Noticias
As pitas baixo a choiva vólvese virtual para achegar as crianzas a Carballo Calero
Xénero:
| 13 / 5 / 2020Un libro ilustrado, varias cancións e un espectáculo de Teatro dos Ghazafelhos. As pitas baixo a choiva era a proposta de Edicións Embora e mais da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra para conmemorar ao longo desta primavera a Ricardo Carballo Calero, autor desta peza. Ante as dificultades derivadas da actual crise sanitaria para dar a coñecer o proxecto de xeito presencial logo da estrea do 23 de febreiro, as dúas entidades acordaron publicalo de xeito íntegro na rede.
Nace A ponte dos concertos para levar a música ao vivo a domicilio
Xénero:
| 12 / 5 / 2020A responder á problemática do sector da música ao vivo pola crise da Covid-19, os estudios de gravación A Ponte acaban de presentar o proxecto A ponte dos concertos. A nova iniciativa pretende fornecer a grupos e solistas cunha plataforma para actuar, con bo son, realización multicámara e iluminación axeitada no propio estudio. Desde alí realizarase unha emisión en streaming que permitirá ao público asistir ao espectáculo en directo desde a casa, cun chat en tempo real para interactuar coas bandas ou co resto da concorrencia. As retransmisións serán de pago e o recadación irá íntegra a músicos e músicas.
O WOS Festival renuncia a facerse este ano cunha edición 'desvirtuada'
Xénero:
| 11 / 5 / 2020A sétima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, programada para setembro de 2020 non terá lugar este ano, cando menos non do seu xeito e co programa musical e artístico habitual desta cita compostelá. O WOS, programará só a unha data centrada nun foro de encontro de reflexión, a súa área de pensamento e discurso. A promotora Work On Sunday, organizadora do evento ven de comunicar esta decisión tomada no marco do contexto actual. "Non consideramos adecuado contratar nin anunciar artistas, senón que cremos que debemos centrar o foco do proxecto no seu papel como foro para o discurso e o pensamento, e poñer sobre a mesa a pregunta de como o que estamos a vivir cambiou e vai cambiar as nosas vidas", din desde a empresa organizadora. Proximamente anunciarán a data desa única intervención, que ademais de presencial como cada ano tamén poderá seguirse en liña.
A TVG2 emitirá a ópera A amnesia de Clio
Xénero:
| 7 / 5 / 2020A amnesia de Clio, ópera da compañía Voadora que chegou ás táboas o pasado mes de novembro, terá a súa estrea televisiva este 16 de maio. A segunda canle da TVG programa para as 22:45 horas unha emisión da obra composta por Fernando Buide sobre texto de Fernando Epelde, dirección escénica de Marta Pazos e Paul Daniel na dirección musical. Para o día 17, cara á media noite está prevista unha redifusión da montaxe que Voadora coproduciu co Consorcio da Música de Santiago, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Centro Dramático Galego, ademais da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
María Manuela recibirá o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música
Xénero:
| 6 / 5 / 2020A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza anualmente os Premios Martín Códax da Música, acordou outorgarlle o seu galardón honorífico á cantante María Manuela. Con este premio recoñece "a longa e comprometida traxectoria" da que considera "cantora referente da canción protesta e gran activista social, e unha loitadora incansable pola valorización da cultura galega". O colectivo salienta que esta é "unha homenaxe especial a unha muller igual de especial, querida e admirada por todo o que representa".
Esposa comparten dor e ilusión lanzando dous EP ao tempo
Xénero:
| 5 / 5 / 2020O grupo Esposa ven de deixar nas plataformas dixitais dous traballo ao tempo, os EP É o que hai e Belo Horizonte, cos que xuntan oito temas , algúns deles xa presentes en discos colectivos e outras que son versións adaptadas de outros autores do seu universo referencial. Estes son os primeiros lanzamentos da banda despois daquel LP de debut Xardín interior (2017). En Belo horizonte agrúpanse os catro temas de composición propia, o que dá nome ao disco é un tema composto e interpretado coa banda Pantis e os outros tres apareceron anteriormente en recopilatorios colectivos como Galician Bizarre 3 (Autoeditado, 2018), no libro disco conmemorativo editado pola sala ourensá Torgal en 2018 ou, coma no caso de Belo Horizonte en Nada(l). 13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais (Xonix Records, 2017). No caso de É o que hai o cuarteto ofrécenos a súa revisión de catro temas de artistas de referencia como Yo La Tengo ( Ohm), Modern Lovers, cun Pablo Picasso cuxa versión lírica inclúe autorreferencias dos porpio Esposa; os Feelies (É o que hai) e tamén de Billy Bragg coa coñecida New England trocada aquí en Pra que serve esta canción? nunha adaptación libre. Todas elas, dos dous Ep, en galego.
Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional
Xénero:
| 29 / 4 / 2020Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.
A previsión de desescalada cultural
Xénero:
| 29 / 4 / 2020O presidente do Goberno de España, Pedro Sanchez, daba a coñecer este 28 de abril a previsión de fases para aliviar as medidas de confinamento ás que está sometido o conxunto da sociedade. A proposta fala de períodos de apertura que terán unha duración flexible, cun mínimo de dúas semanas, que dependerán da situación nos diferentes territorios e que contarán coas provincias como espazos de referencia para a súa aplicación. Toda unha serie de mudanzas que terán efectos destacados en diferentes sectores da cultura. Aínda pendentes da concreción destas medidas, da súa publicación do Boletín Oficial do Estado e do xeito no que se aplican segundo vaia evoluíndo a situación, repasamos os posibles impactos do confinamento en diferentes ámbitos culturais.
SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'
Xénero:
| 27 / 4 / 2020SonDaRúa, o grupo de hip hop formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, ven de presentar Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). SondaRúa plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade no fraseo e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate non defrauda nin en contido nin en calidade de produción, ofrece 12 cortes en galego nos que o trío conta coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. O disco é unha proposta ecléctica na que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae e a fusión.
Benxa Otero musica a Chus Pato en Tocar a pel do animal
Xénero:
| 24 / 4 / 2020Cinco cancións nadas da improvisación musical no estudio a partir das fotografías do propio músico compoñen a última proposta de Benxa Otero. O compositor e intérprete lalinense presenta en colaboración coa catalá Elena Tarrats Tocar a pel do animal, unha selección de temas gravados en dúas sesións no estudio As Gonzalinhas de Lalín. O proxecto mestura unha selección de versos de Chus Pato realizada pola propia Tarrats ao vivo e cantados en diversas linguas que se combinan con achegas da propia cantante. A nivel musical sintetizadores, clarinetes e outros instrumentos se mesturan para crear atmósferas complexas. Aínda que polo momento os temas están dispoñibles na rede, Otero anuncia a vindeira edición do proxecto nun formato de colección de postais coas letras e unha ligazón para escoitar os temas.