A previsión de desescalada cultural
abril 29, 2020
O presidente do Goberno de España, Pedro Sanchez, daba a coñecer este 28 de abril a previsión de fases para aliviar as medidas de confinamento ás que está sometido o conxunto da sociedade. A proposta fala de períodos de apertura que terán unha duración flexible, cun mínimo de dúas semanas, que dependerán da situación nos diferentes territorios e que contarán coas provincias como espazos de referencia para a súa aplicación. Toda unha serie de mudanzas que terán efectos destacados en diferentes sectores da cultura. Aínda pendentes da concreción destas medidas, da súa publicación do Boletín Oficial do Estado e do xeito no que se aplican segundo vaia evoluíndo a situación, repasamos os posibles impactos do confinamento en diferentes ámbitos culturais.
As provincias galega iniciarán o proceso este 4 de maio na Fase 0. A partir desta data, o permiso de apertura para o comercio minorista, con cita previa e para atención individual, permitirá o traballo de librarías. A maiores, e segundo informou a Ministerio de Cultura á Axencia Efe, tamén se abrirán os arquivos neste primeiro período.
A Fase 1, como indicamos, aplicarase en diferentes territorios segundo a evolución da pandemia, pero chegará como mínimo dúas semanas despois da anterior. Na mesma está prevista, nun comezo, a apertura do pequeno comercio, sempre con medidas preventivas contra o virus, o que facilitará o traballo de librarías, tendas de discos e de artesanías ou outros establecementos vencellados ao ámbito creativo. Ademais, e de novo segundo informa Efe a partir do ministerio de cultura, este período achega xa novidades para actividades culturais presenciais. Na fase 1 prevese permitir o desenvolvemento de actos espectáculos en salas con menos 30 persoas (ata un terzo do aforo) e ao aire libre con menos de 200, sempre sentadas e a manter distancias de seguridade. Tamén se prevé a reanudación das rodaxes cinematográficas e televisivas. As bibliotecas abrirán só para préstamo neste momento, e os museos permitirán visitas ata un terzo do seu aforo.
Na Fase 2 está previsto unha ampliación da asistencia permitida a eventos, que será de ata 50 persoas (de novo cun máximo dun terzo do aforo dispoñible) en locais e ata 400 en exteriores. Será neste momento cando abran cines e teatro, a un terzo do seu aforo, e se permitan visitas a monumentos e exposicións. No caso das bibliotecas abriranse, de novo con prazas limitadas, para lectura durante este período, e tamén iniciarán a súa actividade, coas mesmas limitacións, salas de conferencias e multiusos.
A Fase 3 prevé basicamente unha ampliación á metade do aforo permitido nas anteriores propostas, aínda que tamén recolle a reapertura, a un tezo de capacidade, de "salas de artes escénicas e musicais". Os espectáculos en salas poderán encherse ata a metade de capacidade, e menos de 80 persoas, mentres os que se desenvolvan ao aire libre poderán chegar ás 800.A medida aplicarase tamén a parques de ocio e temáticos.
En calquera caso, fica por concretar o xeito no que se desenvolven estas medidas, os protocolos de seguridade a aplicar en cada caso e os tempos reais nos que cada provincia pode implementalas. Desde diferentes ámbitos culturais sinalaron xa a dificultade de soster negocios como festivais e concertos con estas limitacións de aforo.
Ligazóns
- Faro de Vigo recolle as fases de desescalada cultural apuntadas pola axencia Efe
- El País apunta os prazos da apertura do confinamento para a cultura
- La Voz de Galicia recolle reaccións do ámbito cultural as propostas do goberno para a reapertura
- Reaccións ás fases de reapertura para a cultura en La Vanguardia
- Actividades permitidas nas distintas fases segundo La Voz de Galicia
- Praza Pública recolle as fases de desescalada propostas polo goberno