Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Música, teatro e danza recadaron 24 millóns en billeteira no 2019

O XXº ANUARIO DA SGAE MARCA OS INDICADORES ECONóMICOS PRE-COVID 19 DE ARTES ESCéNICAS E MúSICA EN GALICIA

Música, teatro e danza recadaron 24 millóns en billeteira no 2019

MISCELáNEA | outubro 23, 2020

imaxe non dispoñible

A vixésima edición do Anuario SGAE de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales ven de ser posta en liña a disposición pública. Este pormenorizado estudo ofrece unha análise estatística detallada do sector cultural que con indicadores cuantitativos non só estatais senón tamén por comunidades autónomas. Entre as máis de 440 páxinas, decenas de miles de datos numéricos e 357 táboas e gráficos, podemos atopar información rigorosa dos indicadores de sectores das artes escénicas, musicais e audiovisuais dos últimos anos nunha comparativa evolutiva en resultados entre 2014 e 2019 que sen dúbida nos vindeiros tempos servirá como unha referencia de recuperación para o sector cultural, unha vez pasada a crise sanitaria derivada da COVID-19. No cómputo global, o sector dos eventos ante público (artes escénicas e música) acadaron no 2019 unha recadación total de 24.021.393 euros. Algo que estará sen dúbida moi lonxe do que indicará o vindeiro ano o estudo sobre a actividade do 2020. Con todo compre buscar nos detalles do estudo para ver esa derradeira instantánea da cultura pre-coronavirus que nos amosa este extenso documento para coller un punto de referencia de evolución ao que mirar.

A música popular, xa sexa en festivais ou en salas de concertos, foi a base económica e de actividade que reflicte este anuario e na nosa comunidade tivo un espectacular incremento económico durante o pasado ano, moi por riba da media estatal. Case 18 millóns de euros recadou en Galicia esta actividade a través do despacho de billetes en 2019, un incremento dun 14,5% que supón máis de dous millóns de euros respecto ao anterior exercicio. Os eventos de música popular conseguiron despachar no noso país máis dun millón e medio de billetes. En concreto cabe destacar a importancia dos festivais, malia a súa estacionalidade en xeral, porque a este sector débese o 57,8% da recadación por venda de entradas de música popular en 2019 a nivel estatal. Na análise por xéneros musicais dos 3.658 concertos en Galicia en 2019, que venderon 900.000 entradas, (excluídos os festivais) resulta rotunda e inapelable a superioridade en oferta dos directos de música Pop Rock, representando en Galicia o 83,4% das actuacións recollidas pola SGAE. Moi lonxe destes indicadores, sitúase coma segunda opción a música folk, sendo o 4,5% da oferta de concertos deste xénero musical, aínda menores son as porcentaxes de jazz (3,6%) e música de cantautor/a (2,7%). Na distribución dos públicos mantívose a primeira posición do Pop Rock, pero a Música melódica acadou unha lixeiramente superior asistencia ao Folk, apenas sete décimas, e tamén destaca a música Infantil atraendo públicos cun 2,5% do total. Na recadación de billetes de concertos en 2019, que ascende na comunidade a 5.671.694 euros, o 89% corresponde ao Pop Rock

O teatro fixo medrar as artes escénicas
No apartado das artes escénicas -teatro, danza e xénero lírico- o Anuario SGAE 2020 deixa ver que no conxunto do estado deuse un case xeneralizado incremento de actuacións (600 máis en total) e que o peso de Galicia sobre o conxunto era en 2019 do 3,4%. Ademais, na nosa comunidade rexistrouse ese aumento de representacións que xa viña ocorrendo en anteriores anos, pasando das 1.682 de 2018 a 1.718 no 2019. Este aumento foi en coherencia co do número de espectadores, que medrou nun 4,4% respecto ao anterior ano ata alcanzar case o medio millón de entradas vendidas, 492.908 exactamente, que supuxeron unha recadación para o conxunto das artes escénicas en 2019 de 4.681.016 euros. Estas cifras concéntranse no teatro como actividade co maior peso relativo sobre o total das artes escénicas, a el se deben 4.353.006 euros desa recadación, grazas ás súas 1.627 representacións. Aínda así tanto a danza coma o xénero lírico aumentaron en representacións, público e recadación respecto ao 2018. Con só 67 representacións a danza acadou máis de 31.374 espectadores – un dos maiores crecementos do Estado respecto a 2018- e recadou 168.000 euros en 2019.

Ligazóns