Ir ao contido directamente.


Noticias

Os poemas de Jorge Cuña Casasbellas serven de base para o disco de Moloch

Xénero: Alternativa | 8 / 1 / 2020

moloch_moloch.jpg

Baixo o nome de MOLOCH e cun primeiro disco do mesmo nome está unha banda formada pola metade de Bala, Violeta Mosquera (batería), Laura García (voz e guitarra), e Andrés Martínez (teclados e voz). Manexando unha atmosfera densa de rock progresivo e industrial o trío pon música aos poemas do desaparecido poeta vigués Jorge Cuña Casasbellas (Vigo, 1945 – Pontevedra, 2004) nun libro disco que leva ese mesmo nome, título dun dos catro poemarios que deixou escritos o autor. Baixo o paraugas da Fundación Cuña-Casasbellas, que mantén o legado do escritor, o trío comezou preparando unhas pezas para un acto de homenaxe e rematou creando un proxecto con entidade máis alá da situación e que agora ven de presentar nun libro disco con nove temas baixo o selo da propia fundación e de ArteCalavera, selo da escola estudo Bonobo de Pontevedra onde se gravou o disco.

Osa do Mar confirma edición e avanza cartel

Xénero: Alternativa | 8 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O festival Osa do Mar de Burela, ven de adiantar unha parte do seu cartel e confirmar as datas da súa vindeira edición. O evento, un dos poucos festivais gratuítos de música independente e alternativa, resiste co seu modelo entre o acénao de festivais de verán e celebrarase de novo na localidade lucense arredor da praia da marosa da que sacan o seu nome os días 14 e 15 de agosto. Once nomes de banda de moi variados estilos chegan neste primeiro anuncio da organización do festival e entre elas hai moitos grupos da escena musical galega. Así pasarán polo Osa do Mar o combo caboverdiano- burelán Batuko Tabanka & Bando Krioula e tamén están os composteláns Blanco Palamera e Ezetaerre, os muradáns The Rapants, os coruñeses The Wonderminds e o vigués Sen Senra. Ademais deles actuarán en Burela unha das bandas máis populares da música alternativa independente como Derby Motoreta's Burrito Kachimba, os madrileños KITAI, Parquesvr, Grande Amore e Grande osso.

O Atlantic Fest deixa a '"Illa e vai a Vilagarcía

Xénero: Miscelánea | 23 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

Non é o primeiro festival que fai unha mudanza completa dun ano para outro en Galicia (véxase o caso do Portamérica de Nigrán a Caldas) pero o cambio que fará para o 2020 o Atlantic Fest de pasar da illa de Arousa para Vilagarcía ten varias características propias. O concello de Vilagarcía e a promotora New Live Producciones Culturais pecharon o acordo polo cal a seguinte edición do festival terá lugar na Praia da Concha da cabeceira comarcal arousá entre os días 24 e 26 de xullo, deixando atrás a Illa de Arousa onde naceu como Atlantic e onde celebrou as súas catro primeiras edicións na Praia do Bao.

O saxofonista Carlos Barruso foi escoltado con jazz no seu enterro

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

A Big Band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso da Estrada daba o seu concerto inaugural o pasado venres 20 de decembro e poucas horas despois, xa cun dos seus derradeiros soños cumpridos, Barruso deixaba atrás o mundo no Hospital de Santiago, onde levaba ingresado uns días. O músico e mestre saxofonista, falecía nese momento, aos 58 anos de idade, case un ano despois de coñecer o seu diagnóstico terminal e de poñer en marcha unha das despedidas máis celebradas da escena musical polo que tivo de celebración da vida e de amor á música. Durante este ano o músico e profesor reuniu a músicos amigos nun concerto de despedida en Ourense, recibiu o Premio Martín Códax da Música pola súa traxectoria e puxo en marcha o proxecto do Obradoiro de Música Moderna co Concello da Estrada. Cando se lle fixo entrega en Pontevedra do Premio Martín Códax a directiva de MAV recalcou del o feito de ter sido "un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos". Naquel momento ante o auditorio posto en pé, Barruso, con toda sinxeleza e dignidade comentou a súa situación de enfermo terminal agradecendo a "fermosa vida" que lle dera a música na que comezou dende moi pequeno. O seu paso pola escena musical galega foi lembrado, tanto pola súa faceta como músico en formacións de jazz como pola súa actividade docente en Vigo e en Santiago. O artista foi despedido onte no seu concello de adopción (era natural de Peñafiel) e onde desenvolveu parte da súa labor de pedagoxía musical. Como se dun enterro de Nova Orleans se tratase, cunha escolta de músicos arredor, o jazz serviu de despedida, como el pretendía a través de dúas pezas, a case cerimoniosa St.James Infirmary e dunha alegre peza de Dixieland. O xornal La voz de Galicia recolle en vídeo estes momentos. O músico marchou entre notas pola porta grande destinada da aos grandes amantes da música.

