Noticias
Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos
Xénero: | 14 / 5 / 2021
O Concello de Pontevedra recuperou este ano a programación Cabos Soltos vinculada neste caso ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade. Cabos Soltos naceu en 2019 coma unha resposta desde o Concello aos problemas para a programación de concertos ao vivo nos locais da cidade ante os cambios na Lei de espectáculos de Galicia e como apoio á hostalería e á cultura local e neste 2021 volve en forma de xornadas técnicas coordinadas por Patricia Hermida da empresa Dotbeat, os días 19, 20 e 21 de maio, ademais da programación dun concerto "piloto" na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga.
O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
Xénero: | 11 / 5 / 2021
A reconversión chega aos festivais ante as limitadas posibilidades pandémicas e mentres os máis multitudinarios deixan pasar outro ano máis sen mover ficha algúns buscan formatos que lles axuden a sacar adiante a súa proposta de marca. É o caso do Atlantic Fest, que o pasado ano ía comezar unha nova andadura en Vilagarcía de Arousa tras catro anos a celebrarse na Illa de Arousa , pero viu imposible a súa celebración coas circunstancias. Dende entón a promotora New Live estivo a facer un esforzo de loxística para facer posible este ano a realización do evento e agora presenta unha proposta de 12 días de concertos cun cartel baseado en nomes da escena "indie" estatal, que abrirá e pecharán dúas propostas galegas, Ortiga e Verto.
Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica
Xénero: | 7 / 5 / 2021
Embruxo (Raso Estudio) é o novo traballo de Baiuca, nome artístico co que Álex Gullán está rachar barreiras entre a música electrónica e tradicional e puxo en primeiro plano a etiqueta da 'folktrónica'. Hoxe xa sae á luz o traballo completo, o segundo tras aquel sorprendente Solpor (2018). Inspirado abertamente en cantigas e mitos o disco trae dez temas, nomeados no título cun substantivo único (coma no primeiro disco) e con connotacións claramente esotéricas e antropolóxicas: Meigallo, Veleno, Luar, Romaría, Conxuro, Lavandeira, Diaño, etc. A reinterpretación do son tradicional coas ferramentas da electrónica do século XXI non renuncia entrar na visión máis tribal do noso legado cultural. Tampouco renuncia á invitación ao baile, parte indiscutible desa tribalidade. Baiuca esconxura coa súa alquimia dacabalo entre o dixital e o analóxico, os samplers e as cantareiras, a parte máis máxica da nosa relación coa natureza e universo como galegos. Neste fito Baiuca fíxose acompañar por persoalidades tan potentes do novo folk coma o asturiano Rodrigo Cuevas, o percusionista Xosé Lois Romero, o frautista e gaiteiro Cristian Silva e o grupo de pandereteiras e cantareiras Lilaina, que achegan esa necesaria conexión coa cultura ancestral feminina das meigas a través das súas potentes voces. Segundo se comunica, Embruxo pretende converse nun exercicio" que redefina tanto o alcance da música tradicional como da electrónica de club e que resinifique os códigos da cultura ancestral galega". O artista presentará en concerto este novo traballo o vindeiro 21 de maio no Auditorio Mar de Vigo, dentro do ciclo TerraCeo e stá tamén confirmado dentro do Orballo Cultural na Costa da Morte, para o verán.
En xuño haberá unha nova edición do Festival Pórtico do Paraíso
Xénero: | 4 / 5 / 2021
O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical chega á súa 14ª edición unindo música en directo e patrimonio. Unha volta da dinamización cultural musical que neste caso recibe o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. A cita terá lugar do 4 ao 13 de xuño.
The Soul Jacket teñen novo disco e datas para presentalo en concerto
Xénero: | 3 / 5 / 2021
Os vigueses The Soul Jacket veñen de presentar o que é o seu quinto disco, Let Me Stand. do que xa teñen datas para presentalo en concerto este mesmo mes de maio comezando no País Vasco o 28 de maio para tras pasar por outras localidades españolas, volver ante o seu público vigués o vindeiro 11 de xuño dentro do ciclo TerraCeo do Auditorio Mar de Vigo. O novo álbum introducido coma "unha intrincada paisaxe" con "capas e capas de placer sonoro e sinérxico, moi variadas connotacións e influenzas" ofrécenos talvez o repertorio máis funk da banda viguesa de toda a súa traxectoria. Tras transitar en anteriores traballos moi decididamente pola Americana, o country-rock, o Rythm &Blues e a psicodelia, este Let me stand, sen renunciar aos sinais de identidade da banda, engade no seu percorrido unhas composición máis funks, o tema que dá título ao álbum por exemplo, así coma outras moi achegadas ao neo soul, coma en Declaration of Intentions. Na instrumental Zeit Im Tiefen Wald, transitan pola psicodelia electrónica a base de sintetizadores, incluíndo así un espazo de contrapunto na escoita do disco.
Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz
Xénero: | 30 / 4 / 2021
Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.
Estréase en aberto o documental sobre a historia dos quince anos do Resurrection Fest
Xénero: | 29 / 4 / 2021
As penas con pan son menos, e este ano sen Resurrection Fest buscará a esa compensación desde hoxe coa estrea e difusión do documental "Resurrection Fest: la historia (2006-2020)" que se estrea en aberto na canle de YouTube do festival, tras o paso polo Resurrection Fest Online o pasado ano . Grazas a este audiovisual de 75 minutos de duración dáse a coñecer toda a historia deste multitudinario e internacional evento da música rock, desde como se creou ata un percorrido por cada unha das quince edicións do festival de Viveiro, incluíndo declaracións de moitos dos artistas de fama mudial que pasaron polos seus escenarios. Qunce anos de paixon polo rock and roll e unha pequena miragre desde unha pequena vila galega atraendo as miradas de todo o mundo. O audiovisual está xa dispoñible na canle desde hoxe, xoves ás 22:00 horas.
O compositor Sergio Moure recibirá o Premio especial do OUFF
Xénero: | 29 / 4 / 2021
O compositor Sergio Moure de Oteyza (A Coruña, 1969) recibirá o Premio Especial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense -instituído na 25 edición-, pola súa ampla traxectoria como músico de cinema e como autor de máis de medio cento de composicións para longametraxes, curtametraxes e series de televisión, á parte o seu labor como músico sinfónico. Así llo comunicou persoalmente ao compositor Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que dende 2018 lidera o rexurdir do festival xunto á Fundación Carlos Velo. Co gallo do premio, o Ourense Film Festival publicará un volume autobiográfico do propio Moure na súa serie Monografías, que será presentado nas mesmas datas.
Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco
Xénero: | 27 / 4 / 2021
Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.
Ailá debuta a investigar a tradición musical
Xénero: | 26 / 4 / 2021
"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".


