Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Ouvirmos descubre o patrimonio sonoro do país coa creación de rutas musicais en quince localidades galegas
Ouvirmos descubre o patrimonio sonoro do país coa creación de rutas musicais en quince localidades galegas
marzo 1, 2007
"A música acompáñanos en todos os ámbitos da vida, públicos ou privados, en todas as épocas", explica Ramom Pinheiro, fundador da discográfica Ouvirmos. Aínda que inadvertida, esa presenza sonora mantense ao noso arredor vencellada a todo tipo de elementos. Agora, esta compañía, coa colaboración da Consellaría de Industria e Turismo, pon en valor ese pouco coñecido patrimonio e elabora quince rutas turísticas centradas nesta arte por outras tantas localidades galegas.
A proposta é coñecer as nosas cidades, concretamente os seus cascos históricos, mediante a música e, á inversa, facernos conscientes do noso patrimonio musical nun simple paseo. Pontevedra foi a primeira, xa o verán pasado. Para o vindeiro estío veremos Celanova, Mondoñedo e Rianxo. Logo irán saíndo á luz Monforte, Compostela, A Coruña, Ribadavia, Ferrol, Betanzos, Lugo, Tui, Ourense, Vigo e o conxunto de Muros e Noia. Unha selección de nada menos de quince espazos monumentais compoñen a primeira fase do proxecto de Itinerarios Histórico-Musicais que a discográfica Ouvirmos acaba de anunciar e que desenvolverá cun investimento de 48.000 euros da Consellaría de Industria e Turismo. "A idea é que para fin de ano estea rematado todo o traballo de investigación, e que a partir de aí se vaian publicando" explícanos Ramom Pinheiro, que coordina este proxecto,.
Ler e escoitar
Cada unha destas rutas ve a luz na forma dunha pequena publicación de algo máis de corenta páxinas cun mapa e explicacións históricas destinadas a que unha persoa poida por si mesma desenvolver perfectamente o itinerario. En cada un dos itinerarios inclúese unha galería de personaxes musicais da cidade "que ás veces nin se coñecen localmente malia a que a súa obra transcendeu fóra", lembra este investigador. Completan o paquete de lectura unha bibliografía e enderezos de interese para os visitantes. Este material acompáñase dun mini-CD onde media ducia aproximada de temas achega a ambientación musical correspondente a cada espazo do itinerario. Ademais deste formato, tamén se edita de cada unha das guías unha versión reducida en tríptico para facilitar a súa difusión, e está prevista ademais a formación de guías locais nas diferentes cidades para permitir o desenvolvemento de visitas de grupo. Para máis, no proxecto están tamén previstas actuacións en directo en ocasións puntuais. "En Mondoñedo e en Celanova están xa contratados concertos de música antiga. O ideal para nós sería complementar as visitas, polo menos de xeito ocasional, con música ao vivo. Tamén nos gustaría moito que os escolares puidesen, mediante itinerarios organizados, redescubrir a cidade a través da música", explica Pinheiro.
Dentro da guía
O coordinador do proxecto exemplifícanos o xeito en que o equipo de Ouvirmos recupera referentes musicais nun casco histórico: "Se imos a un casco histórico como pode ser o de Celanova, atopamos un mosteiro con partes barrocas e incluímos toda a música que leva aparellado, como poden ser os coros. E se saímos do edificio chegamos ás prazas, en moitos casos tamén do barroco, e aí podemos pensar en templetes, bandas de música ou en espazos de congregación da música popular. E aínda polas rúas temos en diferentes épocas os cafés, os casinos e os cabarés, ou as casas grandes onde a finais do século XIX a burguesía emerxente facía as primeiras veladas musicais. E por outra banda estaría a música popular con todas as súas manifestacións: o Entroido ou os Maios no ciclo anual, ou os gaiteiros". Evidentemente, non todas as vilas presentan as mesmas posibilidades. "En cada lugar poñemos o acento nun punto diferente. Se a vila é marcadamente relixiosa, centrámonos por exemplo no mosteiro. En Pontevedra fixémolo coa música urbana e co Renacemento, en Rianxo acabaremos falando dos lavadoiros onde cantaban as veciñas. Centramos na música medieval Compostela e fixemos un achegamento á sefardí en Ridadavia", exemplifica.
Os recursos musicais
Como se ve, os recursos musicais que se poden extraer de cada lugar son do máis variado e permiten coñecer mediante casos concretos fases da nosa historia musical. "Hai lugares que son, por así dicilo, máis sinxelos de facer, como A Coruña, Santiago ou Ourense, onde xa hai estudos monográficos e existe unha vida musical moi activa. Outros sitios xa esixen máis traballo de campo", recoñece Pinheiro. "Pontevedra, por exemplo, permitiunos comunicar que houbo Renacemento en Galicia, que é algo que sempre se nos negou. Houbo un contacto marítimo importantísimo no que chegaron as correntes europeas". A un nivel máis recente, desde Ouvirmos queren amosar "a aparición das músicas urbanas a comezos do século XX. Cando os labregos emigraban e se facía obreiros, montaban coros e rondallas, nun xeito de culturizar a través da música, e aí están os edificios desas sociedades. Tamén están os cafés ou todo o patrimonio dos bailes, no que hai xoias arquitectónicas que xa chamaron a atención a arquitectos foráneos". Outro grande legado artístico relacionado coa música vennos xa da Idade Media, segundo estes investigadores: "A nivel medieval temos un patrimonio iconográfico musical brutal, que pode ser un dos nosos atractivos a nivel europeo e mundial. Aí mesmo temos detalles como o sartego do trobador Paio Gómez Charino". A lista de recursos é enorme, e iso que só estamos nas primeiras fases do traballo de investigación.
