Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Concello de Vigo presenta o proxecto da nova Escola de Música Tradicional

Xénero: Folk | 3 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

A concelleira de Educación de Vigo, Laura López presentaba o pasado xoves o proxecto da E-Trad, a nova Escola de Música Tradicional e Folk que se vai pór en marcha nesta cidade. O centro, que dirixirá Rodrigo Romaní, achegará dous itinerarios formativos (afeccionado e profesional) e contará con oito profesores, dous máis dos que ata o de agora participaban na aula de música tradicional. A maiores, incrementarase tamén en dous o número de especialidades, que pasan a nove, a cantidade de horas lectivas, (sesenta e cinco máis, ata sumar 200) e o orzamento, que ascenderá a 221.000 euros.

A Regueifa presenta as novidades discográficas de Ataque Escampe e Vale Tudo

Xénero: Indie | 28 / 2 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11664.jpg

“Galicia es una mierda” é o segundo disco do grupo compostelán Ataque Escampe formado por Roi Vidal, Marco Gelpi, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira e Alex Charlón, o disco gravouse no estudio Pousada Son de Ames. Con trece cancións, 47 minutos de musica, o grupo de rock pretende acoller “todas as contradicións existentes na Galiza, no mundo e na historia da música. De Manuel Antonio aos Tonechos, de John Wayne a Lenin, e de Neil Young aos Panchos.” Por outra banda os lucenses Vale Tudo estréanse cun disco homónimo de seis temas. Vale Tudo nace en 2003 a partires de ideas que non tiñan cabida en Triquinoise grupo do que formaban parte, Rafael Mallo e Oscar Vilariño, os dous membros de Vale Tudo. O grupo fai unha revisión de estilos como o blues e o folk americanos pasados por un filtro de experimentación e aderezados con letras “concretas, suxerintes e esqueléticas.” Como é habitual o netlabel A Regueifa Plataforma publica os discos completos na rede baixo licencia Creative Commons 2.5, tamén estarán dispoñibles copias á venda.

A segunda edición do Circuíto Cultura Vai 4x4 achegará os seus concertos aos concellos galegos entre abril e xuño

Xénero: Miscelánea | 25 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Canción de autor, fusión, tradición e jazz son os catro bloques que compoñen a segunda edición do Circuíto Cultura Vai 4x4 que acaba de presentar a Consellaría de Cultura. Ata o vindeiro vinte de marzo os concellos interesados poden contratar as actuacións, que pagarán a medias co departamento autonómico. Carmen Dor, Silvia Penide, Narf, Treixadura, Mercedes Peón, Víctor Aneiros Band, Quempallou, Abe Rábade Trío ou Xacobe Martínez Fernández Quinteto serán algúns dos dezaseis grupos que participan do programa.

Volve o blues en galego no novo disco de Víctor Aneiros

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 2 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11617.jpg

O bluesman Víctor Aneiros e a súa banda comezan este venres 22 e sábado 23 na sala B-Flat en Matosinhos (Portugal) a xira de presentación do seu novo traballo “Heroe secreto”. O disco, editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak, é o cuarto na traxectoria do grupo liderado polo guitarrista e cantante ferrolán. Como xa fixera no seu anterior traballo Aneiros volve cantar blues en galego. No disco, as letras do ferrolán conviven con outras de autores clásicos, como Rosalía de Castro (Soia), e contemporáneos, como o eumés Ramiro Fonte (Na barra). Para presentar estas e outras cancións, a Aneiros, sobre o escenario, acompañaranlle os seus músicos de sempre: Xacobe Martínez (contrabaixo), Manolo Gutiérrez (piano) e Marcos Sánchez (batería). A presentación en terras galegas do disco será na sala Breogain de Vigo o vindeiro 29 de febreiro.

A primeira partitura do himno galego é de 1906

Xénero: Coral | 18 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Unha adaptación para banda arranxada por Felipe Pereira en 1906. Esta é a partitura máis antiga que se coñece do Himno Galego, e posiblemente, a que se empregou para a estrea oficial da peza na Habana. A investigación para a mostra “A Nosa Voz”, que se pode ver estes días na igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela, tirou a luz recentemente este documento, que se conservaba no arquivo da Banda Municipal da capital cubana.

Ouvirmos recupera gravacións do coro Cantigas da Terra nos anos vinte

Xénero: Coral | 8 / 2 / 2008

not_11536.jpg

A discográfica Ouvirmos presenta estes días un novo disco-libro da súa colección A Tiracolo de gravacións históricas. Neste caso son as interpretacións rexistradas entre 1921 e 1928 polo coro coruñés Cántigas da Terra, que leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variado repertorio e o arquivo coral mellor conservado. Algunhas desas pezas están agora restauradas e incluídas no número 14 desta colección: "Estampas coruñesas 1921-1928". Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.

Xosé Manuel Budiño faise co Premio Opinión polo seu traballo “Home”

Xénero: Folk | 4 / 2 / 2008 + VIDEO

not_11097.jpg

O VII Premio Opinión, que recoñece o mellor disco folk galego, foi para Xosé Manuel Budiño por “Home”. Deste xeito, convértese no primeiro artista que repite como gañador do mellor álbum do ano, xa que recibiu o galardón en 2004 por “Zume de terra”. Budiño acadou a máxima puntuación, seguido por “Entre trastes” e “Fía na roca”.

Unha formación lucense fixo a primeira gravación do himno galego

Xénero: Folk | 1 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

O 20 de decembro de 1907 tiña lugar no Gran Teatro de La Habana a primeira interpretación pública e solemne do Himno galego. Pero a primeira gravación desa partitura tivo lugar moito despois, en 1918. Así o afirma a casa discográfica Ouvirmos, que asegura que foi o coro “Cantigas e Aturuxos” de Lugo quen fixo o primeiro rexistro e non “Cantigas da terra” da Coruña, considerada ata o de agora como pioneira.

As discográficas galegas voltan do Midem con acordos comerciais

Xénero: Miscelánea | 1 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Zouma Récords, a Fábrica de Chocolate e Falcatruada voltaron con acordos do Mercado Internacional do Disco e da Edición Musical (Midem) que pechou onte en Cannes. Deste xeito, Zouma conseguiu un distribuidor do seu catálogo para Francia e acordou traballos de xestión e dirección neste mesmo país e no Reino Unido. Pola súa banda, La fábrica de Chocolate sentou as bases dunha estrutura ibérica e latinoamericana para a promoción dos seus artistas e a distribución do seu catálogo. Finalmente, Falcatruada realizou contactos para a distribución dixital do seu repertorio. En xeral, os participantes amosáronse contentos dos resultados que obtiveron neste encontro.

A Fundación Barrié presenta a edición crítica do “Cancioneiro musical de Galicia”

Xénero: Folk | 30 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

“O cancioneiro musical de Galicia”, de Casto Sampedro, unhas das principais escolmas que sobre a nosa música tradicional se fixo no século XX, xa ten edición crítica. A Fundación Barrié acaba de publicar unha revisión deste importante volume dentro do seu proxecto “Cancioneiros”, no que está a recuperar distintas obras deste tipo. A nova obra recolle máis 500 composicións populares coas súas correspondentes partituras.

<< Inicio / Anterior . 1161 a 1170 de 1395 . Seguinte \ Fin >>