Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O grupo Xochilmica grava na Casa das Crechas un tema para o seu próximo disco
Xénero:
| 23 / 5 / 2007Este xoves día 24 o grupo Xochilmica entrará no pub Casa das Crechas de Santiago para executar e gravar en directo un dos temas que encherán o seu próximo disco. Con esta finalidade sobre as 22:30 horas reuniranse no local compostelán con colaboradores de luxo como o mestre gaiteiro Edelmiro Fernández, con Pedro Pascual (Marful, Talabarte Trio), con Santi Cribeiro e Quin Fariña (Berrogüetto) , Manuel Amigo (Dhais) e as voces das pandereteiras de “Cantigas e Agarimos”. A Casa Das Crechas, un dos maiores santuarios da musica folk en Galicia fai este ano o seu vinte aniversario e vai servir a Xocilmica coma marco perfecto para esta gravación. Xochilmica ven actuando desde o ano 2003, o seu primeiro disco “5 elementos gravouno como resultado de ter gañado o “V Certame de Música Folk de Radio Obradoiro”.
Os Cempés despediranse do seu público na gala dos VI Premios Opinión de Música Folk
Xénero:
| 21 / 5 / 2007O vindeiro 11 de outubro o escenario do Teatro Colón na Coruña acollerá a gala e entrega dos VI Premios Opinión de Música Folk e xa está confirmado o cartel de músicos que actuarán nesta celebración. A gala servirá como colofón de despedida para o grupo ferrolán Os Cempés, que se disolve despois dunha ducia de anos en activo e dará aquí o que probablemente sexa o seu último concerto. Tamén o trío Nordestin@s, grandes protagonistas do ano discográfico acompañarán coa súa actuación esta gala, así como está prevista a actuación do gaiteiro Xosé Miguélez, primeiro intérprete deste instrumento en posuír un título oficial d mesmo. A voz de Maite Dono pechará as actuacións da gala acompañada por un piano.
Máis información en La Opinión
Bota a andar Mega, o soportal de Culturagalega.org dedicado á música
Xénero:
| 15 / 5 / 2007Grupos, discos, empresas, concertos, novidades, análises, cancións, vídeos... Todo o que teña que ver coa música no noso país ten un oco en Mega. "Música en Galicia" é o lema do novo soportal de Culturagalega.org sae hoxe á rede coa intención de cubrir un ámbito da nosa cultura que se atopa en plena transformación. Ao xeito dos outros soportais do noso medio, este espazo quere ser un espazo de referencia que recolla toda a actualidade do sector.
Máis información en Mega
Xabier Díaz rescata músicas populares no seu segundo traballo en solitario
Xénero: AUDIO + IMAXES
| 15 / 5 / 2007 +O segundo traballo de Xabier Díaz “Coplas Para Icía“ (Músicas de Salitre,2007) xa ten anunciada a súa chegada ás tendas para a segunda quincena deste mesmo mes. En “Coplas Para Icía” Díaz ten como compañeiros de viaxe ao percusionista e gaiteiro Pedro Lamas e o acordeonista Suso Iglesias. Neste disco Díaz rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito dun extenso traballo de campo entre os anos 1990 e 2000. A presentación en concerto está prevista para o vindeiro 22 de xuño en Culleredo ( A Coruña ) . Xabier Díaz foi finalista aos Premios da Academia da Música no 2005 polo disco “Músicas de Salitre“ que fixo xunto con Guillermo Fernández e co que acadou o 3º posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.
Entre Trastes fai un percorrido pola música celta para instrumentos de corda no seu primeiro disco
Xénero:
| 15 / 5 / 2007A discográfica ourensá Zouma Records ven de sacar á venda o disco “Entre Trastes”, primeiro da formación do mesmo nome. Álvaro Iglesias ao contrabaixo, Daniel Vilar á guitarra e Xosé Liz ao bouzuki conforman este trío de virtuosos das cordas. Todos eles teñen xa unha ampla experiencia na música tradicional e actuaron xunto a artistas como Carlos Núñez, Pancho Álvarez ou Rodrigo Romaní entre outros. Álvaro Iglesias e Xosé Liz tamén forman parte do grupo Aran. Nos rece temas deste primeiro disco presentan un percorrido polas posibilidades que a música celta presenta para os instrumentos de corda.