O IXº Portamérica confirma 25 actuacións musicais e cartel gastronómico

Xénero: Miscelánea | 20 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Portamérica de Caldas, ven de facer un importante avance de confirmacións para súa 9ª edición, que inclúe ademais de gran oparte do cartel musical o de chefs para o seu impresionante Showrocking. A centenaria Carballeira de Caldas de Reis acollerá de novo os 3 días do evento en datas tamén confirmadas o 2 e o 4 de xullo no marco de Cultura Quente. Nesta ocasión o festival, que xa no ano pasado ampliou o espazo, ofrece tres escenarios de entre as 25 confirmacións musicais hai xa liñas para cabezas de cartel internacional, descubrimentos da música de latinoamérica e representación da escena musical galega, ademais dunha oferta ampla e de calidade do mellor “indie” español. A programación por días aínda non está dispoñible. Rufus Wainwright, Royal Republic e Vintage Trouble son os tres nomes, de xéneros moi diferentes entre si,que encabezan a oferta internacional. Nesta primeira quenda a escena musical galega está representada por Amaro Ferreiro, Baiuca, Bala, Fon Román, Furious Monkey House e Ortiga.

Os 19 Premios Maketón de Vigo recoñecen os discos de Presumido e Fon Román

Xénero: Miscelánea | 16 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

A entrega dos Premios da Música MAKETÓN MAELOC de Los40 Vigo é por mérito propio de da súa longa traxectoria, un dos acontecementos musicais do ano na zona metropolitana da cidade olívica. Este pasado sábado a emblemática sala La Iguana Club acollía a 19ª edición destes premios e de novo deixaba ver unha parte do talento musical da súa contorna a través dos seis categorías de galardón que se entregaron.

A Orquesta Clásica de Vigo outorga os seus premios CreaClásica a novos compositores

Xénero: Clásica/Lírica | 13 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

Ismael Amoedo Collazo, Carme Rodríguez e Manuel Veiga Lombardía foron designados onte como gañadores nesa mesma orde dos tres premios da primeira edición do certame CreaClásica convocado pola Orquesta Clásica de Vigo e a Fundación SGAE. CreaClásica é a primeira edición dun concurso de composición destinado a novos compositores galegos. Un proxecto que aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. O xurado asignou o primeiro premio á obra Tempestas de Ismael Amoedo Collazo; o segundo a Preludio da noite sulagada de Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996) e o terceiro premio foi para Preludio e Fuga, de Manuel María Veiga Lombardía. As tres obras gañadoras, a parte da dotación económica correspondente, serán programadas e estreadas na tempada 2020 da Orquesta Clásica de Vigo, coa fin de difundir o traballo destes novos talentos se servir así de plataforma de lanzamento para as súas carreiras.

aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade

Xénero: Folk | 12 / 12 / 2019

memoria_mus_cotobade_fraguas_groba.jpg

Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.

GZMúsica edita unha video-lista dos temas galegos máis escoitados en 2019

Xénero: Miscelánea | 9 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

A colleita musical deste ano que xa está a dar os derradeiros pasos resultou, unha vez máis, moi completa e variada, chea de calidade e de creatividade. O magazine GZMúsica ven da presentar unha lista de reprodución en YouTube de 101 videoclips de artistas galegos que este ano foron os que máis soaron, os máis reproducidos. Para iso, a equipa de estatísticas de GZmúsica levaron a cabo, segundo eles mesmos din, unha análise das reproducións de cancións nas diversas plataformas habituais de música : número de reproducións en Youtube e Spotify, o número de seguidores nestas plataformas dixitais e noutras como Deezer, bandcamps dos artistas, tempo de publicación, etc. O resultado son máis de 6 horas de creatividade musical e tamén audiovisual feitas no país. A meirande parte das cancións son en galego, pero tamén hai espazo para algunha en outros idiomas. Os estilos son do máis variado, desde o rock ao reggae, a música electrónica, ou o trad, entre outros e os nomes daas bandas e artistas poden ser daqueles máis coñecidos como de outros emerxentes ou que teñen un nicho fiel de seguidores.

A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

Xénero: Fusión | 5 / 12 / 2019

fabrica-da-luz_banda-da-loba.jpg

En decembro de 2017 saíu á rúa o primeiro traballo discográfico da Banda da Loba, Bailando as rúas (Seispés). Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora o seu novo traballo, Fábrica de luz no que estas cinco mulleres ofrecen doce novas cancións baixo o seu particular estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, etc. Segundo elas Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. Así, a banda ve na lingua e a terra as primeiras nais, fábricas de luz. "As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz", din no comunicado de saída deste traballo. Ademais o disco fai unha chiscadela á música dos 80 coas súas luces e cores, que xa é visible no seu primeiro vídeo Fabricando luz cunha chamada ás discotecas, tanto no ritmo de base como na estética de luces e brillos. Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) son os "cinco motores" desta formación que se define como banda feminina que fai música "con M de muller". O traballo xa foi obxecto dunha presentación no Culturgal, pero será o vindeiro1 8 de xaneiro de 2020 na Sala Capitol de Compostela onde se fará a presentación principal antes de continuar cunha xira que as levará por toda Galicia nos vindeiros meses e que pronto anunciarán.

<< Inicio / Anterior . 811 a 820 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR