Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A Regueifa inaugura a sección de arqueoloxía musical cos primeiros temas gravados por un solista galego na Arxentina
Xénero:
| 21 / 6 / 2006A primeira gravación sonora galega documentada ata o momento é a que fixo na Coruña o coro “Aires d`a Terra” en 1904. A esta gravación únenselle dúas máis coas que o web A Regueifa Plataforma acaba de estrear a sección “Arqueoloxía musical”. Trátanse de dous traballos posteriores, de 1910 e 1913 que, segundo asegura este sitio, “posiblemente sexa a primeira gravación da historia dun solista cantando en galego”. Trátase de dúas composicións: “Alborada Galega”, con partitura de Pascual Veiga sobre un texto de Francisco María de la Iglesia e “Os meus amores”, unha composición de Xosé Baldomir sobre un texto de Salvador Lope. Ambos os dous fragmentos foron dixitalizados, recuperados e restaurados por esta sociedade sen ánimo de lucro que asegura que foron “gravados por Saturnino M. Navarro en Buenos Aires co selo Polyphon”.
Máis información en A Regueifa
Preséntase un disco conxunto de Treixadura gaiteiros e Orfeón Treixadura
Xénero:
| 15 / 6 / 2006No seu cuarto traballo discográfico, “Unha semaniña enteira” (PAI música), o consolidado grupo Treixadura Gaiteiros presenta a xuntanza de dúas concepcións da música popular: o canto e a gaita. O Orfeón Treixadura, creado ex profeso para a gravación dunha das cancións do anterior disco “Unha noite non é nada”(2003) engade aquí a forza das súas voces ás melodías dos gaiteiros incidindo no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega. Dos once temas do disco, gravados entre os estudos Casa de Tolos e Edisco a finais do 2005, tan só un é unicamente instrumental. Este é o terceiro disco de Treixadura que leva por título un dos versos da cantiga popular “Unha noite no muíño” e os compoñentes do grupo xa anunciaron durante a presentación do disco no Consello da Cultura Galega a próxima realización dun disco que se chamará “Esa si que é muiñada”.
Máis información en Consello da Cultura Galega
A mestizaxe, a danza e grupos consolidados conforman a aposta da nova edición do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 12 / 6 / 2006O 6 de xullo comeza unha nova edición do Festival Celta de Ortigueira. O evento musical de Galicia que concentra a un maior numero de visitantes e que este ano promete cun programa “mais ousado ca nunca” como se atreveu a dicir o director artístico, Fran Rivera, na presentación do festival. Solas, Four Men and a Dog e Gwendal son algunhas das bandas que participan nun programa no que haberá un sitio destacado para a danza. Ademais, “Galicia & outras músicas” é o nome do plato forte, un singular proxecto dirixido polo produtor Javier Limón que repasará todo o repertorio tradicional galego.
Máis información no web do Festival, e en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e na nosa hemeroteca
O programa Extrarradio e Vieiros organizan un concurso na procura da canción galega do verán
Xénero:
| 6 / 6 / 2006A Radio Galega, a través do programa Extrarradio, e o diario electrónico Vieiros veñen de abrir en colaboración a convocatoria para un concurso que durará ata setembro e que ten como obxectivo proclamar cal é a canción do verán do 2006 en galego. O concurso “A polo ghit!” está aberto a todos os músicos que queiran con cancións gravadas en galego, que serán difundidas pola rede en Vieiros con licenza Creative Commons. Un xurado composto por xente do mundo da música e da comunicación elixirá en setembro o tema gañador, que será premiado coa gravación profesional dun videoclip e a actuación en programas da Televisión de Galicia. A cancións poden escoitarse e descargarse en Vieiros, e mesmo facer de xeito paralelo unha votación con comentarios engadidos.
Máis información en Vieiros
Volve o grupo de cantareiras Faltriqueira ao panorama discográfico con Efffecto
Xénero:
| 6 / 6 / 2006As catro cantareiras de Pontedeume presentan o seu segundo disco “Effecto” (Resistencia, 2006) no conflúen unha variedade de estilos musicais alén dos temas tradicionais. Ana Leira, Carolina Ródriguez, María López e Teresa García foron alternando concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do seu novo álbum. Faltriqueira (Resistencia, 2002), o seu primeiro traballo levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces, e conseguiulles a aceptación da crítica especializada, como o demostra o ter sido escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). O segundo disco busca a confirmación musical do grupo e, na busca da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais, a cantiga medieval, os ritmos do leste europeo o da Senegal e mesmo a adaptación dun tema folk estadounidense que interpretaran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton. Tamén está presente o “Canto libre” de Víctor Jara. e dous cancións representativas da discografía galega dos anos setenta: “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro.
