Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

IGMIG presenta o seu disco 'Ai, que lío'

Xénero: Alternativa | 20 / 3 / 2017

not_27270.jpg

O dificilmente clasificable trío IGMIG, formado por por Mig Seoane (voz e guitarra), Nacho Muñoz (voz e teclados) e Suso Feixón (batería),veñen de presentar o seu novo traballo, o segundo que publican e que xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Ai, que lío reúne de novo toda a capacidade ecléctica da banda de mesturar estilos e buscar resultados creativos sen concesións nos seus 15 temas "multiculturais" cunha liña de desenfado festivo sempre presente. Rock psicodélico, electrónica, funky rock progresivo , folk e case calquera influencia ten cabida na oferta musical de IGMIG. A xira de presentación deste traballo promete como sempre postas en escena teatrais e directos explosivos. Este é o seugo traballo despois do EP Shaishakarrascaishe !! en 2014. A banda presentou un videoclip do tema Ostiá! gravado en o club El Náutico, de San Vicente e coa actuación protagonista do Leo Arremecághona. IGMIG é unha das bandas que fan parte do colectivo Metamovida. A gravación do disco contou coas colaboracións de María de Mallou,Elena Vazquez (Trilitrate), Macarena Montesinos, Carlos Castro, Olalla Vidal López, Gonzalo Castro, Iago Carballo Alonso, José Antonio López López, Mercedes Peón, Lúa Gándara e João Paulo.

Emilio José publica na rede os 64 temas de Nativos digitais

Xénero: Indie | 17 / 3 / 2017

nativos_digitais_emilio_jose.jpg

O Bandcamp de Emilio José está que ferve estes días. O mércores 15 de marzo o músico de Quins publicaba neste espazo Nativos digitais, un proxecto que comprende nada menos que 64 cancións. O traballo preséntase como un mixtape, é dicir, unha gravación na que se recombinan fragmentos de audio, efectos e bases rítmicas sobre as que o compositor introduce os seus persoais recitados de hip-hop. Moita experimentación, crítica social, poesía electrónica e o intenso mundo persoal de Emilio José danse cita neste proxecto con pistas como Referentes culturais, 15-M, Hail Errejón!, Second Life ou eucalyptus. Todos os temas foron compostos entre xullo de 2016 e pasado mes de febreiro, segundo asegura o artista no seu Bandcamp. Emilio José está ao vivo na Casa do Pobo de Cangas mañá, 18 de marzo.

Talabarte fai pleno en todas as candidaturas aos Premios Opinión

Xénero: Folk | 10 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

A XVIª edición dos Premios Opinión da Música de Raíz, vencellados ao xornal La Opinión de Coruña, ven de desvelar as candidaturas finalistas que optarán a galardón. Sete discos lograron obter un lugar entre algunha das candidaturas elaboradas polo xurado, composto por oito persoas que falan sobre música de raíz en diferentes medios de comunicación. O disco Fake de Talabarte conseguiu ser o único presente nas tres categorías dos premios por mellor álbum, mellor tema orixinal e lograr Pedro Pascual os votos necesarios para ser finalista na categoría de mellor artista. Ademais dalgúns nomes que xa concorreron en edicións anteriores cos seus proxectos musicais outros artistas, mesmo con anos de carreira logran por vez primeira entrar nas candidaturas, é o caso de Rosa Cedrón e Xoán Curiel. Caxade consegue dous nomeamentos entre a lista de finalistas, pola canción Nábia e como artista. Nesta última categoría é a terceira vez que aparece na historia dos galardóns, dos que xa resultou gañador na décimo terceira edición.

Ouvirmos recupera a compositora Eugenia Osterberger

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 3 / 2017

Eugenia_Osterberger_Ouvirmos.jpg

Quince composicións para voz e piano é o legado sonoro da compositora Eugenia Osterberger que recupera a editora Ouvirmos no seu último lanzamento. Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) é o título do libro-CD no que reivindica unha creadora que contribuíu "de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación". Para alén das pezas que agora se recuperan, a autora tamén realizou composicións para piano. Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo asinan unha obra na que se fai un repaso pola vida e o traballo de Osterberger. Un concerto no Círculo Recreativo Cultural do Porriño acollerá o concerto de presentación deste traballo, no que Susana de Lorenzo e Beatriz López-Suevos, voz e piano, interpretarán todo o contido do disco.

Esquíos voltan con Nunca choveu que non escampara

Xénero: Rock | 1 / 3 / 2017

nunca_choveu_que_non_esquios.jpg

O Pub Invictus da estrada acollerá este sábado a presentación do novo disco da banda Esquíos. Nunca choveu que non escampara será o noveno álbum desta prolífica banda de punk rock na súa década longa de existencia. Para a gravación do disco a banda repetiu nos estudios Bonhan da Coruña, onde xa fixeran o anterior traballo, e o proceso fíxose ao vivo. Aínda que manténdose fieis nas letras ao seu espírito de crítica social e combativa a banda asegura que este LP e o "máis variado e posiblemente máis melódico e psicodélico" dos seus traballos e que con entran nun novo estilo que dan en chamar "rock psicotrónico". Tras desta presentación Esquíos actuarán o vindeiro 8 de marzo na Sala Malatesta de Santiago, como parte do programa do festival Desafogha.

Bala abre Lume a discreción

Xénero: Rock | 28 / 2 / 2017

not_27196.jpg

Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) fan do ruído virtude e están resultar mención imprescindible á hora de falar da escena do rock alternativo e independente sen concesións. Hoxe estréase en redes o seu novo disco Lume, gravado en Catalunya en Ultramarinos Costa Brava e Cal Pau Recordings e editado polo selo Matapadre. Nove temas de contundencia indiscutible dan boa continuidade e relevo a aquel primeiro disco Human Flesh (2015) que xa as levou por escenarios de salas e festivais. Para este ano xa se confirmou a súa aparición cun previsiblemente potente directo no cartel do Resurrection Fest e no Woodrocks e agora veñen de poñer sobre a mesa unha longa lista de concertos que comezarán este mesmo xoves, 2 de marzo, en El Pueblo café Cultural de Ourense e que incluirá ata maio 16 concertos na península ademais dun importante salto internacional con catro concertos en Tokyo e seis en Australia, catro deles en Melbourne. O tema que abre o disco, Colmillos, xa ten videoclip de fasquía dura e escura, como corresponde ao dúo que fascina a indies, heavys e punks por igual.

Ezetaerre desembarca con Aspiracións mínimas e urxentes

Xénero: Hip-Hop | 24 / 2 / 2017

aspiracions_minimas_urxentes_ezetaerre.jpg

Oito videoclips en simultáneo. Este é o espectacular xeito co que a banda Ezetaerre optou por presentar o seu primeiro disco Aspiracións mínimas e urxentes. Versións audiovisuais de todos os temas do álbum están xa dispoñibles na canle de Youtube deste trío de rap combativo en galego formado por Garchu, Pirola e Petrowski. A colonización de Latinoamérica, a audiencia nacional, a situación de Palestina ou a precariedade laboral danse cita nas temáticas duns temas que se acompañan de samplers de Yann Tiersen, Los Panchos, José González, temas árabes ou influencias folk. O proxecto, gravado por Iago Pico en Pousada Son Studios sae á luz baixo o selo Santa Guerrilla. A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 3 de marzo a presentación do proxecto nun concerto con Nao.

A OSG e Quico Cadaval levarán o mar ao Palacio da Opera

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 2 / 2017

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Diego García Rodríguez presenta unha nova proposta didáctica dentro do seu programa educativo Son Futuro baseada nun dos pilares da vida do noso país: O Mar. Coa colaboración do actor Quico Cadaval a OSG perseguirá a creación de públicos para á música lírica e clásica usando para iso a obertura de O holandés errante de Richard Wagner e os Catro interludios mariños de Benjamin Britten, unha obra do século XX na que se describe o mar en diferentes situacións. Varias representacións didácticas para escolares e unha de Concertos para a familia este venres ás 18 horas no Palacio da Ópera da Coruña ofrecerán este programa de temática mariña . Quico Cadaval fará a narrativa dramática da interesante lenda do buque pantasma de O Holandés errante e tamén, despois de cada un dos interludios, trasladará ao público á beira do mar partindo das imaxes mitolóxicas e as aventuras de piratas ata chegar a unha descrición de situacións cotiás das xentes do mar. A OSG elaborou unha guía didáctica para estas representacións orientada ao público máis cativo.

Milesios continúa Indoevindo no seu novo traballo

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2017

indoevindo_milesios.jpg

Catro anos despois daquel Alén mar, Milesios publica o seu segundo traballo discográfico. Indoevindo continúa a senda de mestura entre a música galega e irlandesa en once temas que beben das dúas tradicións e que integran sons tradicionais con composicións propias. O septeto formado por Maite Veiga, Marta Portela, Manuel María Veiga, Manuel do Moucheiro, Noelia Fersán, Paula Veiga e Senén Montero integra percusións, baixos, guitarra, batería, violíns gaitas, bouzouki, mandolina, acordeóns, bodhran e mesmo gadañas nuns arranxos complexos e coidados. Arturo Vaquero foi o responsable da gravación do álbum nos estudios Abrigueiro. O proxecto, autoeditado, ve a luz en formato libro-CD, nun volume con 52 páxinas e fotos orixinais de Daniel Díaz Trigo e que inclúe ademais unha paisaxe sonora e dúas músicas extras. A Casa do Saber en Lugo acolle este venres 24 de febreiro o concerto de presentacion.

Xan Campos saca o seu cuarto disco

Xénero: Jazz/Blues | 20 / 2 / 2017

not_27163.jpg

O selo pontevedrés Free Code Jazz Records ven de presentar o cuarto traballo do pianista Xan Campos. No disco ESD o músico conta coas guitarras de Virxilio Da Silva, Yoel Molina e Wilfried Wilde; a batería de Iago Fernández; os sintetizadores e o Rhodes a cargo do propio Campos. Nos seus nove temas ESD marca diferenza cos seus tres anteriores traballos (Ida e volta, 2007; Orixe Cero, 2011; Ectopía, 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz rock e á psicodelia progresiva do anos 70. Grazas a unha campaña de achegas económicas pola rede Verkami o disco puido saír, ademais de en CD, nunha edición en vinilo. O disco gravouse en Copenhague en xuño de 2015 e trátase dun traballo autoproducido e autofinanciado. O traballo pode escoitarse a través da plataforma Bandcamp.

<< Inicio / Anterior . 511 a 520 de 1446 . Seguinte \ Fin >>