Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Un libro-CD recolle a historia e sons das pioneiras Pandereteiras de Mens
Xénero:
| 27 / 12 / 2021Cinco mulleres labregas da comarca de Bergantiños que foron as pioneiras en levar o formato feminino das pandereteiras aos palcos e escenarios do espazo público nos anos 70 e 80. Elas foron as Pandereteiras de Mens e un novo libro-CD publicado por aCentral Folque recupera a súa historia elgado, grazas ao estudo da etnomusicóloga e doutora en Antropoloxía Beatriz Busto. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas desde que, no ano 1972 e por primeira vez, se subiron ao palco do Teatro Colón da Coruña. O traballo é unha achega a unha parte indispensábel do patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha compilación de músicas de diversos arquivos, incluídas aparicións televisivas, e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.
Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión
Xénero:
| 21 / 12 / 2021Tanxugueiras son hoxe "Trending topic" en España. Na súa participación na carreira cara ao festival de Eurovisión, as de Teo presentaban na medianoite o tema co que aspiran a representar ao país nese certame internacional de televisións estatais. 'Terra' ten arestora máis de 100.000 reproducións, tras doce horas de presentación oficial na canle de YouTube (houbo unha filtración previa por mor da hora neocelandesa) e a proposta non deixou indiferente a ninguén, sobre todo no que ten que ver coa presenza das linguas oficiais do territorio estatal. "Non hai fronteiras. Ez dago mugarik. No hi ha fronteres. Nun hai fronteres. No hay fronteras ", así repite en galego, euskera, bable, catalán e castelán un dos retrousos deste alalá de Novo Trad das Tanxugueiras. O resto do tema cántase enteiro en galego e fai unha reivindicación da tradición e das raíces coa rotunda afirmación dunhas gorxas que cantan en voces que "veñen para quedar". De saír adiante sería a primeira vez que un tema nunha lingua oficial do Estado diferente ao castelán representaría a España nos 60 anos de certame. Polo festival europeo pasou en 2011 outra artista galega, Lucía Pérez, que contou en castelán a canción "Que me quiten lo bailao".
A folktrónica de Baiuca aspira a mellor disco estatal do 2021
Xénero:
| 16 / 12 / 2021O tribalismo máxico da 'folktrónica' presentado por Baiuca no seu segundo disco, 'Embruxo' (Raso Estudio, 2021), entrou na lista de 15 finalistas ao Premio Ruído ao mellor disco do ano. Este galardón outorgado pola Asociación de Periodistas Musicais, que celebra este ano a súa sétima edición, coloca o álbum do artista galego á par de outros nomes moi recoñecidos e veteranos da música estatal, coma Kiko Veneno, Vetusta Morla, Quique González, Zahara, C.Tangana ou Morgan, entre outros. Este premio xa recaeu antes en propostas galegas, concretamente Triángulo de Amor Bizarro gañouno dúas veces, en 2016 e na pasada edición de 2020. A resolución do Premio Ruído ten que pasar agora, entre estes quince finalistas, por unha nova fase de votacións que remata o vindeiro 30 de decembro.
Lucía Aldao comparte a súa 'Pava'
Xénero:
| 14 / 12 / 2021A poeta Lucía Aldao estréase na música en solitario cun proxecto de disco virtual propio. Nos últimos tempos estabamos afeitos a non disociar a Lucía da súa compañeira na poesía e nos escenarios , María Lado, no dúo Aldaolado. Agora Lucía Aldao (A Coruña, 1982) xa ten nas plataformas dixitais 'Pava', un disco de cinco temas propios que non aspira a converterse en disco físico senón puramente como cancións para ser escoitadas e descargadas, de tal xeito que mercar o traballo (para os 100 primeiros compradores) supón recibir o dereito de descarga das cancións e a escultura realizada pola artista Laura Pazos para ilustrar a portada do traballo.
