Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Despois de seis anos de actividade os composteláns Samesugas presentan o seu primeiro disco longo

Xénero: Rock | 19 / 5 / 2006 + VIDEO

imaxe non dispoñible

Os composteláns Samesugas teñen xa listo o seu primeiro disco longo “Alá Vai!” (H Records). O disco mantén a esencia punk desta banda con seis anos de vida e máis dun cento de concertos ás costas. O disco está gravado nos estudios Bonham da Coruña e editado polo selo catalán H Records e preséntano nun concerto de conmemoración do cuarto aniversario do selo na Sala Capitol o xoves 1 de xuño. Aínda que é o primeiro disco longo, con catorce cancións, non é a primeira gravación do grupo que xa ten varios EP e un vinilo. O grupo presentará o seu traballo nunha xira que os levará polo resto da península e polo Reino Unido, Benelux e Escandinavia.

Máis información na edición diaria de Galicia Hoxe

Os ferroláns Norfolk presentan no FIMO o seu novo disco “Cousas nosas”

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2006 + IMAXES

not_8012.jpg

“Cousas nosas” é o segundo traballo discográfico desta banda que deu os seus primeiros pasos no certame A Mocidade coa Lingua organizado polo concello de Ferrol a finais do 90. O seu primeiro disco “Brillan astros”(2003) gravárono como consecuencia de ter sido finalista en 1999 do concurso Nordés Coruña. Durante o verán Norfolk presentará o seu novo traballo con varios concertos entre os que destaca a actuación de apertura no concerto dos míticos Gwendal nas festas de Ferrol. O disco pódese adquirir polo de agora contactando cos membros do grupo e nas tendas M-4 e Montana de Ferrol.

Máis información en Diario de Ferrol
e no weblog de Norfolk

S.O.S. Trío pon na rúa o seu primeiro traballo discográfico “106 underground st.”

Xénero: Jazz/Blues | 15 / 5 / 2006

not_8001.jpg

Os gañadores da primeira edición do premio Concerto Autor Jazz Galicia no 2005, S.O.S. Trío, xa teñen na rúa o seu primeiro traballo discográfico. Seis das oito pezas do disco “106 underground st.” (FreeCode Jazzrecords) son composicións propias destes tres músicos unidos polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra no ano 2001. Virxilio da Silva (guitarra), Jose Carlos Ferro (contrabaixo) e Max Gómez (batería) coñecéronse na primeira edición dese seminario no que seguiron como alumnos durante as catro edicións do mesmo participando nas gravacións dos discos do SPJ así como nos concertos Pontejazz 2004 e 2005. O grupo ten como obxectivo fundamental a procura dun son propio a partir da posta en común das ideas de cada un dos compoñentes para o cal apostan polas composicións orixinais.

Máis información sobre o SPJ

A banda Marful saca este mes o seu primeiro disco á rúa

Xénero: Melódica | 8 / 5 / 2006

not_7963.jpg

Marful, con Ugia Pedreira á fronte e con Pedro Pascual (acordeón diatónico), Pablo Alonso (clarinete baixo) e Marcos Teira (guitarra), dan o paso do escenario á sala de gravación e presentan neste 2006 o seu primeiro disco do mesmo nome que o grupo. Tres músicos e unha voz -coñecidos e recoñecidos pola súas carreiras artísticas individuais- que despois de levar a súa proposta musical polos escenarios de todo o país con moita aceptación e éxito xúntanse agora nun disco inspirado nos carnés de baile cunha inequívoca vocación contemporánea. No disco, editado pola compostelá Producciones Efímeras, colaboran con eles Luis Alberto Rodriguez (bateria) e Xacobe Martinez (contrabaixo). Marful propón unha cocteleira inspirada nos ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes. Unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que coabitaban coa música popular e a canción melódica.

Máis información en Folque.com

A Federación Galega de Bandas de Música presenta a súa Banda Sinfónica

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá mañá a presentación da Banda Sinfónica de Galicia. Esta formación, impulsada desde a Federación Galega de Bandas de Música Populares, preséntase oficialmente logo dunha longa xestación de cinco anos. En total, son noventa e cinco músicos de todo o país os que participan neste evento, cunha idade media de vinte e dous anos. No programa inclúese a estrea da obra "Hipófisis (Fantasía)" do compositor Xabier Ces e unha versión musicada do poema "A Saleta" de Manuel María.

