Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras

Xénero: BSO | 20 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.

Máis información no web da Xunta

A orquestra folk Sondeseu presenta en Vigo o seu segundo traballo discográfico

Xénero: Folk | 14 / 6 / 2007 + IMAXES

not_10158.jpg

"Trastempo" está producido e editado pola Fundación Sondeseu e ofrece doce pezas interpretadas pola orquestra Sondeseu no seu conxunto, mantendo espazos nos que cada sección convértese en protagonista nalgún momento. “Trastempo”, sae á rúa cunha tirada de 3.500 exemplares para a venda. Xunto con temas tradicionais e arranxos contemporáneos o disco achega dúas pezas orixinais concibidas para a formación e tamén un DVD con actuacións da orquestra en vivo. O disco foi gravado entre xullo de 2006 e marzo de 2007 no estudio Casa de Tolos de Gondomar. A Orquestra Sondeseu é a primeira orquestra de música folk de España, naceu hai seis anos e publicaba no ano 2003 o seu primeiro CD, "Mar de Vigo". O Salón de actos da da escola de Artes e Oficios acolle este venres ás 19 horas a presentación deste novo disco.

A Fundación Seoane xunta a arte electrónica e a música nun festival de verán

Xénero: Electrónica | 13 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Música + arte electrónica= Artec. Esta é a combinación que a Fundación Luís Seoane ten prevista para amenizar as noites dos xoves do verán coruñés. “Un contorno de diálogo onde se dean a man a alta e a baixa cultura” segundo apuntou Juan de la Colina na presentación dun evento que ten a súa orixe nas Block Parties celebradas en 2006.

Máis información en La Voz de Galicia, Galicia Hoxe e no web da Fundación Seoane

Alberto Conde Trío presentan o seu último disco en concerto en Ourense

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 6 / 2007

not_10146.jpg

A Praza Maior de Ourense acollerá este sábado durante as Festas do Corpus un concerto do trío formado por Alberto Conde, Baldo Martínez e Nirankar Khalsa no que presentarán o seu último traballo discográfico. En “Andaina” (Karonte Jazz) presentan dez temas dos que seis son de composición propia de Alberto conde e catro son versións como o “Teño saudade”, de Andrés Dobarro, “Time remenbered” de Bill Evans e dous arranxos sobre cancións tradicionais galegas. Igual que na gravación do disco, o directo conta tamén, coa colaboración puntual de tres artistas invitados de recoñecido prestixio, o guitarrista flamenco Cuchús Pimentel, o saxofonista Roberto Somoza e a voz de Maite Dono. Con “Andaina” o Alberto Conde Trío fai unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Latinoamérica interpretando o fenómeno da emigración desde o jazz.

O programa Alalá da TVG recibirá un galardón da Academia de Televisión

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2007

not_10113.jpg

O programa da Televisión de Galicia Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, recollerá este sábado en Sevilla o galardón ao mellor programa de Tradición musical outrogado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión. Alalá naceu como documental musical que se interna nas historias e vidas cotiás da xente que loita para que non se esqueza a sabedoría tradicional. Alalá é un dos programas que a TVG presentou dentro da súa renovación de contidos e supón unha revisión do xeito en que a televisión difunde a tradición musical, encadrando a actuación dun grupo ou artista dentro do seu marco social, laboral ou persoal. A gala de entrega dos premios, que tamén celebra o décimo aniversario da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión retransmitirase por todas as canles autonómicas da FORTA.

Máis información na Academia de Televisión
e sobre Alalá na TVG

Reúnense en Bruxelas tres voces galegas femininas de primeira fila no espectáculo “Ida e volta”

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

As cantantes Guadi Galego, Uxía e a belgo-galega Verónica Codesal estarán acompañadas no escenario do Teatro Molière por Didier Laloy (acordeón), Pascal Chardome (guitarra), Cédric Waterschoot (baixo) e Osvaldo Hernandez (percusión). O trío Ad Cominotto abrirá ás 20 horas a velada na que as tres artistas galegas amosarán o son actual da tradición musical galega. O espectáculo "Ida e volta" esta organizado pola Fundación Muziekpublique coa colaboración da Consellaría de Cultura e a Fundación Galicia-Europa. Está previsto que este espectáculo se repita despois en outros lugares.

Ponse en marcha a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra

Xénero: Clásica/Lírica | 6 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

43 músicos integran a nova Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Segundo o coordinador da proposta, Luís Costa, o 90% dos integrantes son de procedencia galega. A orquestra, segundo Costa, aspira a “integrarse na vida social da cidade e converterse nun referente no panorama simbólico de Galicia”. Trátase dun proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello e a Xunta de Galicia coa colaboración do Conservatorio de Música de Pontevedra. A Orquestra estará dirixida por Javier Viceiro-Filgueira e dará tres concertos de presentación nestes días. O inaugural será hoxe, mércores, ás 21 h. no Pazo da Cultura de Pontevedra. O sábado 9 será o seguinte, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo e no Auditorio de Galicia o vindeiro día 12.

Máis información en Galicia Hoxe

Preséntase o disco no que trinta grupos fan versións de temas de Andrés do Barro

Xénero: Pop | 4 / 6 / 2007 + VIDEO + AUDIO

not_10086.jpg

Son tempos de Do Barro. Se onte mesmo a Televisión Galega emitía a gala de homenaxe a Andrés do Barro, mañá chega ás tendas "Manifesto Dobarrista", un CD editado por Falcatruada. Baixo este título unha trintena de grupos galegos presentan cadansúa versión dun éxito deste pioneiro do pop en galego. Entre os participantes neste disco, grupos coma The Homen, Narf, Niño y Pistola Fanny + Alexander ou Projecto Mourente. De xeito paralelo, está xa na rede o web dobarrismo.com, que quer ser un punto de encontro para os admiradores deste artista.

Máis información no web de Falcatruada, en Dobarrismo.com, en Galicia Hoxe; en La Voz de Galicia; trailer do documental O tren que me leva en AVG; o noso tema sobre Do Barro; escoita mostras dalgúns dos temas en Mega

14 promotoras musicais únense para abrir unha canle de diálogo coa Administración

Xénero: Miscelánea | 1 / 6 / 2007

nova_10081.jpg

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela a AGEM (Asociación Galega de Empresarios Musicais). A asociación, que aínda está en fase de creación, xunta a 14 empresas do sector musical e ten entre os seus obxectivos servir “de interlocutor entre as empresas do sector e as diferentes Administracións” e “crear un panel para intercambiar ideas e experiencias en beneficio do exercicio da profesión da promoción, producción e distribución de concertos musicais”. A asociación está presidida por Lucila Fernández, de Idea Rock e os seus promotores subliñaron que se trata dunha “iniciativa pioneira no sector da música en directo”. Entre os socios atópanse Zouma Records, Nordesía Produccións, Nocturna Producciones e XXL Produccións.

Fía na roca presenta o seu quinto disco co que inicia xira en Alemaña

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2007 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_10080.jpg

“Vente vindo” (Corda Frouxa, 2007) é o nome do novo traballo de Fía Na Roca que o grupo, acompañado polo xornalista da Radio Galega Pepe Carreira, presentaron hoxe no Consello da Cultura Galega. O disco presenta catorce temas nos que a presenza vocal de Sonia Lebedynski adquire un maior protagonismo respecto a anteriores traballos de Fía na roca. A formación presenta tamén algúns cambios coa incorporación de Xabier Olite e Roberto Rama substituíndo a Xabier Bueno e Cris Gándara. Carlos Castro, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez seguen no grupo. O disco foi gravado en catro días o pasado abril no Estudio SoNNatural, en Angueira de Castro (Rois)e mesturado no Estudio 5 da Radio Galega. O grupo marcha mañá para Alemaña onde iniciará a súa xira en Frankfurt, pasando despois a outras localidades, a Francia e incluíndo tamén Galicia na xira de verán. Xosé Ramón Vázquez salientou a importancia que para a súa proxección tivo a nova axencia que os representa, Abada Xestión Cultural.

Máis información nos nosos arquivos sobre Fía na roca

<< Inicio / Anterior . 1251 a 1260 de 1407 . Seguinte \ Fin >>