Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional

A SECRETARíA XERAL DE EMIGRACIóN DA XUNTA TAMéN OFRECE A AULA GALICIA ABERTA DURANTE O QUE DURE A PANDEMIA

Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional

FOLK | abril 29, 2020

imaxe non dispoñible

Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.

Con carácter conxuntural cumprindo o obxectivo de manter a actividade formativa e divulgativa da cultura galega en todo o mundo durante a pandemia do coronavirus, a Secretaría Xeral da Emigración ven de poñer en marcha un proxecto semellante, a Aula GaliciaAberta, coa que ofrecen catro seminarios en liña sobre distintas disciplinas relacionadas co patrimonio inmaterial de Galicia. Baile, gaita, percusión de man e canto e percusión tradicional. Os obradoiros son de carácter público e gratuíto, non precisan inscrición e están dirixidos non só a alumnos xa existentes de calquera das materias nas distintas entidades galegas espalladas polo mundo, senón tamén a aquelas persoas que, malia non ter coñecementos previos, queiran achegarse a estas disciplinas. Cada un dos catro cursos está conformado por dez sesións, que deron comezo o 27 de abril ata o vindeiro 30 e tamén se desenvolverán ao longo dos meses de maio e xuño.