Máis información La Opinión
O primeiro festival de hip-hop da Coruña pretende reunir a tres milleiros de afeccionados ao xénero
Xénero:
| 31 / 5 / 2006No Coliseum da Coruña, e coa presentación do actor Serxio Pazos, o espectáculo “Bombos,caixas e cristais” reunirá este sábado día 3 de xuño unha representación do movemento hip-hop en todas as súas variantes. Este festival reunirá a seis grupos nacionais, dous deles galegos –Dios ke te crew e Low & Overground Orkesta- e aos ingleses Foreign Beggars. Tamén haberá espazo e tempo dentro das seis horas para a exhibición de graffiti e o espectáculo de break dance. Serxio Pazos incorporará á súa presentación a interpretación de un rap dedicado ao político Francisco Vázquez. Os promotores do festival, a produtora Gabba Gabba Hey, demandaron un apoio das institucións para converter o festival nun referente galego e nacional.
Máis información no Programa do Festival
A discográfica Ouvirmos estrea co primeiro disco de Galegoz un selo dedicado a novos creadores
Xénero: VIDEO
| 30 / 5 / 2006 +Co disco "Galician Chimpanzee" do grupo Galegoz iníciase o novo selo Vir dentro da discográfica lucense Ouvirmos. O selo nace para abrir o camiño da co-produción de novos creadores galegos como é o caso deste primeiro disco da banda Galegoz formada por músicos procedentes doutras bandas do panorama musical galego: Xenreira, Nenos da revolta, Matraca Perversa, Jarbanzo Negro, Diplomáticos de Monte-alto, Mutantes Metálicos Band, A Compañía do ruído, etc. Dez temas e 2 videoclips conforman este disco. Bases electrónicas mesturadas con ska, funk,… e salpicadas por letras combativas, irreverentes e surrealistas. Despois de formarse virtualmente ao estilo dos Gorillaz agora dan o paso á gravación e posterior posta en escena do seu primeiro traballo discográfico.
Máis información no sitio de Galegoz
Co seu novo traballo discográfico autoeditado Berrogüetto celebra o décimo aniversario da banda
Xénero:
| 26 / 5 / 2006Cinco anos despois do celebrado disco Hepta (Boa, 2001) o grupo de folk Berrogüetto volve a sacar un traballo discográfico co que ademais celebra o seu décimo aniversario como formación en activo. con “Berrogüetto 10.0” a banda iníciase na autoedición discográfica dando un novo paso na súa carreira. O disco non contén temas tradicionais e os once temas son de composición propia dos membros do grupo buscando con este traballo a esencia da súa identidade musical. Acompañan ao disco fotografías de Karlos Abal e un texto de Rodrigo Romaní. A xira galega de presentación comezará en Vigo o 2 de xuño e levaraos nese mes por toda a xeografía do país.
Máis información en Galicia Hoxe
Kalandraka publica a primeira colección de divulgación infantil de ópera en galego
Xénero:
| 26 / 5 / 2006Os primeiros títulos cos que Kalandraka abre a colección de obras operísticas son “Aida”, de Verdi, e “A frauta máxica”, de Mozart. Cada libro contén un CD con fragmentos das obras musicais, unha adaptación do libreto con ilustracións realizadas por Jordi Bulbena e Josep María Rius, respectivamente, así como unha breve biografía do autor. Esta colección preséntase como unha canle para achegarlles aos lectores máis novos un xénero artístico co que teñen escaso contacto. Kalandraka xa ten experiencia na edición de libros musicais a través da colección Sondeconto, unha serie de albumes nos que colaborou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Recentemente ampliárase o catálogo cunha obra na que se interpretaba música de jazz. A publicación de “Aida” e “A frauta máxica” en galego -e simultaneamente tamén en portugués- é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.
Brath celebra as súas vodas de prata cun novo disco e anuncia outro para o outono
Xénero:
| 21 / 5 / 2006Con "Intres" xa son dous os traballos discográficos cos que os lucenses Brath celebran os vintecinco anos en activo do grupo despois da saída en decembro pasado do disco de chill out "Bulevar Océano". Nos once temas de "Intres" o grupo liderado por Eloi Caldeiro volve ás súas orixes de folk buscando innovar nos compases o os ritmos. Caldeiro anuncia para outono o vindeiro disco "Servizos informativos", un CD-libro de poemas recitados por el mesmo e letras e músicas adaptadas da última triloxía de Brath e outras inéditas con bases de rap e cancións portuguesas e africanas.
Máis información en Faro de Vigo