Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2017

primeiros_bicos_ataque_escampe.jpg

Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.

Luar na Lubre inicia a xira de 30 aniversario con nova vocalista

Xénero: Folk | 31 / 1 / 2017

imaxe non dispoñible

O concerto co que comezou da xira de trinta aniversario de Luar na Lubre, este 28 de xaneiro en Compostela, foi tamén o de despedida de Paula Rey como vocalista logo de seis anos. O conxunto que capitanea Bieiro Romero acaba de anunciar a remuda do cantante. A coruñesa Belém Tajes será a quinta voz no conxunto folk, e estrearase de xeito oficial no concerto que a banda ten previsto para este venres 3 de xaneiro en Almería. Sevilla, Granada, Madrid, Ponferrada e Porto serán as seguintes etapas dun tour que prevé recalar na Coruña a coincidir coas vindeiras festas de María Pita e en Pontevedra o vindeiro mes de xullo. Guanajuato, Miranda de Ebro, Valladolid, Barcelona, Lisboa,Barakaldo, Cáceres, Albacete, Castelló e Logroño son outras paradas xa confirmadas nesta xira. Tajes, especialista en musicoterapia, ten participado en formacións como Voodoo e Sisters in the House, e o pasado ano participou no proxecto de intercambio entre músicos en linguas minorizadas Tosta Cultural Cargo.

Primordiais dá a coñecer o seu primeiro álbum

Xénero: Folk | 26 / 1 / 2017

drogueria_moderna_primordiais.jpg

A promoción de Droguería Moderna, o seu primeiro álbum, está a mobilizar o dúo Primordiais. Acaban de subir á rede o vídeo do seu single Por ti moreno e preparan concerto para o vindeiro 18 de febreiro no marco da Rede de Músicas Soltas de Redondela. Luis Martíns e Marcelo DoBode combinan arpa, voz e percusión nunha orixinal reinterpretación da tradición do país con aires improvisados, e toques jazz que denominan "músicas de OrTa" e "musicas en crecemento". O álbum ve a luz da man de Mada Producións

Fol Música reúne unha representación feminina da nosa música no disco 'Mujer Raíz- Root Woman'

Xénero: Folk | 20 / 1 / 2017

not_27059.jpg

O selo discográfico Fol Música ven de presentar un disco recompilatorio no que fai unha homenaxe ás mulleres da música de raíz. En Mujer Raíz – Root Woman reúnense voces femininas esenciais da música galega actual copando a maioría dos 14 temas do disco, complementadas con outras propostas de mulleres de Brasil ou África , por exemplo. No disco están presentes Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato, Rosa Cedrón e Sés. Tamén están como grupo Malvela, Doa e Fuxan os Ventes, estes últimos acompañados de Sabela Rodríguez. O músico ourensán Magín Blanco tamén aparece colaborando en dúas das cancións, nunha delas coa brasileira Luanda Cozzetti. A través dun comunicado o selo di querer comezar así o ano "porque -din- presentimos que vai ser un ano transcendental para os dereitos das mulleres. Van caer moitas barreiras e derrubar muros de prexuízos e inxustizas que aínda existen en todo o mundo. As mulleres van tomar conciencia da súa forza e a súa poder e sen renunciar aos seus valores, á feminidade, a intuición, a compaixón. A empatía e a non violencia, van dar un salto cuántico para lograr a igualdade e ocupar lugares e posicións relevantes en todos os ámbitos políticos e culturais." O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Sae á venda Enxebre, o último disco de Brath

Xénero: Folk | 12 / 1 / 2017

enxebre_brath.jpg

Aínda que levan un anos presentándoo ao vivo, non foi ata este mes de decembro que saíu á venda Enxebre, o último disco de Brath. A veterana banda folk que capitanea Eloi Caldeiro presenta dez novos temas nos que os títulos remiten a elementos da tradición galega (A Santa Compaña, O Trasno, A Bruxa Meiga, As fogueiras de lume novo) que se mesturan con referencias celtas como Druídas, Samhaín, Lughnasadh ou Beltane das fachas. Fiel ao seu estilo, o proxecto continúa unha aposta de folk no que a batería e a percusión teñen unha grande importancia e onde non faltan tampouco guitarras eléctricas. Segundo asegura Caldeiro, o título supón un retorno aos comezos de Brath, que conmemora con este álbum 36 anos de traballo. Enxebre ve a luz nun formato de libro-CD con múltiplos contidos extras e unha edición a toda cor.

Álex Fernández presenta Brisa en Valencia

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 1 / 2017

brisa_iago_fdez.jpg

A discográfica Fresh Sounds publica Brisa o terceiro LP da carreira do batería cangués Iago Fernández. O que xa está considerado un dos mellores baterías de jazz do Estado inclúe nesta ocasión na súa formación a Enrique Oliver, Wilfried Wilde e Reinier Elizarde, aos que se suman Zé Pedro Coelho, Xan Campos e Inês Sousa. Entre todos achegan nove temas novos dos cales son da súa propia autoría. Canda a eles, gravou When I Fall in Love de Victor Young, Conception de George Shearing e Everything I Love de Cole Porter. A sala Jimmy Glass de Valencia será a primeira parada na xira de presentación, na que Fernández se acompaña de Javier Vercher ao saxo, Wilfried Wilde á guitarra, e Demian Cabaud ao contrabaixo.

