Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A ópera 'Orfeo e Eurídice' estrearase en Santiago coa parte de coro gravada previamente
A ópera 'Orfeo e Eurídice' estrearase en Santiago coa parte de coro gravada previamente
outubro 27, 2020
O Auditorio de Galicia, en Santiago, acollerá o vindeiro 5 de novembro a ópera de Gluck Orfeo e Eurídice nun contexto no que as restricións sanitarias influirán non só no patio de butacas senón tamén sobre o escenario. A execución da Real Filharmonía de Galicia e as voces solistas da representación lírica veranse acompañadas pola gravación das partes corais, a cargo do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que terán que integrarse coa música en directo. A formación coral non subirá ás táboas por mor da imposibilidade de cumprir coas medidas de distancia social pertinentes. Os seus integrantes gravaron con anterioridade nos Estudos Mans da Coruña as súas intervencións cunha sesión na que se empregaron, seguindo escrupulosamente a normativa fronte á covid-19 referente a coros e o grupos de canto, máscaras.
Trátase dunha experiencia novidosa que non conta con precedentes en España. Preténdese así realizar a actividade musical co máximo rigor sanitario e as maiorías garantías para a seguridade tanto do público coma para os e as traballadoras da escena e amosar así un claro exemplo de adaptación no sector cultural. O Auditorio de Galicia adaptara os seus accesos e a súa capacidade ás restricións marcadas polas autoridades sanitarias, polo cal, a día de hoxe só 30 persoas poderán seguir a representación desde a propia sala pero tamén haberá transmisión en liña. A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia coproducen esta ópera de 1762 que é unha das composicións máis coñecidas co compositor xermano Christoph Willibald von Gluck, e que retrata o mito clásico de Orfeo cunha peza na que asumen o protagonismo os personaxes do propio Orfeo (contralto), Eurípides (soprano) e Amore (soprano). Cómpre destacar que dous dos tres papeis principais serán representados polas gañadoras do II Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago: a cantante ucraína Olga Syniakova no rol de Orfeo e a portuguesa Beatriz de Sousa no rol de Amore.
Tamén che pode interesar:
- 22/ 3/ 2017 | O Ciclo 'Música Actual Galega II' estreará en Ourense obras de cinco compositores
- 14/ 8/ 2008 | O Teatro Colón estreará a ópera galega “Camiñar polo arame cunha lata de cervexa”
- 13/ 12/ 2007 | Kalandraka publica Orfeo e Eurídice na súa colección de ópera para nenos
- 18/ 5/ 2001 | "Orfeo ed Euridice" de Haynd inaugura na Coruña o Festival Mozart
- 16/ 4/ 2001 | A música clásica e un certame de gaitas marcan o retorno musical das vacacións