Ir ao contido directamente.


Noticias

As novas medidas contra a pandemia estenden as restricións que lle afectan á cultura

Xénero: Miscelánea | 5 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O endurecemento das medidas contra a Covid-19 e a súa ampliación a 60 concellos do país están a afectar a diferentes propostas culturais. A listaxe de medidas que entrarán en vigor na medianoite do vindeiro sábado 7 de novembro amplía o territorio no que a capacidade de actos, salas e auditorios queda restrinxida a un 50% cun límite máximo de 30 persoas. Este límite amplíase a 75 en propostas que se desenvolvan ao aire libre.

Rómulo Sanjurjo dirixira a área de Cultura da Coruña

Xénero: Miscelánea | 4 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O músico Rómulo Sanjurjo, membro fundador de Os Diplomáticos de Montealto é a persoa designada polo equipo de goberno do Concello da Coruña para dirixir a Área de Cultura. Así o avanza hoxe na súa sección local o xornal La Voz de Galicia citando fontes municipais. Sanjurjo é parte tamén do dúo Transportes Hernández &Sanjurjo e, segundo sinala o xornal, foi elixido polo seu coñecemento do sector cultural da Coruña, e pola súa experiencia nese mundo. A Sanjurjo tócalle agora facerse cargo dunha difícil situación co mundo da cultura reclamando accións de apoio por parte do consistorio local ante a desfeita provocada pola pandemia. O novo director chega cando están a pique de rematarse as actividades inicialmente previstas do Plan de reactivación económica, social e cultural da Coruña (PRESCO) e aínda non se coñece o seu futuro. Colectivos do sector cultural estiveron estes meses pasados organizándose para levar a cabo accións de reclamación ás administracións públicas. O peche de dúas salas da área coruñesa, Bâbâ Bar e Fórum Céltico actuaron de catalizadores para a unión colectiva no caso do sector musical, pero xa antes se creara a plataforma VAI Coruña para mellorar a vida cultural da cidade.

A ópera 'Orfeo e Eurídice' estrearase en Santiago coa parte de coro gravada previamente

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia, en Santiago, acollerá o vindeiro 5 de novembro a ópera de Gluck Orfeo e Eurídice nun contexto no que as restricións sanitarias influirán non só no patio de butacas senón tamén sobre o escenario. A execución da Real Filharmonía de Galicia e as voces solistas da representación lírica veranse acompañadas pola gravación das partes corais, a cargo do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que terán que integrarse coa música en directo. A formación coral non subirá ás táboas por mor da imposibilidade de cumprir coas medidas de distancia social pertinentes. Os seus integrantes gravaron con anterioridade nos Estudos Mans da Coruña as súas intervencións cunha sesión na que se empregaron, seguindo escrupulosamente a normativa fronte á covid-19 referente a coros e o grupos de canto, máscaras.

O grupo TOR traslada no seu primeiro disco as investigacións recollidas da música tradicional

Xénero: Folk | 26 / 10 / 2020

PORTADA TOR.jpg

Un repertorio a base de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior é a tarxeta de presentación da banda ourensá TOR. A principal fonte destes temas é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro, compoñentes do grupo), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras. Os irmáns Castro están acompañados neste proxecto por Álvaro Iglesias no contrabaixo e o coñecido Xosé Liz nas cordas do bouzouqui, guitarra e mandolina. A formación ven de sacar o sue primeiro traballo gravado, de nome homónimo TOR (Inquedanzas Sonoras, 2020), ofrecendo once temas con orixes en moi diversos puntos da xeografía en forma de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras, piruxaldas, alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, como a que pecha o disco, Mazurca do Cachoupiño, que recibe o nome polo baile do cachoupiño que aparece na novela A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e foi composta para a publicación EBA 5.0, o universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga (Difusora, 2009). Esta mazurca está inspirada en antigas mazurcas tarareadas aos irmáns Castro polo gaiteiro Fernando Paradela de Sarreaus (Ourense). Tanto esta mazurca coma a peza Piruxalda de Argomoso e muiñeira de Vilaquinte foron gravadas ao vivo para o disco. O álbum conta coas colaboracións de Pancho Álvarez e Ángel Ruíz e xa está dispoñible en Spotify e YouTube ademais de á venda na páxina de Inquedanzas Sonoras, ou na web do grupo co seu libreto completo. O grupo gravou ademais este verán a banda sonora para a mediametraxe Luarada ( Óscar Doviso), sobre o lobishome de esgos Manuel Blanco Romasanta, que se estreou no OUFF en outubro.