Pablo Díaz amplía a súa fórmula con Tic tac toc

Xénero: Infantil | 3 / 1 / 2017

Tictactoc_pablo_diaz.jpg

Con todas as entradas vendidas anda estes días Pablo Díaz a presentar Tic tac toc, o seu cuarto disco. De novo os máis pequenos protagonizan este libro-CD que sae da man de Galaxia na colección Sonárbore. Temas como No San Xoán, Queremos galego, O mundo máxico de Antón ou Señor gato amosan a capacidade de Díaz de explorar novos ritmos. Folclore de diferentes lugares do ritmo mestúrase con ska, country ou rock nos distintos temas para os que Díaz se acompaña dunha banda na que participan nomes como Olga Kirk, Diego Barral, Antón Díaz, Carlos Freire e colaboracións puntuais dos irmáns Tinaquero, Xabier Díaz ou Tito Calviño, todo envolto nas ilustracións de Almudena Aparicio.

Os Carunchos presentan o seu sexto disco 'Cantares'

Xénero: Folk | 28 / 12 / 2016

not_26986.jpg

Os Carunchos presentan este venres en Vincios, Gondomar, o que é o seu sexto traballo discográfico ao longo dos seus 22 anos de traxectoria, de título Cantares. Dezasete pezas conforman este disco editado co selo Inquedanzas Sonoras, con melodías cantadas arredor da poesía popular, letras propias e tamén musicando as poetas. Rosalía de Castro, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana, Manolo Pipas e Carlos Fontes están presentes en temas deste traballo que segundo afirma o grupo nun comunicado, “quere ser humilde resposta, o pago ao inmenso amor á nosa cultura e lingua que estes e outros autores espallan en poemas.” Os Carunchos” presentarán en concerto o novo sexto disco o vindeiro 30 de decembro ás 21:00h, no Centro Cultural de Vincios (Gondomar). O grupo naceu a finais de 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que Os Carunchos participan nos máis importantes festivais folk do país. O seu anterior traballo foi TI QUE? (PAI Música) en 2013, no que trataron temas de denuncia social de actualidade.

Radio Cos culminan un ano de éxito presentando o seu novo disco

Xénero: Folk | 26 / 12 / 2016

not_26979.jpg

Inspirándose para o seu nome no betanceiro Parque do Pasatempo a formación Radio Cos presentou estes días en sucesivos directo por Santiago, Coruña e Vigo este novo disco, o segundo da banda tras Radio Cos (BOA, 2013). En Pasatempo Radio Cos volven a traballar sobre o repertorio tradicional reinterpretándoo e facéndoo evolucionar co seu estilo propio. Desde o traballo de investigación etnográfica realizado desde hai moitos anos por Quique Peón e Xurxo Fernandes, cantantes e percusionistas de Radio Cos, veñen estas melodías recollidas nos seus arquivos de gravacións de campo. Xan Pampín ao acordeón, Pedro Lamas coa gaita e saxo tenor e o violín de Nikolay Velikov completan o quinteto.Radio Cos levan a metade do ano xirando co estas cancións dando concerto por toda a xeografía española e foron os representantes da música tradicional galega nos concertos oficiais do WOMEX 2016. Este ano tamén compartiron escenario e mesmo melodías coa formación balcánica Fanfare Ciocarlia no festival feito a Man experimentando con eles mesturas galego-balcánicas. O irmanamento de culturas e son está no cerne deste novo traballo e daí parte a idea de chamalo como ao famoso recinto creado polos irmáns Naveira en Betanzos.

Ialma saca hoxe á rúa o seu quinto disco, ‘Camiño’

Xénero: Folk | 16 / 12 / 2016

not_26950.jpg

Hoxe sae á rúa o quinto álbum do grupo de pandereteiras galego-belgas Ialma, titulado Camiño. Case vinte anos despois de comezar a xuntarse para cantar e cinco despois do anterior Simbiose (2011), volven de novo cun novo disco debaixo do brazo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas da emigración. Camiño, que leva como subtítulo De Bruxelas a Santiago, é a historia da súa emigración e da dos seus pais, pero que segue a evolucionar "porque un camiño nunca se para", din. "É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas". O novo disco tamén é un canto á diversidade: "Descubrirmos novas culturas musicais permítenos enriquecernos e coñecernos mellor", afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo que contribuíu a perpetuar, renovar e facer evolucionar a música tradicional galega.

<< Inicio / Anterior . 521 a 530 de 1446 . Seguinte \ Fin >>