Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

As cantareiras Ialma presentan o seu terceiro traballo discográfico

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2007 + VIDEO

not_9902.jpg

“Nova Era” é o terceiro traballo discográfico das cinco cantareiras belgo-galegas que forman Ialma. Despois do seu primeiro disco a capela “Palabras darei” (EMI, 2000) e “Marmuladas” (EMI, 2002) o grupo de Verónica Codesal racha así con silenzo que xa ía para catro anos. Na ducia de temas de “Nova Era” mesturan a tradición musical das súas raíces galegas con melodías do pop, de feito o tema que abre o disco é unha versión de “Under the bridge” dos Red Hot Chili Peppers no que colaboran tamén as septuaxenarias cantareiras Damas de Laxoso. O disco conta ademais con colaboracións destacadas como Mercedes Peón e Guadi Galego entre outros.

Maís información no sitio de Ialma

Preséntase en Barcelona o I Ciclo de Música Galega en Catalunya, "Son Galiza"

Xénero: Miscelánea | 4 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Mercedes Peóns, Nordestin@s, Berrogüetto ou Nova Galega de Danza son algúns do protagonistas de "Son Galiza", o I Ciclo de Música Galega en Catalunya. O evento, que se desenvolverá entre os vindeiros once e trece de maio, está organizado por Rede.cat, a entidade que agrupa os colectivos galegos neste país, e conta co apoio da Consellaría de Cultura, o Xacobeo, e da Generalitat.

Máis información no web da iniciativa máis sobre cultura galega en Cataluña nos nosos temas

Con "Revolution Dance" GalegoZ apostan pola música disco

Xénero: Fusión | 26 / 4 / 2007 + AUDIO

not_9831.jpg

O sub-selo VIR, no que a discográfica Ouvirmos comparte a produción de discos con grupos que apostan pola autoedición, recibe a segunda entrada no catálogo co novo disco de Galegoz. A banda de Marcos Otero Payno, Pulpiño Viascón, Denis López “Mutante” e Roberto Alhambra “Bayo” e compaña presenta “Revolution Dance”, un traballo cun son compacto, maiores influencias disco e dos 70, letras máis irónicas e novas proclamas disco-revolucionarias. O anterior traballo do grupo “Galician Chimpanzee” tamén foi editado a través da fórmula discográfica de VIR con Ouvirmos. Ademais a discográfica vén de anunciar a súa entrada na asociación Promomusicae que de compañías independentes e filiais de multinacionais, coa que accede a RitmoNet, a Rede Interactiva de Transmisión de Música On-line, un sistema de distribución dixital de contidos promocionais para medios de comunicación.

Máis información en Ouvirmos

Pontevedra acolle desde o vindeiro luns a segunda edición do Festival Galego do Cabaré

Xénero: Miscelánea | 25 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

A posición estratéxica de Pontevedra entre Vigo, Ourense e Santiago converteuna na segunda recalada do Festival Galego do Cabaré. Un proxecto dedicado a este xénero escénico que inclúe obradoiros formativos, circuítos de actuacións e espectáculos. O festival desenvolverase desde o vindeiro luns ata o 11 de maio.

Máis información sobre a segunda edición en Galicia Hoxe e sobre a primeira edición no noso tema

A busca da canción galega do verán está aberta un ano máis na rede

Xénero: Miscelánea | 24 / 4 / 2007

not_9808.jpg

O portal Vieiros e a Radio Galega buscan un ano máis a canción galega do verán cunha nova edición de A Polo Ghit. O concurso xa está en marcha despois da boa experiencia do ano pasado cando 38 cancións participaron na primeira edición das que o xurado escolleu como gañadora "In the Ocean", de Pulpiño Viascón. O prazo para enviar as cancións estará aberto ata o 21 de xuño e, como na primeira edición, as pezas que se envíen serán emitidas no programa Extrarradio así como noutros programas da Radio e Televisión de Galicia. Un novo xurado reunirase para decidir a canción gañadora o 11 de agosto. Máis información en Vieiros

O grupo gañador do certame folk de Radio Obradoiro presenta o seu primeiro disco

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2007

not_9875.jpg

O grupo folk Arrás!, gañador da sexta edición do certame para grupos folk de Radio Obradoiro, presentou o seu disco “Asumindo riscos”. O disco, gravado nos estudios Phonos da Estrada presentouse este sábado 21 de abril no Teatro Principal de Santiago. O grupo Arrás, que naceu no ano 2005, está formado por Rocío Jiménez, Pablo Gómez, David Bellas, Michel Rivadulla, Manu Abraldes e Jimmy Faílde. Segundo indicaron os seus integrantes, o seu estilo procura romper co folk tradicional.

Máis información en Compostela Cultura

Dezasete agrupacións musicais da Coruña editan cadanseu disco da man da Deputación e mais da Fundación Paideia

Xénero: Miscelánea | 23 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

Unha gala no teatro Colón serviu para presentar os 17 novos CDs que publicaron outros tantos grupos da provincia da Coruña ao abeiro do programa Outro+Outro. Esta proposta, coordinada pola fundación Paideia e a Deputación da Coruña, permitiu a gravación e edición de dezasete discos, con tiraxes de mil exemplares cada un nos máis variados estilos.

Máis información no web da Deputación da Coruña

Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2007

not_9741.jpg

Cando xa transcorreron tres anos desde a publicación de “Ajrú” Mercedes Peón presenta o seu terceiro traballo discográfico “Sihá”. A cantante e compositora coruñesa presenta este sábado en Vigo o novo disco cun concerto no teatro García Barbón ao que seguirán outro o día 28 de abril en Bergondo e un en Barcelona o 11 de maio. O disco sae, como o anterior, baixo o seu propio selo Discotrompo e conta con dez temas composición de Mercedes Peón nos que volve experimentar sobre as súas raíces musicais tradicionais. O disco estará en tendas na semana que ven.

Máis información en El País

Vigo presenta a terceira edición do seu festival internacional de jazz con dúas semanas dedicadas a este xénero na cidade

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 3 / 2007

not_9695.jpg

O Festival Internacional de Jazz IMAXINA SONS que se celebrará en Vigo do 21 de xuño ó 1 de xullo converterá a cidade nun centro de referencia do jazz europeo. Durante dúas semanas a cidade encherase con máis de setenta actuacións creando un ambiente festivo arredor do evento. O Festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida dentro da escena musical galega ao jazz realizado en Europa. Así actuarán ante os vigueses algúns dos artistas máis representativos do jazz galego como o Kin García Trío, Nani García, S.O.S. Trío ou o Xacobe Martínez Quinteto, ademais da Imaxina Sons Orquestra. Tamén estarán presentes grandes figuras do jazz europeo como Chano Domínguez e haberá un programa de actividades paralelas. Na presentación oficial do programa a alcaldesa Corina Porro entregou á viúva de Tete Montoliu unha placa conmemorativa.

Máis información no Xornal de Vigo

Rosa Cedrón presenta o seu primeiro disco en solitario “Entre dous mares”

Xénero: Folk | 28 / 3 / 2007 + IMAXES

not_9664.jpg

Anunciado con moita anterioridade ven de saír á rúa o primeiro traballo discográfico en solitario de Rosa Cedrón. A carismática cantante e violoncelista que foi parte da banda Luar na Lubre presenta en “Entre dous mares” (Warner Music) doce temas nos que ademais de cantar é compositora da meirande parte deles, aínda que tamén inclúe melodía e letras tradicionais. Para o disco contou ademais coa colaboración nas letras de Yolanda castaño e Alba Felpete. O traballo vai marcado pola bipolaridade en varias facetas da artista, entre a música clásica e a tradicional, entre a faceta de violoncellista e de cantante, entre a súa carreira anterior e os seu novos camiños musicais.

Máis información no sitio oficial deRosa Cedrón

<< Inicio / Anterior . 1291 a 1300 de 1421 . Seguinte \ Fin >>