Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O peche da sala Bâbâ Bar fai reaccionar ao colectivo musical da Coruña
O peche da sala Bâbâ Bar fai reaccionar ao colectivo musical da Coruña
outubro 21, 2020
O anuncio do peche definitivo da sala de concertos coruñesa Bâbâ Bar conmocionou ao sector cultural a pesares de que todas as advertencias xa ían nese sentido desque se decretou o peche destas salas en equiparación ao ocio nocturno. O local -o segundo en desaparecer en Galicia neste período tras El Contrabajo de Vigo- anunciaba polas redes a fin da súa actividade así como a venda ao público de todo o seu contido e material. O feito parece ter actuado de revulsivo suficiente no sector musical da cidade herculina dado que xa se avanzan accións reivindicativas colectivas en defensa da cultura e a música. O xornal La Opinión recolle as declaracións de Marián Ledesma, Silvia Penide e Juan Tinaquero, artistas da cidade, que queren dar visibilidade a un movemento de reivindicación colectivo que empeza a crearse para reclamar das administracións axudas reais que alcancen a todos os axentes do sector. "Pechou o Bâbâ Bar e ese foi o sinal para pasar á acción, o detonante", recoñece Ledesma a La Opinión. Segundo sinalan, a difícil situación está a provocar unha unión reivindicativa, da cal é de agardar vindeiras accións colectivas que reclamen ante as administracións políticas que mitiguen a imposibilidade de actividade na que agora mesmo se ven e que causou xa o peche desta sala cunha década de actividade cultural que era xa anteriormente co nome de Jazz Vides, un dos puntos culturais de actividade musical da cidade.