Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Telémaco viaxan ao centro da terra no seu segundo disco
Xénero: VIDEO + IMAXES
| 14 / 11 / 2007 +O dúo formado por Álvaro Pardo e Miguel Rulos, baixo os seus nomes artísticos Dr.Think e Mike Rolling, presentan este venres o seu segundo traballo, "Terra" (Con un par Recordings) na Sala Babel de Lugo. Co seu primeiro traballo "Outótono" (Falcatruada, 2005) percorreron gran parte de América latina e toda España. Agora co seu novo disco auto producido queren transmitir unha mensaxe telúrica de comunicación co planeta chea de sons e ambientes de "hip-jazz", "ambient" e "groove". Telémaco ofrécennos unha sesión construída a modo de viaxe ao centro da terra e articulada en tres partes: codia, manto e núcleo seguindo a senda aberta por Xulio Verne.
Celébrase en Compostela o I Certame Galego de Bandas de Música
Xénero:
| 14 / 11 / 2007O I Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Compostela entre o 23 e o 25 deste mes, concentrará dezasete formacións deste tipo. Ao tempo, a Consellaría de Cultura, que organiza o certame, anunciou onte o investimento de 250.000 euros en actividades de formación e de apoio a estes grupos. Destes, 80.000 euros servirán para organizar cincuenta encontros de música popular e outros 50.000 irán a promover a participación de bandas galegas en encontros no exterior.
Máis información en La Voz de Galicia
Falcatruada abre unha nova plataforma de promoción musical na rede para os seus discos
Xénero:
| 8 / 11 / 2007A discográfica coruñesa Falcatruada segue a facer da comunicación na rede un dos seus puntos de fortaleza estratéxica. A editora, que presentou recentemente o novo disco de The Homens, pon agora na rede una nova ferramenta de promoción da música dos seus artistas, Clubedixital, un novo espazo na rede no que, de xeito sinxelo, escoitar, descargar e mesmo compartir temas dos seus lanzamentos. No Clubedixital estarán as últimas novidades discográficas, e proverá de accesos á información sobre os artistas, ás novas e á tenda de Falcatruada. O clube inaugúrase hoxe co adianto en primicia das novas cancións de Narf e de Xosé Manuel Budiño, artistas que lanzarán os seus novos traballos discográficos nas vindeiras semanas.
Máis información no Clubedixital
A quinta edición do festival Castañazo Rock homenaxeará o Bravú
Xénero:
| 2 / 11 / 2007Un concerto do grupo Trifulca e unha “jam Session” na discoteca Mogay dan hoxe a saída ao recuperado festival Castañazo Rock de Chantada. Nesta quinta edición do evento organizado pola Asociación Cultural "O Castanhazo" o eixo principal da celebración xira arredor da conmemoración da creación do bravú, datada no ano 1994. O programa do Castañazo inclúe a presentación do disco “120 capadores” no que máis de vinte bandas e artistas fan unha homenaxe ao desaparecido grupo Diplomáticos de Monte-Alto. Unha mesa redonda na que participarán coñecidos músicos e xornalistas falará despois sobre a situación da música galega anterior a aparición do Bravú e de cómo este influíu no panorama musical e de outras artes, ata os nosos días. Ás 17 horas no mercado Gandeiro de Chantada inaugurarase a 1ª Feira do Disco Galego, pensada para divulgar e promocionar todos aqueles discos que viran a luz en Galicia nos derradeiros anos. Xa no eido da festa haberá feira tradicional con pulpo e churrasco, e non faltará o magosto. O gran concerto chegará á noite coas actuación de seis bandas.
Máis información no sitio de O Castañazo 2007
A Fundación Sondeseu dirixira a escola municipal de música tradicional de Vigo
Xénero:
| 2 / 11 / 2007O Concello de Vigo chegou a un convenio coa Fundación Sondeseu para separar o Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios e crear una nova escola municipal. Baixo o nome de E-Trad o novo organismo educativo municipal de ensino musical estará xestionado pola fundación dirixida por Rodrigo Romaní que será quen contrate ao profesorado. Inicialmente o E-Trad seguirá usando as dependencias da Escola de Artes e Oficios, pero a concelleira de educación, Laura López Atrio, xa avanzou que no futuro pasará a un edificio que reúna todas as escolas municipais de teatro, música e danza e que estará situado nun solar xunto ao colexio Fleming. Esta nova pecha un período de incertidume de varios meses desde que no mes de xuño una inspección de traballo constatou a ilegalidade nos contratos de nove docentes.
