicte un momento vital "onde cae a miña mocidade transformándose noutra idade chea de enerxía que continúa a crecer". Gravado integramente en galego nos estudios Abrigueiro logo dunha campaña de crowdfunding, o álbum conta con Manu Seoane na guitarra eléctrica, Miguel Queixas á batería e Denís Morán no baixo, así como cunha colaboración de Fran Pérez Narf.

aCentral Folque recupera o legado de Xoán Tilve

Xénero: Folk | 29 / 10 / 2015

xoan_tilve_folque.jpg

Catro pezas de gaita canda a dúas alocucións de Filgueira Valverde sobre a súa figura, compoñen as gravacións históricas que recupera aCentral Folque no volume Xoán Tilve. Gaiteiro de Campañó, que presentaba onte no Museo de Pontevedra. A obra, que fai parte da colección Chave mestra, recolle as gravacións que se realizaron en 1949 por iniciativa de Filgueira para preservar o legado deste intérprete. Ademais, reinterprétanse outros temas do repertorio deste solista tirados do cancioneiro de Casto Sampedro. A gravación vai acompañada por un estudo biográfico sobre Tilve da man do gaiteiro e investigador Óscar Ibáñez e mais dunha análise sobre o contexto e os fondos do legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra a cargo de Xavier Groba.

Liviao de Marrao presenta Que cada cão lamba a sua caralha

Xénero: Rock | 26 / 10 / 2015

cao_lamba_caralha_liviao_de_marrao.jpg

Dous anos despois do seu Matança Eta Filhoak!, Liviao de Marrao presentan o seu segundo álbum de estudio. Que cada cão lamba a sua caralha dábase a coñecer o pasado venres cun concerto na compostelá Sala Capitol. O grupo achega doce novos temas "nos que prima a mistura de punk, ska e rock com um sentimento de arroutada e de rebeldia que é a herança do bravú em galego" no que os habituais instrumentos de metal, guitarras e percusión súmanse outros menos comúns neste estilo como o violín e a gaita. O álbum, autoeditado e gravado nos estudios Pousada Son, inclúe curiosidades como a versión dunha cantiga de amigo de Johám de Requeixo, xograr do século XIII.

Falúa presenta o seu primeiro disco, orientado á lusofonía

Xénero: Cantautor | 23 / 10 / 2015

falua_falua_2015.jpg

Dous temas tradicionais galegos, tres de Portugal, da autoría de Vitorino, Zeca Afonso e Amália Rodríguez, un do brasileiro Chico César e outro do cubano Silvio Rodríguez. Esta é a aposta que fai o dúo Falúa para presentar o seu primeiro e homónimo disco. O dúo composto pola vocalista Sara de Sousa e Gom de Abadin á guitarra autoeditou o álbum e está a desenvolver unha serie de concertos por todo o país para dar a coñecer o seu proxecto.

2nafronteira volta con Sons de Nós

Xénero: Melódica | 19 / 10 / 2015

sons_nos_2nafronteira.jpg

Unha homenaxe musical á Xeración Nós e ás Irmandades da Fala é a nova proposta do dúo 2nafronteira. Carmen Penim e Maurizio Polsinelli acaban de lanzar Sons de Nós un volume no que musican trece poemas publicados orixinalmente na revista Nós. Francia Herrera, Blanco Amor, Pepe Velo, Luís Bernárdez, Bouza Brey, Carvalho Calero ou Otero Pedrayo son algúns dos autores aos que se achegou o dúo en temas como Pra facer un feitizo, Gándara, Torre do Oeste ou Na cova de Rosalía. Para este traballo, o dúo engadiu á súa instrumentación tradicional de piano e de harmonio colaboracións que integran batería, contrabaixo, zanfona ou violín aos seus sons. O Liceo de Ourense acollerá a presentación deste novo álbum cun concerto o vindeiro 30 de outubro.

Factoría de Subsistencia debuta Cerca da túa orella

Xénero: Miscelánea | 8 / 10 / 2015

imaxe non dispoñible

Oito temas conforman a proposta de Factoría de Subsistencia no seu traballo de debut. Cerca da túa orella é o traballo de debut do dúo conformado por Josito Porto e Sabela Dacal, unha proposta que parte de melodías sinxelas sobre unha base de guitarras, pianos e acordeóns e que deixa en letras como as de Lura de bar, Teño corazón ou Deus é un escaqueado o peso dun disco no que predominan a ironía e o humor. O álbum que se financiou mediante micromecenado, gravouse nos estudios Aldea Global e sae á venda da man de Arteficción discos.

Sae á venda The Tambourine Man de Xabier Díaz

Xénero: Folk | 7 / 10 / 2015

tambourine_man_xabier_diaz.jpg

Hoxe mesmo chega ás tendas o novo disco de Xabier Díaz. O ex cantante de Berrogüetto presenta un ambicioso proxecto no que, en colaboración coas Adufeiras de Salitre, reinterpreta cun enfoque vangardista once temas tradicionais galegos e un castelán. O cantor conta tamén neste proxecto con colaboracións como as de Kepa Junkera, Aleix Tobias, Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino nun disco no que a percusión ten un peso destacado e que o propio Díaz sinala como un punto de inflexión na súa carreira. O proxecto, que ve a luz da man do selo Músicas de Salitre, preséntase ao vivo o vindeiro 16 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Madrid e o festival Tradicionarius de Barcelona son as vindeiras paradas previstas na xira de presentación.

O Cuarteto caramuxo retorna con Arrieiros somos

Xénero: Folk | 28 / 9 / 2015

arrieiros_somos_caramuxo.jpg

Cunha formación anovada, na que Alonso Caxade cedeu posto a Marcos Padrón, e logo de varios anos, o Cuarteto Caramuxo estivo a presentar este verán o seu novo traballo. A seguir no estilo da formación, Arrieiros somos parte da tradición, neste caso de melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, para a as reinterpretar con toques de jazz, swing ou mesmo funk. Logo de visitar eventos como o Festival de Ortigueira ou o Festival de Poesía do Condado, o grupo actuará compostela o vindeiro 16 de outubro para presentar o disco no marco do Festival Martín Códax.

<< Inicio / Anterior . 571 a 580 de 1395 . Seguinte \ Fin >>