Noticias
A Xunta concreta o seu apoio á Orquestra Sinfónica en 3,5 millóns de euros
Xénero: | 5 / 8 / 2021
Tal e como anunciaran no pasado mes de xuño, a Consellería de Cultura e o Consorcio para a Promoción da Música asinaron este 4 de agosto dous convenios polos que a primeira entidade achega 3,5 millóns de euros ao funcionamento da segunda, responsable da Orquestra Sinfónica de Galicia. Estes fondos, recollidos nos orzamentos para 2021, supoñen un incremento no apoio autonómico á Orquestra, xa que aos habituais 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación súmanse outros 800.000 euros "como achega extraordinaria para a realización de actividades co gallo do Xacobeo 21-22".
O Resurrection revive xa este agosto
Xénero: | 3 / 8 / 2021
Cos abonos esgotados para a vindeira edición en 2022 do festival de rock duro Resurrection Fest, a organización do festival ven de presentar un evento en formato reducido para este agosto. O Resurrection Fest Estrella Galicia Limited 2021 presenta tres días de concertos en Viveiro entre o 26 e o 28 de agosto e inclúe a proposta, tan escasa nestes momentos, de ter bandas da escena internacional no cartel. Ademais no cartel inclúense grupos españoles e destacadas formacións galegas coma Bala, Aphonnic ou True Mountains.
As axudas de distribución para cultura reparten 460.000 euros
Xénero: | 3 / 8 / 2021
O web da Axencia Galega das Industrias Culturais recolle a adxudicación das subvencións a actvidades de distribución para industrias culturais. A liña de axudas distribúe nesta ocasión 460.000 euros cos que se apoia na maior parte dos casos a presenza exterior de propostas culturais galegas nos campos das artes escénicas e musicais. As iniciativas de teatro e novo circo reparten 280.152 euros destas axudas, mentres que os 179.447 destínanse a xiras e promoción da música do país. As axudas chegan a un total de 65 grupos e compañías da escena cultural galega.
Crece a axenda da segunda quincena de agosto
Xénero: | 30 / 7 / 2021
Cambiamos de mes e vaise deseñando un novo calendario, engadido ao que xa sabiamos da primeira quincena, cos principais eventos que terán lugar a finais de agosto e primeiros de setembro. Nesta semana foron enchéndose as axendas coas novas confirmacións en forma de datas e nomes, case todas sacando xa á venda as entradas, de obrigada reserva ante a restricións de capacidades aínda existente. Hoxe traemos as novidades dalgunhas destas citas que son musicais pero tamén engaden nalgúns casos actividades culturais máis alá dos concertos. Compre meter en axenda estas posibilidades.
O TradFest volve levar a Santiago a variedade da música de raíz
Xénero: | 28 / 7 / 2021
Santiago de Compostela festexará o vindeiro sábado 31 a contemporaneidade da música galega de raíz cunha nova edición do TradFest, que inclúe 20 concertos, ruadas e unha feira de artesanía, entre outras actividades, coa participación de máis de 60 artistas galegos e internacionais. A nova edición volve a realizarse no parque e igrexa de San Domingos de Bonaval usando varios palcos polos que pasará un abano de artistas representando unha gran variedade de estilos e estéticas dentro da música tradicional: o Cuarteto Caramuxo, Marcos Coll , Caldo, Caamaño & Ameixeiras, Tobie Miller, Najla Shami, Mulleres de Gharghamala!, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Grupo 1500, Os da Porfía, TOR, Mozart á galega, Antonio Prado e Miguel Vázquez. O evento pechará cunha foliada ao vivo na praza da Quintana que contará coa participación da Banda da Crechas e convidades de luxo: Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras, Sheila Patricia. Todas as actuacións son de balde pero é precisa a retirada previa de entradas.
Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira premios Rebulir 2021
Xénero: | 28 / 7 / 2021
Mediante un comunicado deuse a coñecer a decisión do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021, un recoñecemento creado desde a asociación cultural do mesmo nome, para sinalar persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Tres galardóns en tres categorías outorgou onte o xurado: Música galega, Artes escénicas e un premio de Homenaxe. Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o escollido pola comisión para recibir o premio Homenaxe, "pola súa contribución a literatura galega, e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova", segundo o fallo. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. O músico Xabier Díaz tamén resultou recoñecido co premio Rebulir, "pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fora de Galicia". Na categoría de Artes escénicas o xurado decidiuse por galardoar ao espazo infantil da TVG, Xabarín Club, "por ter contribuído desde o audiovisual, e máis concretamente desde a animación, a normalización lingüística e difusión da cultura galega", di o xurado. O acto de entrega de ditos galardóns terá lugar o sábado 18 de Decembro de 2021, no marco da Gala Central do Festival Internacional Rebulir 2021, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo de O Picouto (Concello de Ramirás).
Fábrica de Espejos presenta 'Mundo incerto'
Xénero: | 22 / 7 / 2021
Tras dous EP, en 2018 e 2019 o grupo chantadino Fábrica de Espejos presenta o seu primeiro traballo longo Mundo Incierto (Ferror Records/Facela, 2021). A banda formada por Leticia Iglesias (voz), Isaac Ferreiro (voz, guitarra), Alex Pacheco (baixo), Hum Novoa (guitarra) e Ángel Novoa (bases electrónicas) ofrece neste traballo gravado con Arturo Vaqueiro á produción en Abrigueiro (Friol) 11 temas que poden ser moi diferentes entre si ao pasar con naturalidade de sonoridades da música electrónica e synth pop a ritmos acústicos máis rock ou folk. O traballo manten como nó de coherencia as súas letras e a cadencia vocal nostálxica e case onírica de Leticia Iglesias atravesando un disco de referencias e influenzas recoñecibles, desde os anos 80 ate agora mesmo, que a banda lonxe de negar ofrece brillantemente pasadas polo seu propio saber facer.
O FIV renace en setembro
Xénero: | 22 / 7 / 2021
En marzo o FIV de Vilalba asumía a imposibilidade de celebrarse nas súas tradicionais datas de primavera, como xa pasara no anterior ano, e desde o concello declaraban a súa determinación de buscar outras datas para que se levase a cabo unha edición este ano. Esa nova edición xa está confirmada tanto en datas coma en cartel, co cal xa é oficial que o FIV está de volta. Será no vindeiro mes de setembro, entre os días 17 e 19 cando terá lugar no concello lugués a 14ª edición deste pequeno gran festival da música independente. O FIV, organizado este ano desde a empresa I-radia Crea, busca " renacer, pero sen perder a esencia", de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.
O Sinsal Esencial retransmitirá a través dun anovador escenario virtual
Xénero: | 21 / 7 / 2021
A Illa de San Simón acolle de novo, a partir do vindeiro venres 23 e ata o 25, unha edición do Sinsal SON Estrella Galicia baixo a denominación de Sinsal Esencial e cun cartel secreto, como é habitual desta cita. Do cartel artístico sabemos que estará conformado por un total de 14 bandas e artistas de Galicia, España, Portugal e EEUU. Del, destaca a alta porcentaxe de grupos liderados por mulleres ou con integrantes femininas na súa totalidade. É o caso de 9 das bandas do cartel, o que representa o 70% da oferta musical.
Anxo Araújo ten un plan musical para o optimismo
Xénero: | 20 / 7 / 2021
O disco de debut en solitario de Anxo Araújo, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (Autoeditado, 2021) supón unha aposta por un pop contemporáneo en galego, inzado de detalles de produción con ventos, electrónicas e outras texturas que achegan un son preciosista.