Segundo disco da Orquesta Galega de Liberación
Xénero:
| 10 / 12 / 2021A Orquestra Galega de Liberación, a formación de jazz improvisado na que participan ata dezaseis artistas destacados da escena musical galega baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, ven de presentar o que é o seu segundo traballo discográfico tras o inaugural 'Orquestra Galega de Liberación' publicado a primeiros deste mesmo 2021. 'Na Loita' é o título deste traballo que foi gravado ao vivo e composto a tempo real no concerto dado pola formación durante o pasado Festival Jazz de Ría en Narón este verán. A OGL está conformada neste álbum por Max Gómez (batería); LAR Legido (batería); Javier Pereiro (trompeta); Olivier Cano (saxo alto); Xosé Miguélez (saxo tenor); Diego Alonso (saxo tenor); Rosolino Marinello (clarinete baixo); Rubén Fernández (voz); Sheila Patricia (voz); Antonio Bravo (guitarra); Manuel Cebrián (guitarra); Elena Vázquez (violín); María José Pámpano (viola); Macarena Montesinos (violoncello); Saúl Puga (contrabaixo) e a dirección de Xacobe Martínez Antelo. Con sete temas que ofrecen algo máis dunha hora de música 'Na Loita' está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais.
Clara Pino e Pablo Vidal finalizan o ano con Xela
Xénero:
| 9 / 12 / 2021A Cidade da Cultura acollía o pasado 2 de decembro a presentación de Xela. Clara Pino e Pablo Vidal fechan as homenaxes a Xela Arias do en que se lle dedicou o día das letras a presentar sete cortes con versións de textos da poeta.
Unha nova xeración de Meniños Cantores volve tender a ponte musical nas beiras do Miño
Xénero:
| 2 / 12 / 2021Arredor de trinta anos teñen agora algunhas das crianzas protagonistas do primeiro volume de 'Meniños cantores' publicado en 2005, un proxecto baseado na música e compartido por centros de ensino das dúas beiras da fronteira entre Galicia e Portugal. Case dezasete anos despois, unha nova xeración ven de ser recollida no 'Meniños cantores. Volume 2' que foi presentado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega en presenza das entidades participantes, encabezada pola asociación Ponte.. Nas Ondas! (PNO!) impulsora do proxecto. Dezasete centros educativos de Galicia e Portugal participan nesta xeira do proxecto no que ademais outros tantos artistas de ambos países actuaron como padriños en canda un destes lugares para as gravacións das cancións escollidas, que representan un patrimonio musical compartido por unha comunidade que, como subliñou a presidenta do Consello da Cultura Galega, xa existía "antes de que houbera unha raia pintada no mapa".
Fernando Buide e Quico Cadaval fan ópera bufa coa Galicia contemporánea
Xénero:
| 1 / 12 / 2021O vindeiro 9 de decembro o Auditorio de Galicia acollerá a estrea da ópera cómica 'A sombra de Cristal', unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), a Real Filharmonía de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Este espectáculo de nova creación ten texto e dirección escénica de Quico Cadaval e música de Fernando Buide. A Real Filharmonia, dirixida polo director titular e artístico da orquestra, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira -que fai de personaxe muda- para a representación. A estrea poderá seguirse en liña en directo pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia e ao día seguinte haberá outra sesión aberta ao público xeral, o día 10.
Berto debuta en solitario con Viaxe ao espazo interior
Xénero:
| 26 / 11 / 2021Cando pasou pouco máis dun mes desde que o dúo Verto anunciou unha pausa na súa actividade, un dos seus compoñentes Alberto Mira, Berto, presenta o seu primeiro traballo en solitario. Viaxe ao espazo interior está dispoñible desde as cero horas deste 26 de novembro nas principais plataformas dixitais.
Os Bar Ban Sónicos presentan o seu primeiro disco 'Químicamente impuro'
Xénero:
| 24 / 11 / 2021Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas dixitais o que é o primeiro disco de longa duración da banda de garaxe punk Os Bar Ban Sónicos. O trío da Pobra do Caramiñal presentan 14 temas en galego neste 'Químicamente impuro' (Rock CD Records) gravado no Herztcontrol Studio en Seixas, Portugal. Contundentes sonoridades punk e de rock de garaxe son as bases deste traballo que estivo adiando a súa saída para ver a posibilidade de apoialo coas actuacións en directo da banda conformada por Manel Casal (guitarra e voz), Abel Cores (batería) e Amroth Lopez (baixo e coros). O lanzamento veu precedido pola saída do EP "Alimentando o nervio" o pasado 2020. O deseño gráfico do traballo é obra de Guillotina Estudio. O grupo tomou o seu nome da unión "dun posible xentilicio comarcal, Barbansós", co grupo do que fixeron as primeiras versións, The Sonics.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca