Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Dios Ke Te Crew publica o álbum "Xénese", primeiro disco de hip hop integramente en galego
Xénero: VINCULO
| 12 / 4 / 2006 +Logo de levar uns anos a amosar o seu traballo por escenarios de todo o país, o grupo Dios Ke Te Crew acaba de presentar "Xénese", o seu primeiro álbum. O traballo, producido polo propio grupo en colaboración coa discográfica Falcatruada é o primeiro álbum de hip hop feito integramente no noso idioma.
Máis información en Vieiros(en pdf), no web do grupo e no noso tema sobre Dios Ke Te Crew
Un novo proxecto leva a fusión musical ao Festival de Ortigueira
Xénero:
| 10 / 4 / 2006O acordo entre Estrella Galicia e o produtor Javier Limón permitirá a introdución dun novo espectáculo de fusión musical no Festival Celta de Ortigueira. "Galicia & outras músicas" é o nome deste proxecto que reunirá músicos folk coma Budiño, Uxía ou Leilía con intérpretes de xéneros do mais dispar, coma Jerry González, Niño Josele ou La Negra. O resultado poderá verse no propio festival o sete de xullo e será gravado para a súa posterior edición en disco.
Máis información en Vieiros e no web do Festival
A Cova Folk da Coruña pechou despois de catorce anos de actividade musical e hosteleira
Xénero:
| 23 / 3 / 2006Un dos locais destacados dentro do panorama da música folk en Galicia, A Cova Folk, pechou no pasado día de San Patricio as súas portas definitivamente. O pub é propiedade de dous dos membros do grupo Luar na Lubre, Bieito Romero e Pachi Bermúdez, e o próximo derrube do edificio no que está na Rúa do Orzán número 38 obriga á súa desaparición. Polo local, pioneiro no apoio ao folk, pasaron nestes anos figuras destacadas da música como Carlos Núñez , Susana Seivane, Milladoiro, Manu Chao , Paco Ibáñez membros de Capercaillie ou The Chieftains. Malia todo haberá unha certa continuidade xa que Romero e Bermúdez abrirán, a cen metros de alí na rúa Cordonería, un novo local de nome Espiral Folk.
Máis información en La Voz de Galicia
O primeiro disco do grupo Arán mestura sons tradicionais irlandeses e galegos
Xénero:
| 21 / 3 / 2006Aínda que inicialmente este quinteto naceu co obxectivo único de dar concertos en vivo o seu percorrido dá agora un xiro ao presentar a súa primeira gravación, o disco “GalÉire”. Neste traballo os membros de Arán mesturan a partes iguais pezas tradicionais irlandesas con temas galegos. O grupo naceu a partir do dúo formado polo gaiteiro Antón Davila e Xosé Liz, mestre na Escola de Música Popular de Vigo; e eles uníronse o inglés Harry Price, ao violín, Suso Alonso nas percusións e Álvaro Iglesias no contrabaixo. No disco tamén contan con colaboracións como as de Pancho Álvarez, Barry McGrath e Helena Paz.
Máis información en La Opinión
O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”
Xénero:
| 21 / 3 / 2006O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.
Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca
O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo
Xénero:
| 21 / 3 / 2006A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.
Máis información no web da Fundación
Xosé Carlos Caneiro presenta nun disco os seus poemas recitados con acompañamento musical
Xénero:
| 21 / 3 / 2006Co disco “De bar en bar. Os poemas prohibidos” o multipremiado escritor de Verín, Xosé Carlos Caneiro volve a presentar en público a súa poesía, esta vez nun formato sonoro. Buscando o contacto directo da escrita co público Caneiro recita vintedúas das súas obras poéticas acompañado por Xosé Manuel Salgado á guitarra e Manolo Garrido á frauta. O autor non publicara nada desde a novela “Ámote” (Galaxia, 2003). O escritor pretende presentar o disco en directo con recitais por toda Galicia en bares e teatros, comezando o venres 24 en Ourense no Teatro Principal. O disco de Caneiro é o segundo deste tipo editado en poucos meses no país, despois do de “A caricia da serpe” con poemas de Lino Braxe.
Máis información en La Voz de Galicia
e na páxina da discográfica
Eloi Caldeiro promove a revista de información cultural Naz-on
Xénero:
| 10 / 3 / 2006O músico e empresario Eloi Caldeiro presentou hoxe o primeiro número da revista bimestral Naz-on. O compoñente de Brath e director da discográfica Sons Galiza dirixe esta iniciativa que ten como obxectivo cubrir todos os eventos culturais que está a ter lugar e toda a produción cultural do país. Segundo Caldeiro a revista, que xa está en quioscos e librarías, “nace para quedarse” e confirma a súa saída por un período inicial dun ano. Caldeiro apuntou a gran necesidade que ten a cultura galega de verse recollida nos medios de comunicación xa que “sen repercusión da actividade cultural é imposible manter un mínimo de profesionalidade”.
Máis información en Naz-on
O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta
Xénero:
| 7 / 3 / 2006A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.
Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival
O gaiteiro Iván Costa interpreta todos os instrumentos e leva a produción no disco “Ávrego” editado por Cumio
Xénero: AUDIO
| 22 / 2 / 2006 +Con nome de vento das Rías Baixas “Ávrego” (Cumio, 2006) o gaiteiro Iván Costa presenta o seu disco en solitario, unha obra na que conxuga sete recompilacións con outras tantas composicións propias. Iván Costa foi alumno de Xosé X. Blanco Nogueira e de Nazario González “Moxenas”, e desde a súa mocidade conseguiu dar mostras de talento artístico acadando premios en Lorient ou nos certames Constantino Bellón e Solistas da Estrada. Agás nunha canción, A Gaita de Melchor, gravada en directo na Casa das Crechas en verán de 2002, no resto das cancións do disco el mesmo produce e interpreta todos os instrumentos ademais da gaita: zanfona, charrasco, pandeiro, tamboril, etc. O disco gravouse e mesturouse nos estudos Savik Sound de Caritel, en Pontecaldelas.