Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A música tradicional galega está presente no festival Popkomm de Berlín a través dunha colección de Ouvirmos

Xénero: Folk | 20 / 9 / 2006

imaxe non dispoñible

Hoxe comeza en Berlín o “Popkomm” un dos festivais de música máis importantes de Europa que ofrece tres tipos de actividades: exhibición, congresos e festival. Nesta feira, á que asisten uns 15.000 visitantes, haberá un expositor “Sounds from Spain” no que haberá representación galega. A música do país que estará presente na capital alemana chega da man do selo Sarriá Ouvirmos que levará a colección A Tiracolo, na que recupera gravacións de música tradicional galega.

Máis información no web do evento (en inglés e en alemán) e no web de Ouvirmos

O coro Toxos e Froles presenta un novo disco nun mes cargado de actividade cultural

Xénero: Coral | 19 / 9 / 2006

not_8546.jpg

“Camiño do centenario” é o título do próximo disco do Coro Toxos e Froles. Un CD editado pola Deputación Provincial da Coruña(dentro do seu programa “Outra+outra”) e no que recolle pezas habituais do seu repertorio. A gravación do quinto traballo da súa traxectoria é unha máis de todas as actividades previstas para este mes e derivadas de inaugurar a súa nova sede na rúa Magdalena. A vindeira cita será o xoves, cun acto de homenaxe ao tecido asociativo da cidade que se inclúe dentro das súas xornadas culturais de outono.

Máis información en Diario de Ferrol e no web de Toxos e Froles

“In the ocean” de Pulpiño Viascón é a canción do verán

Xénero: Pop | 11 / 9 / 2006 + VIDEO

not_8508.jpg

Despois duns meses de dura pugna entre as 38 cancións presentadas no concurso “A polo ghit” organizado por Vieiros e a Radio Galega o xurado composto por Nonito Pereira, Xil Ríos, Mónica Ares e Pía de Tolomei decidiuse pola canción “In the ocean” de Pulpiño Viascón como gañadora e canción galega do verán 2006. O tema ten o retrouso en inglés pero o resto da letra está en galego como se pedía nas bases, e levará o premio da gravación do video clip que emitirá a TVG. Nas votacións do xurado as seguintes con máis votos foron Kalindra Xida, da Banda Potemkin; A ruta do colesterol, da Banda da señorita e Tomasa; Sandra Dee, de The Homens e A das festas, de Guezos. Esta última foi a gañadora da votación popular a través de Internet.

Máis información en Vieiros

A coñecida cantiga "A rianxeira" contará cun museo propio na localidade que lle dá nome

Xénero: Folk | 4 / 9 / 2006

imaxe non dispoñible

O Concello de Rianxo quere homenaxear a composición musical que máis publicidade lle fai. A cantiga "A rianxeira" contará en breve cun museo dedicado exclusivamente a ela. A corporación local realizaba onte este anuncio, cando van facerse sesenta anos da composición da peza por Xesús Frieiro Dourado e mais Anxo Romero Lojo. A intención é que no museo se amose a partitura orixinal da obra, canda a unhas cincuenta versións da canción e mais diferentes documentos.

Máis información en La Voz de Galicia

Rosa Aneiros, Daniel Bellón e Xerardo Neira reciben estes días varios premios

Xénero: Folk | 1 / 9 / 2006

not_8463.jpg

Setembro chega con moitos premios. Comezamos en Ferrol, onde o mozo Daniel Bellón fíxose coa déximosexta edición do premio de solistas de gaitas Constantino Bellón. Un premio dotado con 1.800 euros e que o gaiteiro gaña por terceira vez consecutiva. De Ferrol imos ao Valadouro, onde o concello fallou onte o certame de novela. O gañador, que recollerá o premio dotado con 1.000 euros o vindeiro día 7, foi o biólogo Xerardo Neira pola súa obra “Da Terra de Deus”. En Palas de Rei entrégase mañá o premio literario Monte Careón que recaeu na escritora Rosa Aneiros.

