Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os sectores musicais luso e galego encontraranse en Verín no MUMI
Os sectores musicais luso e galego encontraranse en Verín no MUMI
xaneiro 22, 2020
O Concello de Verín acollerá a primeira edición do MUMI VERÍN´20, o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal que se celebrará do 12 ao 14 de marzo promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués. O encontro reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Ademais, entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal. Esta feira contará cunha programación profesional que mesturará actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto. O prazo para a presentación de propostas artísticas para participar no encontro está aberto desde hoxe ata o 11 de febreiro.
Nesa mesma liña de crear pontes no sector musical entre Portugal e Galicia tamén vai a ir a primeira das Xornadas sobre Industrias Musicais da Fundación Paideia que este ano chegan á súa iVª edición. Este ciclo que se celebra na sede da Fundación na Coruña está este ano dedicado temáticamente a Fronteiras, condicións de traballo e marcas e abrirase o vindeiro 6 de febreiro co encontro Superar fronteiras coa música: conexións entre a escena musical galega e portuguesa no que participarán a cantante Uxía e a xornalista, asesora e produtora de espectáculos Joana Brandão, modera a xornalista Belén Regueira. Haberá unha actuación en formato showcase da artista coruñesa Astrogirl. A inscrición para asistencia xa está aberta.