Noticias
O WOS Festival presenta un formato reducido para a súa celebración
Xénero: | 26 / 8 / 2021
Un número reducido de entradas adaptado a cada un dos diferentes espazos será unha das características da Vª edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia que volve este ano a celebrarse en Santiago do 10 ao 12 de setembro. O programa conta con estreas internacionais de música e cine na súa liña multidisciplinar e de poñer o foco en talentos contemporáneos de vangarda aos que non resulta doado acceder nos circuítos máis comerciais. Nesta edición especial, a selección musical amosa unha ampla gama de proxectos ambient e minimalistas, ideais para a escoita e a experiencia nun formato sentado. A estadounidense Eartheater, o pianista ucraniano Lubomyr Melnyk e o keniano KMRU lideran a programación musical. No apartado audiovisual, as directoras Lisa Rovner e Caroline Catz presentarán as películas 'Sisters with Transistors' e 'Delia Derbyshire: The Myth and the Legendary Tapes'. Nesta edición, o programa de cine do festival pon en valor e visibiliza o papel transcendental dunha serie de mulleres na historia da creación contemporánea e a música de vangarda.
A Sala Karma reabre este sábado para os concertos
Xénero: | 25 / 8 / 2021
Tras 552 días pechados o emblemático local de Pontevedra Sala Karma volverá este sábado á actividade cultural que lle é propia: os concertos. O espazo situado na rúa Marqués de Riestra da capital provincial acollerá dúas bandas cos seus directos a partires das 22 horas: Thee Blind Crows e mascada. As condicións para esta volta á actividade tras máis de ano e medio pechados inclúen unha capacidade de público do 50 por cento (80 persoas) e ademais a obrigatoriedade da asistencia sentados e con máscara en todo momento, pero aínda así a volta á actividade é un fito que sabe a reinauguración. O responsable da sala, Marcos Rivas, declarou ao dixital Pontevedra Viva que o festival Surfing The Lerez, do que é organizador, non se levará xa a cabo este ano e terá que agardar ata o vindeiro 2022 para ver unha nova edición.
Os Premios Martín Códax recoñecen cun galardón os esforzos de salas e festivais
Xénero: | 20 / 8 / 2021
A organización dos Premios Martín Códax da Música, da Asociación Músicas ao Vivo, anunciou a posta en marcha da súa oitava edición. Esta nova convocatoria abre o vindeiro luns día 23 de agosto o período de inscrición de propostas para as 17 categorías musicais convocadas, a través das que se porá o foco nos 51 proxectos que pasen á fase final. A oitava edición dos Premios Martín Códax da Música outorgaralles un premio extraordinario ás salas e aos festivais galegos en apoio polas dificultades que atravesan por mor da situación sanitaria. Este galardón conxunto substituirá dúas das modalidades dos Premios Organistrum, que si volven convocarse no caso dos proxectos de comunicación musical. Tamén se manteñen respecto da edición de 2000 as 17 categorías musicais. En cada unha delas elixiranse tres propostas finalistas, das que sairán as gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega que terá lugar o 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A principios de setembro pecharase o período de inscrición de proxectos, entre os que un xurado profesional seleccionará os finalistas. Xa nunha segunda quenda de votacións, serán os propios socios de Músicas ao Vivo os encargados de decidir os premiados desta oitava edición.
Faros para a música nos 'Concertos na fin do mundo'
Xénero: | 19 / 8 / 2021
Este venres o faro de Cabo Silleiro, en Baiona, será o escenario de comezo do ciclo 'Concertos na Fin do mundo', un proxecto que utiliza unha selección de faros da costa galega como elemento diferenciador e contexto para varias citas musicais. O ciclo conta coa colaboración da Fundación “la Caixa” no marco da programación do Xacobeo. O gaiteiro Anxo Lorenzo, Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego. Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.
O Festival da Luz volve ás 'Leiras'
Xénero: | 17 / 8 / 2021
O festival de Boimorto artellado arredor de Luz Casal ven de confirmar que este ano, malia a situación, volverá estar presente. Entre o 10 e o 12 de setembro cun formato de presencialidade e capacidade adaptado o Festival da Luz ofrece un cartel dentro da súa liña de estilos e artistas do máis variado, reunindo neste caso ata 22 propostas musicais nesas tres xornadas. O Festival da Luz–Xacobeo 21.22 volve con formato "leiras", que xa usou o pasado ano, que cambia as cadeiras por alpacas, e as mesas por palets. Este nome do formato, rende homenaxe á contorna natural de prados e campos que rodea ao recinto do Festival. Con estas pequenas parcelas os o público poderá gozar en parella, en familia ou con amigos das actuacións musicais en modalidade de 2, 5 ou ata 10 persoas xuntas.
Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra
Xénero: | 13 / 8 / 2021
O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.
Un documental a falta de un festival
Xénero: | 11 / 8 / 2021
Desde 1991 que leva celebrándose en Cambre ( A Coruña) o festival 'Rock in Cambre? Pero este ano, ao igual que o pasado, a traxectoria desta cita musical queda cortada por mor das circunstancias sanitarias. Con todo desde a organización e o Concello non quixeron deixar pasar a efeméride do 30 aniveersario aínda que non haxa edición e para manter viva ademáis a presenza, así como para homenaxear a todos os artistas e público que pasaron polo evento, así como para os propios vecinos de Cambre, presentaron unha peza audiovisual documental: 'Rockambreiros. Historia dun pobo rockeiro'. A historia dunha cita esencial contada por algún dos seus protagonistas e seguidores. Nonito Pereira, Julián Hernández, Pulpiño Viascón ou Tomi Legido son algún dos que participan nesta peza que está xa subida nas redes do festival.
O Xacobeo incorpora unha programación sinfónica con 30 concertos
Xénero: | 6 / 8 / 2021
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e mais a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaban este 5 agosto a programación sinfónica prevista para o Xacobeo 21-22, para a que anunciaron un investimento dun millón e medio de euros. Segundo adiantou Rodríguez, esta proposta contempla a realización de trinta concertos, catro xiras musicais e a gravacións doutros tantos proxectos. A Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430 son as formacións que participan da iniciativa.
O ciclo Espazos Sonoros volve da man da Deputación da Coruña
Xénero: | 5 / 8 / 2021
O ciclo 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' chegará, no mes de setembro, a diferentes enclaves patrimoniais da provincia da man das áreas de Cultura e Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo. Este ciclo cancelouse o pasado ano, cando estaba patrocinado pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Ruxe-Ruxe ten moito que expor
Xénero: | 5 / 8 / 2021
A banda de rock bravú Ruxe-Ruxe cumpre 25 anos de actividade ininterrompida neste 2021 facendo música en galego. O festexo está a tomar varias formas, desde un traballo discográfico de homenaxe ata esta exposición que xa está aberta na Zona C de Santiago. O espazo recentemente recuperado polo Concello para a cultura na Praza de Cervantes acolle a mostra "Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico", unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical desta banda.