Máis información no Atlántico Diario e tamén no Faro de Vigo e no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional
O festival Womex de Sevilla contará con representación galega
Xénero:
| 23 / 10 / 2007O festival Womex, o maior que existe dedicado ás músicas do mundo, contará por primeira vez cunha representación galega. O Instituto de Artes Escénicas e Musicais e mais as asociacións profesionais desta industria achegan ao encontro un posto, representacións dunha ducia de empresas do sector, proxeccións audiovisuais e mais un CD con cancións seleccionadas desde asociacións do sector e un libro promocional, todo baixo o lema “The spirit of Finisterrae”. O evento, que se desenvolve entre o 24 e o 28 deste mes en Sevilla, inclúe tamén un concerto do grupo Marful.
Máis información no web de Cultura, web de Galiciantunes e nos nosos arquivos
O Concello de Ames quere o Conservatorio Folque de Lalín
Xénero:
| 22 / 10 / 2007Varios concellos están interesados en se facer co proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque que actualmente funciona en Lalín. Segundo publicaba “La Voz de Galicia” esta fin de semana, o concello de Ames recoñeceu que está desenvolver contactos coa dirección do centro sobre esta posibilidade e que existen outras propostas municipais no mesmo sentido. Ao tempo en Vigo comezaban o pasado mércores os cursos da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular) coa ausencia da metade dos profesores, pendentes aínda de regularización laboral. Entre as materias afectadas, está unha boa parte das que compoñen a oferta do Conservatorio de Música Tradicional.
Máis información en La Voz de Galiciaedición Santiago e Edición Vigo e no noso tema sobre estas cuestións
The Homens xa teñen na rúa o seu novo disco en CD e vinilo
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 16 / 10 / 2007 +O terceiro disco do trío The Homens xa está na rúa en tres formatos, ante isto o nome do disco, “Tres”, estaba cantado. O novo traballo do grupo compostelán de powerpop comezouse a gravar no mes de xullo nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Santi García, tomou forma no verán e agora xa está nas tendas de todo o país. Trátase dun disco cargado de letras acedas, retrousos pegadizos e moita diversión. Apostando por un deseño atrevido e atractivo a discográfica Falcatruada edita este disco en formato especial: 500 copias en vinilo de 12”, incorporando un disco cos temas en mp3 e un póster no interior; tamén hai unha versión en CD en formato económico en digipack. O trío formado por Martin Wu, Roi e Xocas xa ten como costume publicar as súas composicións baixo licenza Creative Commons e o disco enteiro agás dúas cancións pode descargarse desde o sitio web do grupo.
Máis información en La Voz de Galicia
O selo PAI-Música editará o novo traballo discográfico de Lamatumbá
Xénero:
| 11 / 10 / 2007O grupo ourensán Lamatumbá ven de preparar a post-produción do seu próximo traballo discográfico nos estudios Casa de Tolos de Gondomar segundo ven de informar nun comunicado a discográfica PAI-Música. Lamatumbá ficha con este novo traballo por PAI- Música despois de que o anterior “Lume (para que saia o sol)!” o editara con Falcatruada no 2005 e que no 2001, da man do selo Xingra sacara “Pachangüilanuí”, o seu primeiro disco. O grupo entrará nos estudios de Gondomar para empezar a gravar os novos temas a partir do 5 de novembro. Lamatumbá vendeu máis de tres milleiros de copias do seu anterior traballo e recentemente formou parte da embaixada musical española no PopKomm.
Máis información sobre Lamatumbá nos nosos arquivos
Xa está en marcha a preparación do segundo congreso de ensinantes de música tradicional
Xénero:
| 10 / 10 / 2007A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela. O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música tradicional. Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será ata o 16 de Novembro de 2007. O pasado ano na primeira edición deste congreso presentouse por parte da Fundación Sondeseu o primeiro libro branco de educación do sector con relevantes cifras.
Máis información na Asociación de Gaiteiros
e o noso tema sobre Educación en música tradicional
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca