Ir ao contido directamente.


Noticias

A Rede Galega de Música ao Vivo manterase en 20 locais ao longo de 2020

Xénero: Miscelánea | 30 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

Un total de vinte sala acollerán este ano as actuacións que se desenvolvan no seo da Rede Galega de Música ao Vigo. A cifra mantense igual á de 2019, cando esta iniciativa duplicara o seu orzamento, e incorpora como novidades Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense.

A comunidade Hip Hop em galego seleccionou os mellores temas de 2019

Xénero: Hip-Hop | 30 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O traballo de Rebeliom no Inframundo co produtor Baghira no tema Rugir da Jungla valeulle ao grupo erixirse como autores da mellor canción de Hip Hop na nosa lingua de 2019. A comunidade Hip Hop em galego escolleu mediante votación e interacción nas redes os seus dez temas favoritos entre unha selección. Segundo sinalan os responsables desta comunidade virtual, Rugir da Jungla supón "a mostra total do potencial e do impacto que supón a Rebeliom do Inframundo para a cultura galega", cun "traballo audivisual que con maiusculas podemos dicir que representa a CALIDADE do rap en galego".

Quince propostas compiten polo premio MIN ao mellor álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 28 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

Desde este 27 de xaneiro e ata o vindeiro dez de febreiro está aberto prazo de votacións populares para seleccionar os semifinalistas dos XII Premios MIN da Música Independente. Na categoría de mellor álbum en galego atópanse este ano quince propostas de diferentes estilos. A Banda da Loba, Boyanka Costova, Budiño, Dios Ke Te Crew, Evoéh, Faia, Familia Caamagno, Grilo, Heredeiros da Crus, Marcelo Dobode, Os amigos dos músicos, Pandeireteiras de Verducido, Sés, Son Trío e Tanxugueiras son os aspirantes a recibir os votos, que se poden emitir no web do certame. A estas súmanse outras propostas do país en diferentes categorías, como poden ser Agoraphobia, Xacobe Martínez Antelo, Najla Shami ou Alba Messa entre moitos outros.

Aphonnic coróanse con seu novo disco 'La reina'

Xénero: Rock | 24 / 1 / 2020

lareina_aphonnic.jpg

Aphonnic son unha das bandas en activo máis veteranas da escena do metal en Galicia, no ano 2017 levaron o Premio Martín Códax da Música como mellor banda de Metal e levan xa dezasete anos gastando amplificadores e seis discos de estudio, todos eles sacados con amplos intervalos de arredor de tres anos entre eles. Os dous anteriores a La Reina (Maldito Records, 2019) foron Indomables (Maldito Records, 2016) e Heroes (Aphonnic, 2013). Con estes marxes de tempo xa é sinal da casa Aphhonnic buscar sempre a excelencia e a mellora nunha carreira na que a experiencia amosa o seu enorme valor sobre o produto final. Once temas conforman este novo traballo co que os vigueses acadan novas cotas de produción que dan a la Reina calidades sonoras propias de calquera grande banda de rock a un nivel internacional que nos permiten gozar da virtuosidade das interpretacións e das traballadas letras de cada canción. La reina é, polo de agora, o traballo que coroa unha longa e moi seria traxectoria.

Os sectores musicais luso e galego encontraranse en Verín no MUMI

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O Concello de Verín acollerá a primeira edición do MUMI VERÍN´20, o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal que se celebrará do 12 ao 14 de marzo promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués. O encontro reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Ademais, entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal. Esta feira contará cunha programación profesional que mesturará actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto. O prazo para a presentación de propostas artísticas para participar no encontro está aberto desde hoxe ata o 11 de febreiro.

A exposición 'Xirarei' fai unha homenaxe a corenta anos de deseño de discos

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

A exposición Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 percorre 40 anos de deseño de cubertas a través de case 600 pezas no Auditorio de Galicia, en Santiago. Comisariada por Fausto Isorna, esta mostra parte do disco de Joselín do ano 1955, primeiro EP con ilustración na portada do que hai constancia; desde aí faise unha viaxe de 40 anos levará aos visitantes desde as primeiras portadas xenéricas, onde o deseño aínda era secundario, ata o momento no que adquire presenza con nomes como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio. En palabras do comisario "estamos ante un proxecto expositivo que non pretende ser unha revisión cronolóxica ou histórica no eido da música en Galicia, senón unha homenaxe ao vinilo e a carpeta nun 'safari tipolóxico' de portadas que se agrupan e relacionan por temas como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, os deseños máis modernos ou minimalistas, as portadas con fotografías ou aquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró, ou portadas como a do disco 'Anduriña' de Juan e Junior ilustrada cun cadro de Picasso".

O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda

Xénero: Rock | 17 / 1 / 2020

grilo_dallelume.jpg

O grupo compostelán Grilo presentará o vindeiro día 31 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago o seu primeiro disco de longa duración (Seisepés Producións Creativas, 2019), un traballo que se pecha coa canción Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda, asesinado polos fascistas que deron o golpe de Estado o 17 de agosto de 1936. O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico.

O SonRías Baixas espállase por toda Galicia chegando a Portugal e o Bierzo

Xénero: Miscelánea | 13 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu pero previamente a iso e por vez primeira o evento espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes "petiscos de música e filosofía SonRías" nun punto de encontro entre artistas e público, ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das fronteiras galegas, neste caso en Portugal e León. A idea de levar a marca dun festival máis alá da súa localización e datas xa a viña facendo en Galicia o festival Atlantic cos Atlantic Days e sae dun mellor aproveitamento das estruturas e loxísticas profesionais que o éxito destas propostas van facendo medrar no tecido das industrias culturais. A primeira destas festas coa que SonRías promociona a súa marca terá lugar o vindeiro 5 de marzo na cidade lusa de Porto coa actuación de García Mc & Nación Quilombo + SonDaDúa na sala Maus Hábitos. Sete concertos despois será a festa final na Sala Capitol de Santiago o sábado 21 de marzo con Muyayo Rif e Poetarras coincidindo co concerto en Ponferrada de Dakidarría en acústico + SonDaRúa. Podes atopar toda esta información no popular portal de xogos gratuítos.

Superfuzz estrea disco homónimo hoxe no Garufa Club

Xénero: Rock | 10 / 1 / 2020

Superfuzz_capa.jpg

A sala coruñesa Garufa Club acolle hoxe unha das primeiras presentacións discográficas do ano, coa banda local Superfuzz como protagonista. A banda saca o seu primeiro disco autoeditado co mesmo nome do grupo e 11 temas propios, cantados en castelán. Rock con influxos dos anos setenta, de guitarra contundente en riffs e efluvios británicos, algo mods no rítmico e beat no uso de coros, moi habituais noutras bandas coruñesas tradicionalmente. Letras ben resoltas sobre melodías traballadas con detalle e remates elegantes que achegan un grao de familiaridade co son. O disco foi gravado e mesturado por Jose Puga e Pachi Baldome nos estudios Nakra da Coruña e a masterización levouse a cabo por Robin Schmidt nos estudios 24-96 Mastering de Karlsruhe. Superfuzz é unha formación clásica de trío de rock conformada por Javier Insua (voz e guitarras), Andrés Saavedra (baixo e coros) e Juan Folla (bateria, percusiónes e coros). Ao concerto desta noite ás 22:30 no Garufa Club seguirán outros, o vindeiro dos cales será o día 24 de xaneiro en Lugo na JagerLounge.

O XIIIº Festival Pórtico do Paraíso esténdese á Ribeira Sacra lucense

Xénero: Antiga | 9 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo e para a que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, toda vez que o Concello de Ourense retirou a súa colaboración co evento que toma o seu nome da propia catedral ourensá. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King o día 7 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do violinista galego José Manuel Álvarez o día 8 na igrexa do Santo Anxo de Ourense, do Kosmos Emsemble do Reino unido o día 13 na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos e do guitarrista arxentino Víctor Villadangos o 15 de marzo no Liceo de Ourense. Este último será, ademais, o encargado de impartir o curso de interpretación que se desenvolverá do 11 ao 13 de marzo no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

<< Inicio / Anterior . 801 a 810 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR