Ir ao contido directamente.


Noticias

Volve a experimentación sonora do Sinsal Outono

Xénero: Alternativa | 13 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

Os días 16 e 17 de setembro regresa a Vigo o Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións. Neste 2022 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, e que acompañou o desenvolvemento e proxección da propia Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas: o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Sinsal Outono 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación e de visualización de propostas musicais contemporáneas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camoes. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo.

O WOS Festival volve a Santiago con plena potencia

Xénero: Alternativa | 7 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

A VI edición de WOS Festival x SON Estrela Galicia ultima preparativos antes da súa celebración esta semana entre o 8 e o 11 de setembro en Compostela. O evento presentouse esta mañá en rolda de prensa no Concello de Santiago. O programa está formado por numerosos concertos, con estreas a nivel nacional e internacional, dj sets, cinema e un programa de conferencias en torno ao pensamento e debate. A nova entrega de WOS Festival supón a volta á normalidade do evento tras das restricións pandémicas, ao igual que os que se veñen desenvolvendo desde principios do verán deste ano. A edición deste 2022 desenvolverase en doce localizacións de valor patrimonial da capital galega: o museo CGAC, o Teatro Principal, as Igrexas de Bonaval e da Universidade, as salas Capitol e Malatesta, a Fundación Eugenio Granell, a Sede Afundación, o Auditorio Abanca, o cinema Numax, a Fundación SGAE e o Parque de Bonaval.

Nace o Holanola Fest en Santiago como lugar de encontro de diversidade musical

Xénero: Miscelánea | 2 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

A capital galega conta cun novo festival, o HOLANOLA FEST, que celebrará a súa primeira edición do 20 ao 25 de setembro a iniciativa do Riquela Club e terá lugar en varios locais da cidade. A iniciativa, que xorde dun dos promotores do Outono Códax, ten o obxectivo de xerar un lugar de intercambio cultural entre artistas galegos, flamencos e de Nova Orleans, o festival reunirá dezasete propostas procedentes dos Estados Unidos, Galicia e o resto do Estado. A idea é que o espectador, pero tamén os músicos, teñan un lugar de encontro, atravesado por diferentes achegas culturais, construíndo durante uns días unha comunidade baseada no intercambio de saberes ao redor da música. Ademais de no Riquela Club, esta edición inaugural desenvolverase noutros locais de Santiago de Compostela, como o Flamingo o Modus Vivendi ou o Fuco Lois. Haberá tamén unha sesión vermú na praza de Feixóo a cargo da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, e conversas en formato dúo, abertas ao público, conducidas polos xornalistas musicais Fernando Navarro e Jacovo Rivero.

Sheila Patricia seleccionada para actuar no WOMEX de Lisboa

Xénero: Fusión | 24 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Sheila Patricia actuará no Lusofónica Stage da 28ª edición de Womex, a Worldwide Music Expo, que se celebrará en Lisboa do 19 ao 23 de outubro. Neste multitudinario encontro internacional a artista redondelá ofrecerá un concerto levando os temas do seu disco 'Orixe', o seu primeiro LP e tamén o seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego. Sheila Patricia foi seleccionada por parte do xurado internacional para actuar no Lusofónica Stage, escenario que acolleu ás Tanxugueiras na edición celebrada o ano pasado no Porto.

O IKFEM ofrece un amplo abano de estilos musicais e espectáculos en Tui

Xénero: Miscelánea | 12 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Desde o vindeiro venres 19 de agosto e ata o día 26 terá lugar a Xª edición do IKFEM, festival internacional de teclado da Eurocidade Tui-Valença. A celebración da primeira década de actividade deste evento transfronteirizo celebrarase nesta ocasión en Tui cun extenso e variado programa con máis dunha ducia de artistas convocados e ata 15 concertos ademais doutras actividades pensadas para toda a familia. O programa inclúe espectáculos e artistas de todas variedades musicais, desde o tradicional o pop, o rock, música clásica e barroca, fado, jazz, etc... O evento comezará o venres 19 de agosto cun concertos especial que ocupara a ponte de ferro que une Galicia e Portugal. Será unha tarde de concertos na mítica ponte metálica con varios grupos sorpresa e onde 10 pianos soarán simultaneamente cruzando as fronteiras nun escenario único no mundo sobre o río Miño para celebrar a décima edición de IKFEM e o Ano Santo Xacobeo. O programa completo está dispoñible no web do evento.

Espazos Sonoros volta unir música e patrimonio na Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Co lema "memoria dos lugares, voz do tempo", o ciclo Espazos Sonoros desenvolverá a súa vindeira edición en diferentes espazos monumentais da provincia da Coruña entre os días 3 e 25 de setembro. O programa, que conta por segundo ano consecutivo co apoio da Deputación da Coruña, combina experimentadas formacións galegas con figuras convidadas de nivel internacional.

O Festivala volta a Vilagarcía o 26 de agosto

Xénero: Miscelánea | 11 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Co foco posto na saúde mental, o Festivala. Mulleres creando celebra os vindeiros días 26 e 27 de xullo a súa nova edición en Vilagarcía de Arousa. As actuacións musicais de A banda da Loba, De Vacas e Kumbia Queers encabezan o cartel desta iniciativa, que reúne ademais a La Yaya Dj, KDJ, Señora DJ e Sofía DJ.

Jazz de Ría dá comezo a outra edición na que se distribúe entre dúas rías

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Do xoves 11 ao sábado 14 de agosto, o festival Jazz de Ría ofrecerá en Cederia, Narón e Neda unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz. Como en cada edición, a programación está deseñada para cada localización concreta, polo que a integración no territorio é total. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría.

O Cancioneiro de Buño recupera 84 cantigas de comezos do século XX

Xénero: Folk | 10 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Edicións Embora publica, co apoio do Concello de Malpica e da Real Academia Galega o Cancioneiro de Buño. Este volume recupera 84 coplas de tradición oral, recollidas en 1910 a Dolores Cancela Pérez, daquela de 17 anos. Este material supón a máis antiga recollida de música popular no concello de Malpica e saíron orixinalmente publicadas orixinalmente no Boletín da Academia Galega.

O 'Diluvio' de Tanxugueiras triunfa

Xénero: Folk | 10 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega. Co seu recente terceiro álbum, 'DILUVIO' (Calaverita Records), publicado o pasado venres 29 de xullo, veñen de situarse como o disco máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron durante a súa actuación no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo sinxelo 'Terra', co que competiron no Benidorm Fest e que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas. No cómputo global de vendas físicas e dixitais, 'DILUVIO' ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por atrás dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. O disco de ouro por 'Terra' , outorgado tamén pola auditoría GFK e Promusicae ven motivado ao superar máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais. 'Terra', publicado o 21 de decembro de 2021, suma xa máis de 30 millóns de reproducións.

<< Inicio / Anterior . 351 a 360 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR