Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O rock literario de A Caricia da Serpe inicia a súa xira galega con tres concertos seguidos

Xénero: Miscelánea | 15 / 3 / 2007

not_9586.jpg

O grupo “A Caricia da Serpe” está estes días a presentar o seu traballo discográfico de nome homónimo editado polo selo coruñés Wonderland discos en varios concertos. Oleiros, Cambre e finalmente a Sala Yago de Santiago acollerán as postas en escena deste singular proxecto no que conflúen música e literatura. Aínda que A Caricia da Serpe comezou a súa andadura polo ano 1998 e leva dados cerca de 200 concertos, o seu primeiro disco editouse a finais do 2005. Os compoñentes desta peculiar formación son Lino Braxe, poeta, actor e director de teatro; Rómulo Sanjurjo, ex-compoñente de Os Diplomáticos e actual 50 por cento de Transportes Hernández & Sanjurjo; Miguel Ladrón de Guevara e Xosé Luis Saqués. No espectáculo do grupo está moi presente a poesía e a narración asó como os universos musicais da rumba, o rock ou o tango.

As agrupacións de gaiteiros mobilízanse para garantir uns mínimos laborais no sector

Xénero: Folk | 15 / 3 / 2007

imaxe non dispoñible

Vilagarcía acollía onte unha xuntanza na que 23 colectivos de gaiteiros de todo o país tentaban acordar uns mínimos laborais para a profesión. Entre as reivindicacións do colectivo está o cobrar un mínimo de 250 euros por actuación, e unhas condicións mínimas de seguridade no desempeño do seu traballo son algunhas da reivindicación. Para alén deste encontro a Asociación de Gaiteiros xa anunciou a celebración en maio dunhas xornadas sobre xestión fiscal e laboral para o sector.

Máis información en La Voz de Galicia; en Vieiros e máis o colectivo nos nosos arquivos

A Xunta anuncia que apoiará a Fundación Rogelio Groba nunha homenaxe que lle rendeu ao compositor

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 3 / 2007

not_9537.jpg

Rogelio Groba (Ponteareas, 1930) compuxo máis de trescentas obras de case todos os xéneros, o que o converte no compositor máis prolífico. Por todo isto, o músico será homenaxeado cun ciclo de concertos a cargo da Orquestra de Cámara Galega para difundir a música clásica do país. Ademais, a Xunta comprometeuse, a través das consellarías de Vivenda e de Cultura, a dotar de sede a fundación que promoveu o propio compositor e mais a contribuír á difusión do seu traballo.

Máis información en La Voz de Galicia, no web da Fundación Rogelio Groba e na nosa hemeroteca

O himno galego estreouse dez anos antes do que se pensaba

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 3 / 2007

imaxe non dispoñible

O Congreso Pascual Veiga, sobre a obra deste compositor, comezou onte cunha revelación de peso. A estrea do Himno Galego, do que Veiga creou a música, dátase cando menos en 1896, dez anos do que se cría. Segundo revelou o musicólogo Fernando López-Acuña, existen referencias desta obra en medios de comunicación e partituras xa desde 1896, dez anos antes da que ata o de agora se consideraba estrea oficial na Habana. Precisamente co congreso celebrábase o centenario desta estrea.

Máis información en Galicia Hoxe, no web de Cultura, en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos

Vigo, Santiago e A Coruña organizan a primeira Semana do Jazz Galego

Xénero: Jazz/Blues | 2 / 3 / 2007

imaxe non dispoñible

Kin García, Leo gianetto, Carme Dor e Pablo Seoane son algúns dos músicos que conforman o cartel da I Semana do Jazz Galego. Un evento que organiza El Corte Inglés e Audia Records do 7 ao 24 de marzo co obxectivo de dar a coñecer os novos intérpretes de Jazz que viven en Galicia e que mesturan os sons galegos coas últimas tendencias do panorama musical. As actuacións musicais están programadas primeiro en Santiago, logo en Vigo e por último en A Coruña.

Máis información no web de El Corte Inglés e en Galicia Hoxe

Ouvirmos descubre o patrimonio sonoro do país coa creación de rutas musicais en quince localidades galegas

Xénero: Miscelánea | 1 / 3 / 2007

tem_9496.jpg

"A música acompáñanos en todos os ámbitos da vida, públicos ou privados, en todas as épocas", explica Ramom Pinheiro, fundador da discográfica Ouvirmos. Aínda que inadvertida, esa presenza sonora mantense ao noso arredor vencellada a todo tipo de elementos. Agora, esta compañía, coa colaboración da Consellaría de Industria e Turismo, pon en valor ese pouco coñecido patrimonio e elabora quince rutas turísticas centradas nesta arte por outras tantas localidades galegas.

A Xunta organiza un congreso para pór en valor a figura do compositor do himno galego

Xénero: Miscelánea | 23 / 2 / 2007

not_9466.jpg

No 2007 cúmprense cen anos da interpretación do que despois se consideraría como Himno galego. Con texto de Eduardo Pondal, o autor musical foi Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842- Madrid 1906), que viu como toda a súa produción musical quedaba ensombrecida polo Himno. Para dar a coñecer a súa biografía e o seu traballo a Xunta, a través do IGAEM, acaba de organizar un congreso. A cita será do 1 ao 3 de marzo na sede da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago.

Máis información no web do Congreso e sobre as actividades de celebración no web da Consellaría de Cultura

Carlos Núñez recrea un universo sonoro cinematográfico no seu álbum “cinema do mar”

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2007

not_9463.jpg

O último traballo de Carlos Núñez, “Cinema do mar”, recupera numerosas bandas sonoras de coñecidas películas. Tanto as que ten composto o músico galego como doutros compositores do panorama internacional. Entre as de Carlos Núñez figuran tres temas que compuxo para a película de Alejandro Amenábar “Mar adentro” e un para a película de Goroa Miyasaki titulada “Historias de terramar”. Entre as versións doutros compositores destaca a de Nino Rota (El Padrino), Ennnio Morricone (A misión) ou The Chieftains (Womens of Ireland).

Máis información no web do disco “Cinema do mar”

Nordestin@s faise co premio Opinión de Folk mentres Deluxe anuncia dous discos para este ano

Xénero: Folk | 19 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

Como cada ano, acaban de se coñecer os gañadores dos Premios Opinión de Música Folk, que foi para o trío Nordestin@s polo seu primeiro traballo. Por detrás deles quedaron formacións con tanta sona coma Berrogüetto e Milladoiro, que ocuparon o segundo e terceiro postos respectivamente. E canda á unha nova agardada coma esta, Deluxe achéganos unha sorpresa. O coruñés Xoel López anuncia nada menos que dous discos para este ano, un que editará Virgin e outro que só estará dispoñible a través de Internet, onde o autor publicará unha canción por mes a partir de abril.

Máis información en La Opinión La Voz de Galicia

O Consorcio de Santiago programa oito concertos en templos que acaba de restaurar

Xénero: Antiga | 16 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

Combinar música con patrimonio foi a intención coa que o Consorcio de Santiago inaugurou o ano pasado o programa “Músicas contemplativas”. Despois do éxito daquela edición, este organismo acaba de convocar un novo programa que aumenta o número de concertos. En total oito actuacións servirán para coñecer como foron rehabilitadas as igrexas de San Martiño Pinario, San Fiz, Mercedarias, Ánimas, Orfas ou a da Orde terceira. Os concertos, que serán de balde, terán lugar do 3 ao 7 de abril.

Máis información no web do Consorcio de Santiago, El Correo Gallego e no noso especial sobre a edición do ano pasado

<< Inicio / Anterior . 1291 a 1300 de 1407 . Seguinte \ Fin >>