A sala de concertos Forum Célticum cursa baixa cun peche definitivo

Xénero: Miscelánea | 26 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

A lista de baixas das empresas culturais nesta etapa de pandemia segue a medrar co paso das semanas. Neste caso ven de anunciarse o peche definitivo doutra sala de concertos da área da Coruña, o Forum Célticum de O Burgo. Este espazo de Culleredo que leva acollendo actuacións de música en directo de todos os estilos desde fai máis de 21 anos anunciou onte o peche definitivo das súas portas, unha decisión que xa tiñan tomada fai algún tempo pero que non puido ser comunicada ata agora. “ P Forum Celticum apaga as súas luces, a súa música e pecha as súas billas e as súas portas para sempre”, din a través das redes sociais. A programación musical do Forum Celticum foi sempre constante e pola sala pasaron desde músicos locais ata bandas nacionais e internacionais en xira, formando parte dunha oferta musical diversa en xéneros e estilos na área de influencia metropolitana da cidade da Coruña. Numerosos músicos e público en xeral manifestaron a través das redes sociais a tristaza pola perda deste emblemático local polo que moitos deles pasaron, xa fose sobre o escenario ou ante el. Xustamente nesta cidade ven de pechar fai apenas uns días outro local histórico de música en directo, o Bâbâ Bar. En Vigo tamén declarou peche a sala El Contrabajo. O sector segue a reclamar que se permita a súa actividade cultural, diferenciada do ocio nocturno, pero non tivo resposta nese sentido da administración. A Xunta ven de anunciar axudas para o alugueiro así como para levar a cabo concertos cando as restricións o permitan.

Música, teatro e danza recadaron 24 millóns en billeteira no 2019

Xénero: Miscelánea | 23 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

A vixésima edición do Anuario SGAE de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales ven de ser posta en liña a disposición pública. Este pormenorizado estudo ofrece unha análise estatística detallada do sector cultural que con indicadores cuantitativos non só estatais senón tamén por comunidades autónomas. Entre as máis de 440 páxinas, decenas de miles de datos numéricos e 357 táboas e gráficos, podemos atopar información rigorosa dos indicadores de sectores das artes escénicas, musicais e audiovisuais dos últimos anos nunha comparativa evolutiva en resultados entre 2014 e 2019 que sen dúbida nos vindeiros tempos servirá como unha referencia de recuperación para o sector cultural, unha vez pasada a crise sanitaria derivada da COVID-19. No cómputo global, o sector dos eventos ante público (artes escénicas e música) acadaron no 2019 unha recadación total de 24.021.393 euros. Algo que estará sen dúbida moi lonxe do que indicará o vindeiro ano o estudo sobre a actividade do 2020. Con todo compre buscar nos detalles do estudo para ver esa derradeira instantánea da cultura pre-coronavirus que nos amosa este extenso documento para coller un punto de referencia de evolución ao que mirar.

A música non para

Xénero: Miscelánea | 22 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

"¡Que non pare a música!", reclamaba Xiana Lastra, presidenta da Asociación Músicas ao Vivo como colofón do seu discurso institucional acompañada pola Xunta Directiva na gala dos VII Premios Martín Códax da Música de Galicia. Con case seis meses de adiamento respecto á data inicial do seis de maio entregábanse onte os galardóns dunha edición destes premios, que se ben inicialmente ía estar marcada por ser a que máis proxectos presentaba desde a súa creación, finalmente foi marcada polas circunstancias da crise sanitaria sen precedentes. Malia todo, coma lembraba a mesma Lastra, "precisamos ter algo que celebrar", e iso foron estes Premios Martín Códax, unha celebración da música e unha declaración de resistencia.

O peche da sala Bâbâ Bar fai reaccionar ao colectivo musical da Coruña

Xénero: Miscelánea | 21 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

O anuncio do peche definitivo da sala de concertos coruñesa Bâbâ Bar conmocionou ao sector cultural a pesares de que todas as advertencias xa ían nese sentido desque se decretou o peche destas salas en equiparación ao ocio nocturno. O local -o segundo en desaparecer en Galicia neste período tras El Contrabajo de Vigo- anunciaba polas redes a fin da súa actividade así como a venda ao público de todo o seu contido e material. O feito parece ter actuado de revulsivo suficiente no sector musical da cidade herculina dado que xa se avanzan accións reivindicativas colectivas en defensa da cultura e a música. O xornal La Opinión recolle as declaracións de Marián Ledesma, Silvia Penide e Juan Tinaquero, artistas da cidade, que queren dar visibilidade a un movemento de reivindicación colectivo que empeza a crearse para reclamar das administracións axudas reais que alcancen a todos os axentes do sector. "Pechou o Bâbâ Bar e ese foi o sinal para pasar á acción, o detonante", recoñece Ledesma a La Opinión. Segundo sinalan, a difícil situación está a provocar unha unión reivindicativa, da cal é de agardar vindeiras accións colectivas que reclamen ante as administracións políticas que mitiguen a imposibilidade de actividade na que agora mesmo se ven e que causou xa o peche desta sala cunha década de actividade cultural que era xa anteriormente co nome de Jazz Vides, un dos puntos culturais de actividade musical da cidade.

O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo

Xénero: Folk | 20 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

En 1980 publicábase o disco A Galicia de Maeloc (Ruada), o primeiro da banda folk Milladoiro causando unha gran admiración pola súa proposta e sendo o primeiro disco galego en editarse en Francia. A celebración deste 40 aniversario farase a través dunha xira da actual formación de Milladoiro, que os levará por ata dez vilas e unha cidade galegas desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano. Estes concertos formarán parte das accións de promoción do Xacobeo 2021, polo cal a formación presentou onte a xira na Cidade da Cultura de Galicia acompañada do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. O conselleiro quixo poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes. O 14 de novembro a formación estará na propia Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Novedades Carminha e Os Amigos dos Músicos triunfan nos Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 19 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

Esta fin de semana celebrouse a gala dos Premios MIN 2020, os galardóns que recoñecen ás producións musicais independentes a nivel estatal. A banda compostelá Novedades Carminha saía da cita como vencedora absoluta do panorama musical independente coroada con tres premios baixo o brazo O seu disco Ultraligero (Ernie Recordos, 2019) xa foi un dos máis sinalados pola prensa especializada de entre a colleita musical do pasado ano, aparecendo destacado en numerosas listas. Esa aceptación vese agora reforzada cos premios a Mellor Álbum Pop do ano, Mellor Artista e tamén ao do Mellor Directo nacional. A banda aproveitou a ocasión para facer avance de tres citas de concertos para o vindeiro ano no mes de marzo, dous en Madrid e Barcelona e outra, o día 26 no Multiúsos do Sar da súa cidade, Santiago de Compostela. Ademais diso a noite tamén deu un alegría á banda ourensá Os Amigos dos Músicos, que co seu segundo disco Segundo fogar(Todomedre, 2019) venceron na categoría de mellor álbum en galego competindo contra Heredeiros da Crus, con Derretidos (Dotbeat); Familia Caamagno con Había que intentalo (Folc Records); A Banda da Loba, co seu segundo traballo Fábrica de luz e as Tanxugueiras.

<< Inicio / Anterior . 701 a 710 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR