Aphonnic coróanse con seu novo disco 'La reina'
xaneiro 24, 2020
Aphonnic son unha das bandas en activo máis veteranas da escena do metal en Galicia, no ano 2017 levaron o Premio Martín Códax da Música como mellor banda de Metal e levan xa dezasete anos gastando amplificadores e seis discos de estudio, todos eles sacados con amplos intervalos de arredor de tres anos entre eles. Os dous anteriores a La Reina (Maldito Records, 2019) foron Indomables (Maldito Records, 2016) e Heroes (Aphonnic, 2013). Con estes marxes de tempo xa é sinal da casa Aphhonnic buscar sempre a excelencia e a mellora nunha carreira na que a experiencia amosa o seu enorme valor sobre o produto final. Once temas conforman este novo traballo co que os vigueses acadan novas cotas de produción que dan a la Reina calidades sonoras propias de calquera grande banda de rock a un nivel internacional que nos permiten gozar da virtuosidade das interpretacións e das traballadas letras de cada canción. La reina é, polo de agora, o traballo que coroa unha longa e moi seria traxectoria.
O produtor luso Vasco Ramos, que xa estaba tras so dous traballos anteriores da banda, repite nesta ocasión contando cosa mesturas realizadas por David Bendeth e a masterización a cargo Ted Jensen. Gravado entre Lisboa (Poison Apple Studios) e Carballiño (Mafia Records), La Reina ofrece nos seus once cortes a mostra das enormes miras que teñen estes catro músicos á hora de compoñer sen fixarse límites e buscando sempre o seu propio son xa sexa en himnos que son marca da banda, coma en Vestigios ou na máis contundente 4 Putas, descargas de potencia coma ese En Globo co que abre o álbum ou a delicadeza da balada triste executada á perfección con ese peche de disco que é Crisantemos, de letra dura e sentida ata a rabia. O disco, levado a cabo grazas ás contribucións de micromecenado por Verkami, ao igual que os anteriores, xa está dispoñible nas plataformas dixitais e á venda en varios formatos físicos na tenda virtual de Aphonnic. A banda xa comezou unha xira por salas en toda España que os traerá a Vigo o vindeiro 14 de marzo na Sala Master Club como primeira cita na nosa terra.