Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Triángulo de Amor Bizarro saca un EP para coleccionistas
Xénero:
| 24 / 4 / 2017A partir de Barca Quemada, unha das cancións máis coñecidas do seu aclamado disco Salve discordia (Mushroom Pillow, 2016), Triángulo de Amor Bizarro ven de sacar co mesmo selo un E.P. con catro temas. Ademais da mencionada Barca quemada esta novidade discográfica dos barbanzáns, inclúe tamén un tema inédito, Barco de Oro; a versión en galego do clásico popuilar saído das Bahamas The John B.Sails que teñen versionado Johnny Cash ou Beach Boys e que agora TAB nos trae co título A Cantiga de Juan C como todo unha homenaxe á súa propia terra e pechan esta pequena obra cun “cover” da canción do grupo Hidrogenesse, Vuelve conmigo a Italia. O disco públicase en formato dixital e vinilo 10”, nunha edición limitada a 500 unidades e que aparece nun momento moi celebrado para a banda tras os numerosos recoñecementos por parte da crítica especializada e premios acadados con Salve Discordia.
O Sonoro Maxín celebra dez anos de traballo con Setedezasete
Xénero:
| 21 / 4 / 2017Cando cumpren dez anos, e cunha candidatura aos Premios Martín Códax da Música, O Sonoro Maxín presenta o seu segundo álbum de estudio. Setedezasete conmemora esta década de traballo ao tempo que xoga co carácter de números primos das dúas cifras e lembra que estes "son os días de feira en Ourense". A banda continúa coa súa fusión de estilos na Galicia Tropical nos doce novos temas que ven a luz baixo o selo Inquendanzas Sonoras. Ská, cumbias, acordeóns, metais e guitarras eléctricas danse cita en cancións que queren poñer a bailar a todo o país. A banda inicia nesta mesma noite no Café Cultural Auriense unha intensa xira de presentación. A Cidade das Burgas acolle tamén o día 22 a segunda cita, desta volta no Café Cultural El Pueblo. Carballiño (28 de abril), Bueu (día 30), Pontevedra (5 de maio), Vilar de Santos (7 de maio) ou San Sadurniño (12 de maio) son as seguintes actuacións previstas. O disco está en libre descarga no propio web do grupo.
Rafael Quintía e João Bieites presentan A Pedra do Fundamento
Xénero:
| 7 / 4 / 2017Unha escolma de dez anos de traballos musicais compoñen A Pedra do Fundamento, o álbum que acaban de presentar o antropólogo Rafa Quintía e o músico João Bieites. En total son vinte e nove temas inspirados na mitoloxía galega nos que se combinan pezas compostas para documentais con traballos inéditos. O proxecto, audoeditado, mestura sons folk e tradicionais e contou con colaboracións como as de Francisco Sutil, Antonio Vázquez, Alexandre Leiro, Xosé Feijoo, Rosalía Rodríguez ou César Martínez. Guitarras e outros instrumentos de corda mestúranse con gaitas, teclados e diferentes percusións no álbum, cuxos temas fan referencias a lugares como A cruz do Seixo ou A fonte da prata e a elementos e lendas como Labirintos, O Alicornio ou O demo asubiador, que fan parte da nosa cultura tradicional.
A Gramola Gominola volve con Cancións para desafinar
Xénero:
| 6 / 4 / 2017Xusto cando se fan dous anos do seu primeiro álbum, A Gramola Gominola presentaba cun concerto no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 1 de abril o seu segundo lanzamento. Cancións para desafinar achega trece novos temas nos que a banda máis rockeira para o público familiar explora diferentes estilos, desta volta arredor do rock. Surf-rock, punk, rock, gospel, hard-rock, funk, latin-rock ou rockabilly atópanse en temas como Canción para desafinar, a A Fábrica de Carmela, Pita Récords ou A Avoa Fina e o seus "tres ferrados de forza". Iago Romero corre coas ilustracións do libro-CD que publicar Galaxia dentro da súa colección Sonárbore. A Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolle o 5 de maio o vindeiro concerto do grupo, que continuará xira por Ourense o día 21 do mesmo mes.
As empresas musicais renovan a José Manuel Blanco como presidente da súa asociación
Xénero:
| 5 / 4 / 2017A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) ven de renovar a súa xunta directiva con poucos cambios respecto á anterior e asumindo unha continuidade do proxecto e dos seus retos como colectivo. José Manuel Blanco, de Nalgures Producións, segue no cargo de Presidente desta asociación que está integrada actualmente por once empresas cuxas actividades profesionais son de promoción, produción, representación artística ou axentes de contratación de espectáculos musicais. O principal cambio na Xunta Directiva ven pola entrada como Secretario de Francisco Javier Alonso, de Maruxa eventos, substituíndo a Kin Martínez de Esmerarte. O Vicepresidente , Xosé Manuel Aldea, de Ouvrimos, segue no cargo tamén e asume o cargo de Tesoureiro que antes levaba Belén Bermejo, de Sirgo Torcendo. Aínda que a nova Xunta está a elaborar o plan de traballo e de actuación de cara ó exercicio 2017, así como os obxectivos da Asociación a medio prazo, José Manuel Blanco pon como retos da nova etapa en AGEM algúns que xa veñen de atrás como é "estruturar a profesionalización do sector" e "loitar porque definitivamente se estableza unha normativa e se desenvolva a Lei do espectáculo para que poidamos ter unha normativa clara e definida porque agora mesmo hai normativas varias e dispersas" que cumpriría reunir arredor dun só texto que puidese dar seguridade ás empresas do sector da música en directo. Desde AGEM tamén queren avanzar en distintas vías no apoio aos profesionais como con ferramentas informáticas que axuden a levar a cabo "nas mellores condicións os espectáculo que se realicen", asegura Blanco.
Esposa presenta o primeiro disco longo 'Xardín Interior'
Xénero:
| 30 / 3 / 2017A banda compostelá Esposa presenta e saca á venda mañá venres o seu primeiro disco longo, Xardín interior. O álbum sae baixo o selo independente Prenom e presentarase cunha festa ás 19 horas no local de A Reixa Tenda/ Matrioska de Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo, 46), onde ofrecerán un concerto en acústico. Xardín interior ofrece doce temas de pop lixeiro e rápido no son e de letras melancólicas e lánguidas case existenciais. Segundo a presentación que deles fai o selo “a alegría da súa música e a naturalidade da súa actitude pode levar a pasar por alto as tensións que laten debaixo e que os fan ser un grupo atípico: as letras en galego retratan a personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais, as guitarras e as baterías nerviosas contrastan con dous sintetizadores máis atmosféricos, as voces femininas e as masculinas conflúen ás veces en temas eléctricos e velvetianos e ás veces nunha delicadeza que lembra aos Yo La Tengo máis sutís.” A banda está conformada por Xacobe González (voz e guitarra), María Villamarín (voz e sintetizador), Mar Catarina (sintetizador) e Cibrán Tenreiro (voz e batería). O pasado ano o grupo presentou un EP Señora de pero este é o seu primeiro traballo longo gravado Tras desta presentación actuarán no Melona Fest en Santiago o día 8 de abril.
O festival El Loro Facu presenta o cartel completo da súa nova edición en xullo
Xénero:
| 28 / 3 / 2017O Festival El Loro Facu da localidade coruñesa de Miño ven de presentar xa o seu cartel completo para a edición deste ano. Os días 28 e 29 de xullo catorce bandas, a maioría delas galegas, encherán de música independente e ritmos variados este festival que celebra a súa segunda edición no Porto de Miño. O cartel está encabezado polos veteranos Siniestro Total pero tamén están o rapeiro sevillano ToteKing , Guerrera, Igloo, Terbutalina, Familia Caamagno, Ataque Escampe, The Parrots, Thee Blind Crows, Ricky Hombre Libre, White Bats, os locais The Artificieiros, os asturianos The Attack of the brain eaters e Superoito. Os abonos a prezo superreducido xa se esgotaron e agora están a venda as entradas anticipadas por 25 euros o abono dos dous días.
Azul de Bueu fusiona música tradicional e jazz
Xénero:
| 24 / 3 / 2017O teatro principal de Pontevedra acollerá en sesión matinal este domingo a presentación do primeiro disco da formación Azul de Bueu. O disco homónimo desta banda integrada por seis músicos que proveñen tanto da escena da música tradicional coma do jazz ofrece unha fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna. Sonsoles Martínez (voz, acordeón diatónico); Xosé Miguélez (saxo); Wilfried Wilde (guitarra); Alexandre Touceda (contrabaixo); Iago Fernández (batería) e Virxilio da Silva (dirección artística, guitarra) conforman este proxecto. Os temas musicais escollidos están extraídos de cancioneiros na súa maioría, outros son produto da recolleita de modernos etnomusicógrafos. Para este concerto de presentación Azul de Bueu contará con colaboracións como a da contacontos Vero Rilo e o grupo de canto e baile de Traspés.
Oscar Ibáñez presenta un disco de homenaxe a Ricardo Portela o Gaiteiro de Viascón
Xénero:
| 23 / 3 / 2017Co gallo dos 25 anos do pasamento do gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra-1992) Oscar Ibáñez presenta un novo disco baixo o título Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Anos Pasamento no que homenaxea ao Gaiteiro de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. A efeméride incluirá ademais diversos actos este venres nos concellos de Cerdedo-Cotobade, cunha ofrenda floral ante o busto dedicado ao músico, e en Pontevedra co descubrimento dunha placa na rúa Laranxo e unha posterior gala musical no Teatro Principal. No disco colaboran na percusión destacados artistas que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estevez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas "Polo" (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López "Toniño" (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesus Corral Fernandez (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega). O álbum foi gravado, mesturado e masterizado en Chispún! Estudio (Vigo) por Rubén Troitiño, edita e distribúe Inquedanzas Sonoras baixo licenza de Oscar Ibáñez. Non é a primeira vez que Ibáñez rende tributo a este mestre da gaita, xa en 2008 impulsou unha homenaxe en forma de dobre CD editado por Edicións do Cumio baixo o título Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre.
O Ciclo 'Música Actual Galega II' estreará en Ourense obras de cinco compositores
Xénero:
| 22 / 3 / 2017A Fundación SGAE e a Asociación Galega de Compositores convocan a segunda edición do ciclo Música Actual Galega , unha serie de concertos que ten como obxectivo incentivar a programación do repertorio clásico galego dos séculos XX e XXI. Na cita ourensá interpretaranse a piano e voz as obras Na Xanela de Luis Carro; Sós de Juan Durán; MariNana de Julio Montero; Nouturno deLuis Carro; Romance de Arlequín de Julio Montero; Amor de Gloria R. Gil; Eu ben quixera de X. Comesanha e Le cimetière marin de Xan Viaño. Case todas a sobras son de estrea absoluta neste concerto que terá lugar no Liceo de Ourense, con acceso gratuíto, o sábado 25 de marzo (19:30 horas) coa participación das voces de Patricia Rodríguez e Gabriel Alonso e o piano de José Manuel Yáñez. Está é a terceira cita deste evento itinerante que xa comezara en Santiago en decembro e tamén tivo outra cita en Vigo. O pianista José Manuel Yáñez, foi fundador do Trío Groba e integrante da Orquestra de Cámara Galega, tocará este repertorio con dúas grandes voces. Patricia Rodríguez é titulada profesional en Piano e titulada superior en Canto; colaborou co coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e co coro da Ópera de Oviedo, entre outros. Gabriel Alonso é titulado profesional en Canto e Saxofón; foi representante galego no concurso Intercentros da Fundación Orfeo e Mellor Intérprete de Zarzuela no concurso Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.