A investigación
Como é de supor, cada unha destes rutas esixe un intenso labor de preparación. En primeiro lugar un técnico de patrimonio propón a ruta. Logo iníciase a investigación consultando diferentes fontes documentais e co inevitable traballo sobre o terreo. "Temos un equipo activo desde hai varios meses", explican desde Ouvirmos. Ademais de Pinheiro, participan neste proxecto Richard Rivera como asesor en patrimonio, o grupo Resonet e Fernando Reyes no campo da música antiga, e a filóloga Mónica Rodríguez, canda a varios colaboradores puntuais. "Ao final acaban sendo textos breves pero custa moito facelos porque se traballa con material maiormente inédito", explica Pinheiro.
Facer a historia musical do país
A importancia deste proxecto vai moi para alén do que pode semellar nun comezo. Os itinerarios son na realidade un proxecto que permite ir recuperando, aos poucos, todo un patrimonio esquecido. "Os itinerarios permítennos facer un achegamento a todas as fontes documentais, discos, fotografías, memoria oral e patrimonio arquitectónico e etnográfico relacionado coa música", explica Pinheiro. "Entendémolos como un primeiro paso nun proceso de recuperación do patrimonio musical". Deste xeito, "nos mini-CDs queremos reconstruír a música antiga, unha das grandes descoñecidas do noso patrimonio musical. Para isto contamos co grupo Resonet, que interpreta pezas de diferentes épocas". Ao ir buscando en cada lugar distintos referentes sonoros, este proxecto vai conseguirá achegar un percorrido sonoro pola historia da nosa música. Ademais de novas interpretacións, a iniciativa permítelle á xente de Ouvirmos "recuperar gravacións históricas, da primeira metade do século XX, que por si mesmas poden non ter entidade para un monográfico como os que tiramos na colección `A tiracolo´". Deste xeito, xa na ruta de Pontevedra introduciron a que foi o primeiro rexistro etnomusicolóxico do país. "Foi unha gravación do Gaiteiro de Campañó que se fixo por iniciativa de Filgueira Valverde desde o Museo de Pontevedra no ano 1947 para que non se perdese aquel xeito de tocar, e só existía esa copia", lembra Pinheiro, quen adianta tamén que "No itinerario de Rianxo imos dar a coñecer a primeria gravación da Rianxeira, feita en 1948 en Buenos Aires, coa letra antiga". Son só exemplos do que pode supor este proxecto a nivel de recuperación e difusión de gravacións antigas.
Guía e turismo
Se a alguén lle parece aínda pouco, semella que aos de Ouvirmos tamén, e é por isto que pretenden que destes proxectos locais xurda o contido para unha guía integral do patrimonio musical galego. "Esta é unha base necesaria para facer unha guía de calidade, algo que xa existe en Centroeuropa ou en Francia e que é para nós un obxectivo evidente". As ideas non fican tampouco aí. Canda a intención de ampliar o número de espazos incluídos no proxecto, as posibilidades das novas tecnoloxías non pasan inadvertidas para os membros desta orixinal discográfica, que adiantan que "este é un proxecto aberto, temos aínda moitas máis ideas e agardamos ir cumprindo obxectivos e vendo a resposta ao proxecto para as desenvolver". Polo momento, as reaccións están a ser moi positivas, tanto a nivel local como pola banda do sector turístico. "Xa contactaron con nós varias axencias de viaxes. Fundamentalmente o público están a ser pequenos grupos de Alemaña ou do norte Italia que veñen facer rutas temáticas e que lles interesa en exclusiva o Barroco, o Románico ou a música tradicional, o que os pode levar a varias vilas nunha mesma visita", explican. Está por ver se, para alén dos beneficios turísticos, o proxecto acada os seus obxectivos se converte nun comezo para que todos consigamos ver un pouco máis as nosas vilas e cidades en clave de música.
Extraído de Itinerarios Histórico-Musicais. Pontevedra.
Ouvirmos.
Extraído de Itinerarios Histórico-Musicais. Pontevedra.
Ouvirmos.
Extraído de Itinerarios Histórico-Musicais. Pontevedra.
Ouvirmos.
Tamén che pode interesar:
- 18/ 7/ 2024 | O Arquivo Sonoro de Galicia recupera unha conferencia sobre as orixes do coralismo en Galicia
- 3/ 3/ 2017 | Ouvirmos recupera a compositora Eugenia Osterberger
- 22/ 2/ 2008 | Ouvirmos e Falcatruada participarán nun foro musical en Pequín
- 20/ 9/ 2006 | A música tradicional galega está presente no festival Popkomm de Berlín a través dunha colección de Ouvirmos
- 22/ 3/ 2006 | Ouvirmos e Falcatruada inician a venda de música a través da rede mediante plataformas externas