Máis información en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia

A inclusión de competencias de música no IGAEM inicia o seu proceso de reestructuración

Xénero: Miscelánea | 27 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) acaba de anunciar novas axudas para a música galega, así como un traballo de promoción no exterior. Non é unha iniciativa puntual senón das primeiras actuacións relativas a contidos coas que se reestructurará o IGAEM. Anunciouno o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, na súa intervención no Parlamento, na que tamén apuntou que o Instituto estaba nunha situación de “rutina e continuidade da súa programación”. A segunda parte do cambio, que se realizará ao final da lexislatura, afectaralle aos órganos de xestión, á estrutura interna e ao seu réxime económico e financeiro.

Máis información en Galicia Hoxe e La Opinión

O Consello da Cultura presenta unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións

Xénero: Antiga | 27 / 4 / 2006

not_7856.jpg

Unha mesma partitura pode soar diferente en función de quen a interprete. E na música medieval aínda máis. Por iso, os que escoiten a reconstrución feita polo doutor en filoloxía románica, Antoni Rosell, para o Consello da Cultura de “As Cantigas de Santa María” poden quedar sorprendidos polo resultado. ¿Por que estas diferenzas? ¿Cales son as características desta nova versión?

O Festival Imaxina Sons presentará en Vigo unha grande orquestra galega de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 26 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Nada menos que dezaoito músicos integrarán a primeira grande orquestra de Jazz de Galicia, O Festival Imaxina Sons, de Vigo, presentará o vindeiro un de xullo esta proposta, que coordinan Abe Rábade, Alberto Conde, Roberto Somoza e Baldo Martínez. Logo da súa presentación a orquestra percorrerá diferentes cidades do país. O Imaxina Sons desenvolverase entre o quince de xuño e o dous de xullo e achegará a Vigo cincuenta concertos europeos.

Máis información en La Voz de Galicia en Faro de Vigo, e nos nosos arquivos

Os artistas finalistas nos Premios de la Música demandan políticas de apoio da Xunta ao sector musical

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Os finalistas galegos dos Premios da Música que convoca a Academia das Artes e as Ciencias da Música reunidos pola SGAE coincidiron en reclamar o apoio da Xunta ao sector musical en Galicia. Tanto Ramón García, de Milladoiro, como Xosé Lois Romero, de NGD, aludiron á importancia da dimensión económica do sector e a necesidade de sentir o apoio institucional. mesmo contemplaron a creación duns premios da música galega. Os candidatos a mellor canción en galego son Nova Galega de Danza, por “Alalá”; Xabier Díaz e Guillermo Fernández, por “Pedra de Sal”, e o grupo Mamá Cabra por “Tan só con leres un libro”. A eles hai que engadir as candidaturas nas categorías absolutas de Milladoiro co disco “25”, que compite ao Mellor Album de Música Tradicional e Amaro Ferreiro, que compite como Autor Revelación pola canción “Turnedo” interpretada por Iván Ferreiro. Tamén o músico de orixe ferrolá Carlos Jean é candidato pola banda sonora da película “Ausentes”. Os gañadores coñeceranse o vindeiro cinco de maio.

Máis información en La Voz de Galicia

Un CD e un concerto dan a coñecer a reconstrución musical das Cantigas de Santa María feita por Rosell

Xénero: Antiga | 19 / 4 / 2006

not_7856.jpg

“Galicia e as Cantigas de Santa María” é o nome do CD coa versión das famosas cantigas afonsinas feita por Antoni Rosell para o Consello da Cultura Galega. Pero é moitas cousas máis, un traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Formaba parte dun ambicioso proxecto que, como explicou o presidente do Consello da Cultura Galega na presentación do traballo, Alfonso Zulueta de Haz, “non se puido realizar ao non conseguir os apoios necesarios”. Daquel proxecto fallido salvouse este traballo de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegan unha interpretación das Cantigas diferente das que acostumamos a escoitar. Os que queiran escoitala en directo, teñen unha cita o vindeiro xoves, 20 de abril, ás 20:15 horas no Pazo de Xelmírez en Santiago.

Máis información no web do Consello da Cultura Galega e sobre as Cantigas de Santa María na nosa hemeroteca

<< Inicio / Anterior . 1351 a 1360 de 1421 . Seguinte \ Fin >>