Preséntase a Asociación Galega de Músicos Alternativos
Xénero:
| 14 / 5 / 2007Os movementos de integración que están a soprar no sector da música chegan aos propios creadores. Acaba de se facer pública a creación da Asociación Galega de Músicos Alternativos (AGMA), un colectivo que pretende unir autores e intérpretes e que nace cunha vocación claramente profesional. Entre outros obxectivos, a AGMA quere mellorar as condicións de traballo, asesorar os seus socios, e servir como foro de debate sobre os problemas do sector.
Máis sobre a situación do sector nos nosos arquivos
A segunda edición do programa Vai de Camiño achegan 181 actuacións de danza, música e maxia
Xénero:
| 11 / 5 / 2007Nada menos de 118 vilas dos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas contarán este verán con 181 actuacións de música, danza e maxia. A segunda edición do programa Vai de Camiño contará coa presenza de Milladoiro, Uxía, Leilía, Mercedes Peón, Deluxe ou Berrogüetto, entre moitos outros.A proposta, organizada polo Xacobeo, duplica amplamente o número de actuacións do pasado ano.
Máis información en Galicia Hoxe, en Xornal Galicia e en La Voz de Galicia
A feira Cultur.gal acolle hoxe a presentación do novo disco do grupo Malvela
Xénero: VIDEO
| 11 / 5 / 2007 +Con mais de 10.000 discos vendidos entre os dous primeiros albumes o grupo de cantareiras tradicionais Malvela presenta agora o seu terceiro traballo “da miña xanela á túa” (PAI Música). A feira Cultur.gal acolle esta presentación hoxe ás 20 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra. O disco foi gravado de novo nos estudios Casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío e Uxía Senlle, madriña do grupo desde que esta formación xurdiu dun curso de canto popular dirixido pola cantante. "da miña xanela á túa" consta dun CD de 15 cancións e dun DVD con dous vídeo clips, un documental, e un "como se fixo".
Edítase o disco coa música do espectáculo Engado
Xénero: VIDEO + IMAXES + AUDIO
| 10 / 5 / 2007 +A música de Engado, o espectáculo co que a Nova Galega de Danza (NGD) está a percorrer o país, sairá a venda o vindeiro día 14 de maio editada por Falcatruada e distribuída por Lonxa Cultural. Trátase de propostas onde a contemporaneidade bebe das raíces da música tradicional e do folk para desenvolver un estilo propio e definido. A equipa musical de NGD está encabezada por Xosé Lois Romero, e conta entre os seus integrantes con Pedro Lamas, Xavier Díaz, ou Suso Iglesias. Tamén está previsto que Falcatruada reedite Alento, un disco de Xosé Lois Romero que desapareceu das tendas hai un ano, e que acompañou a anterior xira de NGD acadando o V Premio Opinión ao mellor disco de 2005.
O Concello creará un centro de documentación para o legado musical da cidade de Vigo
Xénero:
| 9 / 5 / 2007O Concello de Vigo encargará un proxecto para crear un Centro de Documentación e Biblioteca Musical do concello, segundo informa hoxe o Diario Metro. O obxectivo deste centro , que estaría posiblemente vinculado ao Verbum, será o de poñer a disposición dos investigadores e cidadáns o legado musical en forma de partituras, arquivos sonoros e outra documentación das entidades e artistas que hai ou houbo na cidade. Neste sentido, segundo indicou o concelleiro de cultura Ignacio López-Chaves, o concello quere traballar coas máis de cen entidades musicais de Vigo para engadir materiais ao proxecto.
Máis información na edición impresa do Diario Metro