Máis información sobre o Daniel Vellón en La Voz de Galicia e o de Xerardo Neira en Galicia Hoxe

O folk volve ser o xénero máis programado en Galicia despois do baixón do 2004

Xénero: Folk | 28 / 8 / 2006

not_8442.jpg

Os datos do último anuario da SGAE, que analiza a actividade cultural do 2005, recolle a recuperación do folk no noso país. Segundo estes datos, música tradicional recupérase do baixón acontecido no 2004 (cuxos datos se recolleron no anterior anuario) e encabeza cun 19’2% a porcentaxe da música que programa no país. Séguelle o jazz cun 12.7% e, de lonxe, o pop-rock (31.5%) que é o xénero estrela no resto do Estado. Ademais, o anuario da SGAE revela outro dato máis, que o macroconcerto folk por excelencia, o Festival de Ortigueira, é o evento con maior afluencia en todo o Estado.

Máis información na edición de hoxe de La Voz de Galicia e no web da SGAE

Abe Rábade únese a Ugía Pedreira e Guadi Galego nun proxecto sobre cantigas mariñeiras

Xénero: Miscelánea | 25 / 8 / 2006

not_8440.jpg

Baixo o nome común de Nordestinas únense as cantantes Ugía Pedreira –Marful- e Guadi Galego – Berrogüetto co músico de Jazz Abe Rábade para recrear o cancioneiro mariñeiro de Galicia. Cun repertorio elixido polas dúas cantantes e con arranxos de Rábade o proxecto cristalizará nun concerto a celebrar o vindeiro 2 de setembro no Teatro Principal de Santiago. O recital recollerase como gravación e será posteriormente editado en CD e en DVD, xa que as imaxes tamén se gravarán.

Máis información en La Voz de Galicia

Cambre, Verín e Sóutelo preparan os seus programas culturais para este mes de agosto

Xénero: Miscelánea | 9 / 8 / 2006

imaxe non dispoñible

Se os incendios non dan descanso, as festas tampouco. As próximas citas no calendario festivo de agosto están por todas partes. En Cambre o rock e o folck daranse a man no evento que comeza mañá na localidade coruñesa e que contará coa presenza de Barricada, Ialma, Los Suaves e os Diplomáticos. Mañá tamén comeza en Verín outro evento festivo aínda que non exclusivamente musical. Baixo o nome de “Verba. Festival internacional da palabra” concertos, teatro e recitais poéticos encherán a vila ourensá de actos culturais. Por último, o vindeiro 19 de agosto Soutelo acollerá unha nova edición (a vixésimo sétima) da festa que honra a memoria dun dos gaiteiros máis populares de Galicia, Avelino Cachafeiro.

Máis información sobre “Rock in Cambre” en La Opinión e sobre Avelino Cachafeiro no web do Concello de Forcarei

Arrinca o Festival Celta de Ortigueira cunha aposta pola fusión

Xénero: Folk | 6 / 7 / 2006

imaxe non dispoñible

Comezou a invasión. Unhas cen mil persoas reúnense desde hoxe e ata domingo en Ortigueira para asistir á nova edición deste evento. Este ano o programa aposta claramente pola mestizaches, achegando clásicos coma Gwendal coa aposta que o produtor Javier Limón cun espectáculo que mestura flamenco, folk e jazz. Lann de Cubel, Uxía, Berrogüetto ou Bagad Beuzeg completan o cartel.

Máis información no web do Festival ; Galicia Hoxe ; en La Voz de Galicia; en La Opinión e nos nosos arquivos

Compostela e Vigo celebran o día Europeo da Música con concertos

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 6 / 2006

imaxe non dispoñible

Hoxe é o día Europeo da Música. Por iso, varias formacións decidiron saír ás rúas para celebralo como mellor saben facelo: con música. En Santiago, o Casino promove a celebración cun programa musical que ofrecerá cinco concertos en prazas como Praterías, o Toural ou a propia sede do Casino na rúa Vilar. Por outra banda, o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra aproveita a efeméride para presentar o seu traballo discográfico “Tributo a Charlie Parker”. Un evento que terá lugar en Vigo, no marco do Festival Internacional de Jazz de Vigo.

Máis información sobre a celebración en Santiago en Galicia Hoxe e sobre “Imaxina Sons” no web do Concello de Vigo

<< Inicio / Anterior . 1331 a 1340 de 1421 . Seguinte \ Fin >>